Triduo na honra de San Manuel González

A partir do 2 de xaneiro na Catedral de Lugo celébrase un triduo na honra de San Manuel González, cos seguintes actos:

Domingo 2 de xaneiro ás 18 h: oración e vésperas eucarísticas.

Luns 3 de xaneiro ás 18 h na capela do Bo Xesús conferencia do prefecto de liturxia da Catedral, Manuel Castro Gay: “Llevar la Eucaristía a la vida y la vida a la Eucaristía según el pensamiento de San Manuel”.

Martes 4 de xaneiro ás 20 h: celebración eucarística. A colecta adícase ao Fondo Solidario San Manuel González.

Xornada de formación sobre a eutanasia

O martes día 28 de decembro terá lugar a segunda xornada de formación que para este curso organiza a Diocese. O encontro será de 10:30 h a 13:15 h, no salón de actos do Seminario de xeito presencial e poderá seguirse por YouTube na canle da Diocese de forma persoal ou nos puntos de conexión habilitados en distintas zonas pastorais: Lalín, Monterroso, Baralla, Chantada e A Fonsagrada.

O tema será: “A eutanasia: implicacións antropolóxicas, morais e médicas”. Participan D. Manuel Martínez-Sellés, director do Colexio de Médicos de Madrid, e D. Ignacio Serrada Sotil, sacerdote de Madrid e doutor en teoloxía.

Festa da Sagrada Familia

O domingo 26 de decembro a Igrexa celebra a Xornada da Sagrada Familia co lema «Anunciar o Evanxeo da familia hoxe». O Bispo presidirá o devandito día a Santa Misa na Catedral ás 13 horas. Renovarán as promesas matrimoniais cantos participen nesta celebración. Ao concluír a mesma, Mons. Alfonso Carrasco entregará un obsequio ás familias.

[Materiais]

A Noite Boa, ecuador da historia

O nacemento de Xesucristo divide a historia en dous hemisferios: o mundo das promesas e o mundo das realidades salvíficas. Coa vinda do Mesias, as dádivas de Deus chegan á súa plenitude. As promesas do Ceo xa están cumpridas. Desde o Nadal, o Fillo de Deus habita connosco e é “patrimonio da humanidade”.

Deus e o home non rivalizan, senón que se atraen. Non podemos ter medo, porque o Neno de Belén non é un Deus medorento, senón misericordioso: non vén a inflixirnos un castigo exemplarizante, senón a ensinarnos un camiño a seguir. Vén curar as nosas feridas co medicina da misericordia. Non vén amedrentar o noso espírito con ameazas de reprobación, senón a serenar as nosas conciencias co don da paz. O Neno de Belén vén saldar as nosas débedas coa entrega de si mesmo.

Deus achégase aos homes. As distancias vanse acurtando entre os dous. Os misterios do ceo natalicio revélannos que o Mesías é “Deus connosco”; Deus para nós e Deus en nós. As distancias entre o Ceo e a terra acurtáronse tanto que en Xesús de Nazaret, Deus e o home abrazáronse hipostáticamente. É dicir, que as dúas naturezas de Xesucristo, a divina e a humana, subsisten na única persoa do Verbo. En Xesús de Nazaret, Deus e o home fixéronse amigos. O amor de Deus acurtou as distancias, e a súa humildade superou as diferenzas.

O Nadal é unha declaración de humildade por parte de Deus. No berce de Belén constátase que o Señor “desposuíuse do seu rango e tomou a condición de escravo”. Terá o home que desposuírse da súa soberbia, para que se produza o encontro. Este encontro xa tivo lugar na Santísima Virxe, porque o Señor mirou a pequenez da súa escrava. “Ditosa ti, que criches, porque o que che dixo o Señor, cumprirase”. A fe e a humildade de María foron lugares de encontro entre Deus e os homes.

Tomemos exemplo da Santísima Virxe. Ela, tras a encarnación do Fillo de Deus, ten conciencia de que o Redentor, que se encarnou nas súas entrañas, non é só para Ela, senón para toda a humanidade. E en cumprimento desta convicción, peregrina á montaña de Xudá, porque a súa curmá Isabel, que está de seis meses, necesita dos seus servizos. É que a fe pon en movemento, e o principal compromiso de todo crente é a caridade. María dános exemplo diso, e desprázase á montaña. O encontro sorprendeu a Isabel, e no momento do saúdo, o Bautista quedou santificado no seo da súa nai. É que o que está cheo de Deus, comunícao. Por iso María, a chea de graza, dános a Xesús. Encher tamén nós de virtudes e contaxiémolas aos nosos concidadáns, para que as pegadas do Fillo de Deus, feito home, sirvan de guía aos homes de hoxe e de sempre.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Actuacións musicais

Capela do Carme, Lugo. Xoves 16 (día do mes en que se celebra a Eucaristía na capela), O armonio do século XIX da capela tocarao Xavier de Acosta, que tamén o restaurou recentemente. Xunto con Abraham Sánchez (voz) interpretarán “Stabat mater”, de Pergolesi, cantos de Advento como “Nueva aurora”…

Igrexa Santiago A Nova, sábado 18 de decembro: clausura da Novena á Virxe da Esperanza, co Orfeón Lucense.

Igrexa de Meira, sábado 18 de decembro ás 19:30 h: II Festival de Corais de Nadal, con actuación da Coral Polifónica de Meira, Coral Polifónica de Palas de Rei e do Orfeón Xoán Montes de Lugo.

Igrexa de San Froilán, Lugo, domingo 19 ás 19h: Concerto e Misa co Orfeón Lucense

Catedral de Lugo, domingo 19 ás 20:45 h Concerto de Solo Voces, e o domingo seguinte, 26 de decembro ás 17:30 h actúa o Orfeón Lucense. Estas actuacións forman parte do ciclo musical “Cantemos ao Nadal” que se vén desenvolve este mes na basílica lucense.

Festival de panxoliñas en liña que organiza o 17 de decembro Escolas Católicas.

A %d blogueros les gusta esto: