O 15 de febreiro o Colexio Diocesano San Lorenzo organizou a celebración da aprendizaxe, coincidindo coa segunda das xornadas de portas abertas. Nisto último participaron tanto pais e rapaces interesados en coñecer o centro como medios informativos e autoridades locais. Ademais de visitar as instalacións, asistiron á celebración da aprendizaxe, consistente en que o alumnado de varios cursos de Secundaria presentou o resultado dos seus traballos por proxectos (a célula, Alfonso X o Sabio, cuadratura do círculo). Neste caso tamén estaban presentes os pais dos alumnos. Desde principios deste ano vén desenvolvéndose este método didáctico que implica a varias materias ao mesmo tempo e que continuará ata final de curso con cinco proxectos máis.
Mes: Febreiro 2022
Alberto Cano SJ fala da pastoral con sanitarios
Alberto Cano S.J. é un diácono e psiquiatra que se formou como médico interno residente no Hospital Universitario La Paz de Madrid. É autor do libro Bajo la bata. Hacer pastoral con sanitarios hoy. Interveu na XL Xornada Interdiocesana de Pastoral da Saúde celebrada recentemente en Santiago e María José Campo falou con él sobre a pastoral con sanitarios, sendo isto parte do que Alberto Cano contou:
Elementos da pastoral con sanitarios
1) “Atenderá as experiencias reais que están vivindo médicos, enfermeiros, auxiliares, celadores, psicólogos… nos hospitais a que se enfrontan nos momentos de zozobra, querendo vivir a súa vocación con plenitude pero cunhas dificultades que veñen do contexto. Hai que ter en conta as experiencias reais e antropolóxicas dos sanitarios”.
2) “Capacidade de escoita e preguntas xenuínas. Adicar tempo xenuíno para preguntar a médicos e enfermeiros como están, que é o que están vivindo, cales son as súas dificultades”.
3) “Propoñer o mellor da tradición católica como unha capacidade de ofrecer sentido profundo e honesto, espiritualidade e confianza en Deus que vai sostendo todo o que facemos”.
A alma doe
“Non nos doe só algo físico, non nos doe tampouco só o emocional ou psicolóxico; tampouco nos doe só o social (contorna laboral, familiar). Ás veces a alma doe, e son esas situacións nas que nos atopamos co sen sentido, nas que percibimos que dalgunha maneira perdemos a dignidade. A vida ponse costa arriba e non se é capaz de facer unha lectura reconciliada co noso pasado. Aí a alma doe e iso non o poden tratar os internistas, nin os psiquiatras nin os traballadores sociais. Hai outra dimensión que debe ser abordada e o mundo da pastoral da saúde ten unha palabra que dicir en todo isto”.
Labor dos capeláns
“Todo o mundo sabe que hai capeláns no hospital, pero non sempre é doado acceder a eles, non polo capelán, senón porque o entorno de coidados do paciente non ofrece de xeito claro esta posibilidade en temas de dor espiritual, de trascendencia. Coñécese o labor dos capeláns, pero non se accede todo o que se podería. Hai medos, hai prexuízos, pudor, ás veces ofrécese a atención espiritual nun intre no que o paciente está sufrindo e non pode recibir esa atención con paz e sosego. Aí temos o reto de procurar que a figura do capelán moito máis presente nos hospitais, como parte dese coidado integral que desexamos ofrecer. O capelán non pode ser un pegote que está aí para cando o chamen, e debe ser máis accesible para pacientes e familias”.
Xornadas de portas abertas Colexio Diocesano San Lorenzo
Todas as persoas interesadas en coñecer o modelo educativo en Secundaria e Bacharelato do Colexio Diocesano San Lorenzo teñen 2 oportunidades de achegarse até o edificio do Seminario de Lugo despois de cubrir un formulario na web
→ 15 de febreiro ás 16:30 h → 7 de marzo ás 16:30 h
Seminario Menor de Santiago e Colexio Diocesano San Lorenzo, empeñados na excelencia educativa
A etapa de Secundaria dos dous centros educativos súmanse á aposta polo cambio pedagóxico que propón a Fundación Trilema. A idea é pór en práctica as novas metodoloxías ao servizo da aprendizaxe do alumnado e agardando alcanzar a excelencia educativa. Esta concrétase na mellora de polo menos, 6 aspectos: currículo, metodoloxías, avaliación, organización, personalización e liderado.
Os claustros do centro educativo compostelán e do lucence puxeron en marcha os ámbitos de aprendizaxe e o traballo por proxectos.
Campaña contra a fame de Mans Unidas
Actos
Esta semana voluntarios de Mans Unidas Lugo visitan colexios e institutos, dentro da campaña contra a fame 2022. O venres 11 é o Día do Xaxún Voluntario: ás 17 h celébrase unha Eucaristía na Capela Maior do Seminario, e a continuación un café solidario. A colecta das misas vespertinas do sábado día 12 e as do domingo día 13 dedícanse a esta Campaña.
Proxecto
Mans Unidas Lugo financia este ano o completar a estrutura da escola comunitaria de Bekia, que foi fundada en 2012 e ten o ciclo completo de primaria. Bekia é unha vila do sur do Chad, país no que a educación pública segue sen ser efectiva.
[Carta pastoral de Mons. Alfonso Carrasco] [Páxina web da campaña]
Xornada Mundial do Enfermo
A Igrexa celebra o 11 de febreiro, festividade da Nosa Señora de Lourdes, a Xornada Mundial do Enfermo.
«Acompañar no sufrimento» é o lema que propón o departamento de Pastoral da Saúde para esta Xornada instituida hai 30 anos por san Xoán Paulo II para sensibilizar sobre a necesidade de asistir aos enfermos e a quen os coidan.
O papa Francisco, na súa mensaxe, lembra con agradecemento que neste tempo avanzouse bastante, pero, puntualiza, «aínda queda moito camiño por percorrer para garantir a todas as persoas enfermas, principalmente nos lugares e nas situacións de maior pobreza e exclusión, a atención sanitaria que necesitan, así como o acompañamento pastoral para que poidan vivir o tempo da enfermidade unidos a Cristo crucificado e resucitado».
OUTRAS DATAS
- A Asemblea anual ordinaria da Hospitalidade Diocesana de Lourdes, correspondente ao actual ano 2022, celebrarase o día 6 de maio, data na que tamén comeza a inscrición para a peregrinación diocesana a Lourdes.
- A Campaña de Pastoral da Saúde conclúe o 22 de maio, cando a Igrexa en España celebrará a Pascua do Enfermo.