Semana Santa na cidade de Lugo

14 de abril   Xoves Santo

18,00 h EUCARISTÍA DA SANTA CEA Catedral

19,30 h PROCESIÓN DA SANTA CEA (Organiza a Confraría Sacramental da Santa Cea do Señor). Sae da Catedral

15 de abril   Venres Santo

12,00 h SERMÓN DAS SETE PALABRAS Catedral

18,00 h CELEBRACIÓN DA PAIXÓN DO SEÑOR. Catedral

18,30 h ACTO DO DESENCRAVO DO SEÑOR. Igrexa Conventual dos PP. Franciscanos (Organiza a Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dolores de María Santísima)

20,00 h PROCESIÓN DO SANTO ENTERRO (Organiza a Orde Franciscana Segrar e a Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dolores de María Santísima). As 20,15 H. Súmanse as demais confrarías a esta procesión, ao seu paso polo fondo da Praza Maior

23,00 h PROCESIÓN DA VIRXE DA SOIDADE “AS CALADIÑAS”. (Organiza a Orde Franciscana Segrar). Sae da Capela da Soidade

16 de abril  Sábado Santo

08,30 h PROCESIÓN PENITENCIAL DA VIRXE DA PIEDADE, SANTO ROSARIO E VÍA CRUCIS (Organiza a Confraría do Santo Cristo do Perdón e da Nosa Señora da Piedade). Sae da Catedral

23,00 h SOLEMNE VIXILIA PASCUAL. Catedral

17 de abril  Domingo de Pascua

11,40 h PROCESIÓN DO SANTO ENCONTRO. Sae do Concello.

12,00 h SOLEMNE MISA PONTIFICAL DE RESURRECCIÓN. S. I. Catedral Basílica Santa María de Lugo.

13:30 h. Ao remate da Santa Misa, PROCESIÓN DO CRISTO RESUCITADO (Organiza a Confraría da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén). Sae da praza de Santa María

A cruz é a cara visible do amor de Deus

Sempre se dixo que a Deus xamais o viu ninguén. Aforismo falto de verdade, posto que Deus deixounos dous retratos de si mesmo: un deles é a cruz, xa que se amor escríbese con sangue, ningún retrato máis nítido de Deus-amor que a cruz do calvario. Alí o sangue do divino Salvador empapou o madeiro do Gólgota: sangran as chagas das súas mans e dos seus pés; sangue do seu costado aberto pola lanza; sangue na súa fronte coroada por espiñas. Se amor escríbese con sangue, ningunha páxina máis arroibada de agarimo que a escrita na tarde do primeiro Venres Santo. Alí o pecado do mundo e a bondade do Corazón de Deus déronse un abrazo redentor. O negro, cor do odio dos homes, cambiou, e o amor do fillo de Deus brillou como nunca o sol brillara xamais. A escuridade da mañá do paraíso terreal fíxose claridade de mediodía. A impresentabilidade dos nosos primeiros pais, fíxose familia agradable a Deus, e os anxos compracéronse contemplando o novo mundo. Nel retratábase Deus, co seu poder, coa súa bondade e misericordia. O mundo redimido é a foto cruenta do Deus-redentor, e nel podemos compracernos tamén os homes, onte pecadores e hoxe perdoados.

A segunda fotografía do bo Deus é a parábola do fillo pródigo. Un bo pai tiña dous fillos que facían felices á súa familia. Naquel fogar abundaba o agarimo e non faltaba pan, pero un mal día o diaño entrou en casa e a tentación venceu ao máis novo do fogar ofrecéndolle unha pseudoliberdade se deixaba o fogar paterno e marchaba a outros ambientes. O mozo caeu na trampa diabólica e pediulle ao seu pai a parte de herdanza que lle correspondía. Non lle pediu nin máis pan nin máis agarimo; de todo había abundancia na casa. O que el ansiaba era un mundo sen fronteiras para satisfacer os seus caprichos persoais e así o presenta ao seu bo pai que, adestrado en compracer sempre aos membros da súa familia, repártelles a herdanza aos seus fillos. Agora o mozo xa «é feliz»: ten diñeiro; non lle faltan amigos; todos o aprecian… o mundo que acaba de estrear faille a persoa máis ditosa da terra. Pero a terra non só é redonda, tamén é limitada, e a amizade que tiña por base un fondo adiñeirado, ía desfondándose e todo acabou derrubándose: tamén a situación privilexiada que vivía aquel mozo fóra da súa casa paterna. A falta de pan e agarimo tráenlle á mente o recordo do fogar que o vira nacer e pensa que a volta á súa antiga casa pode ser unha boa decisión. «Pero, con que cara vou onde meu pai? Como fillo non me atrevo: fareino como xornaleiro. A miña posición social será outra pero, polo menos, comerei pan amasado coa suor do meu traballo». Con todo, o pudor do antigo comportamento impídelle atoparse co seu pai. O amor filial do seu corazón de fillo non abonda para sortear esta dificultade. Aínda que agora quen manda na súa vida xa non é o corazón senón o seu estomago famento e, movido pola fame, ponse en camiño cara ao seu antigo fogar meditando as palabras que usaría para saudar ao seu pai. O fillo prodigo vai consentindo nun mal pensamento e pensa que o seu antigo pai xa non o mirará con ollos de amor senón con corazón de xuíz e pecharalle as portas que un día el tamén pechara con violencia e desprezo. Pero estaba equivocado: o pai continuaba mirándoo cos ollos do corazón, e abriulle as portas e os brazos para recibilo co agarimo de sempre. Mandou facer festa porque o fillo, nunca esquecido, volvía á súa casa e o corazón do pai enchíase do maior gozo da súa vida.

Así debuxa Xesús o rostro de Deus, o noso pai. E imaxino que o seu fillo volve estrear os seus ollos para mirar ao seu pai, cun amor con que nunca o mirou, e a festa fíxose grande, moi grande. Esta foi a mellor pascua do Señor. Así se nos manifesta o Señor en dúas pantallas de distinto matiz: na do Gólgota, o matiz é de cor de sangue, expresión do amor infinito con que Deus ama ao mundo; na parábola do fillo pródigo o matiz é de misericordia desbordante de amor de pai.

Mirémolo nós con ollos de corazón filial, para que a súa próxima Pascua sexa festiva en plenitude.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

Celebración do Domingo de Ramos na cidade de Lugo

O Bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco, presidiu a Misa de Ramos na Paixón do Señor, que concelebraron cóengos da catedral e varios dos párrocos da cidade de Lugo. Asistiu un gran número de fieis.

Na súa homilia, Mons. Alfonso Carrasco, indicou que «comezamos a celebración da Semana Santa neste día do Domingo de Ramos no que acompañamos á imaxe do Noso Señor montado naquel burriño que entraba en Xerusalén. Mentres a xente se alegraba, El seguramente sabía moi ben o que facía e onde baixaba e cal era o destino que o agardaba».

Tamén sinalou que o primeiro consello que Xesús nos dá, e que pode acompañarnos nesta Semana Santa, é o de orar. Porque para seguir o seu camiño o home debe levar no seu corazón unha certa vixilancia, para ser quen de responder aos desafíos que aparecen na vida.

Xesús foi condenado no medio do boureo. Pídesenos a oración que nos axude a manter o noso corazón libre cando non consigamos que a nosa voz se oia máis que a dos demais, cando o boureo sexa forte.

E ás 19:30 h tiña lugar a procesión da Virxe das Dores, organizada pola Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dores de María Santísima. Participaron autoridades eclesiásticas, civís e a Banda de Música de Meira.

Oración por Ucraína

As Igrexas Ortodoxa, Evanxélica e Católica e a Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo organizan o venres 8 de abril un día de oración pola paz na Praza de Santa María a partir das 20h

PROGRAMA

20.10  BENVIDA E EXPLICACIÓN. Quen convoca o acto e por que se fai

20.20  XESTO para axudar a identificarse coa dor que sofren os nosos irmáns na guerra de Ucraína

20.25  ORACIÓN CON SOLTA DE GLOBOS

Cada persoa que vai orar toma un globo, le a oración e libera un globo como un símbolo da petición que se eleva a Deus.

20.35  DECLARACIÓN DE FE SOBRE A PAZ

20.40  LECTURA DO MANIFESTO POLA PAZ

20.45  NOSOPAI

20.47  SE LUZ. Entrega de candeas. É un desafío para ser luz no medio das tebras. Serviría como recordatorio de orar por Ucraína ao ver a candea na casa.

20.50   Despedida do acto organizado polas comunidades ortodoxa, evanxélica e católica. Invitación a unha marcha pola muralla organizada pola Xunta de Confrarías.

Pregón da Semana Santa de Lugo

No Círculo das Artes o mércores 8 de abril tivo lugar o Pregón de Semana Santa a cargo de Ramón Basanta, Irmán Maior da Confraría do Desencravo, que cumpre 75 anos. No ano 2020, a Confraría que celebraba o seu 75 aniversario era a da Borriquiña, e estaba previsto que o pregoeiro fose Ramón Basanta, ao procesionar na súa infancia como soldado romano. Por respecto a esa confraría, pronunciou o pregón preparado para aquela ocasión. Con presenza de autoridades relixiosas e civís, os actos estiveron presentados por Isabel Lagares.

Tralo visionado dun vídeo de Andry Milan sobre a Semana Santa, actuou o Orfeón Lucense dirixido por Marcos Manuel Fernández Mosquera. Ao órgano estivo Luis Varela Castiñeira. Interpretaron 5 pezas de M. Villanueva, San Germano, J. S. Bach, Mozart e Theodore Dubois.

Ramón Basanta comezou o seu pregón lembrando a transmisión da fe no ámbito familiar, e varias percepcións sensoriais (aroma no intre de pasar o ferro para preparar os hábitos, sons de tambores e trompetas…). Seguíu coa historia da Semana Santa lucense desde os anos 1980 e referiuse a un momento de especial importancia na súa vida persoal:

“Corría o ano 1987, un ano despois de ser nomeado Irmán Maior da miña confraría e na noite do Xoves Santo, antes de volver á miña casa, pasei polo local onde tiñamos gardado o paso do Desencravo… Ao arrimarme á cruz, a miña mirada deslizouse cara ao rostro de Xesús. Ese rostro demacrado, contorsionado nun xesto de agonía, cos seus ollos en branco. E a miña mente viuse invadida por unha serie de preguntas: Por que terías que morrer así? Cal foi a necesidade de tanto sufrimento? A partir dese momento ese rostro espertou en min unha inquietude que marcará o resto da miña vida.

A cruz non é un invento de Deus, senón dos homes… Xesús foi elixido para ensinarnos a amar, a convivir, a descubrir a verdade, a desmontar a hipocrisía, a mirar a Deus, a mirar aos homes. Quixo axudarnos a superar a finitude, a soportar a angustia de ser criaturas imperfectas. Tróuxonos a palabra pai, a palabra irmán, a palabra liberdade. Rompeu as amarras dunha maneira de concibir a lei, aquela que a pon por riba das persoas. Non se someteu aos poderes do templo nin políticos, senón ao amor do Pai.

A cruz era inevitable, a maldade humana fíxoa inevitable. Desde aquela vivo profunda e apaixodamente a Paixón de Cristo. As celebracións de Semana Santa convertéronse na forma de vivir a miña fe, de compartila cos meus irmáns e de transmitila a todos aqueles aos que poida chegar”.

Finalmente, Ramón Basanta fixo un repaso polas procesións e actos litúrxicos da Semana Santa.

A %d blogueros les gusta esto: