Xornadas de liturxia

Os próximos días 13 e 14 de outubro celébranse as XLIX Xornadas de Liturxia que orga-niza a Conferencia Episcopal Española, que este ano, pola pandemia impartiranse online. O tema que se tratará será a iniciación cristiá e o catecumenado, hoxe.

Estas xornadas suplen a xornada de formación que tiña a Diocese de Lugo outros anos a principios de curso no Seminario.

Para facilitar a participación nas xornadas estableceranse varios puntos de coñexión en distintos lugares da Diocese: A Fonsagrada (igrexa), Lugo (Seminario), Lalín (Santuario do Corpiño), Chantada (Igrexa Nova), Monterroso (Casa parroquial), Baralla (Casa parroquial), Sarria (igrexa O Rosario), e Monforte (Casa parroquial).

Se alguén prefire mellor participar desde a súa casa, de xeito individual, tamén se pode facer, solicitando as claves para a conexión á parroquia A Milagrosa (Lugo) ou á parroquia Sta. María (A Fonsagrada).

O programa detallado das xornadas será o seguinte:

Mércores 13 de outubro

16:00 h. Oración inicial e presentación das Xornadas. Mons. José Leonardo Lemos Montanet, bispo de Ourense e presidente da CEL.

16:30 h. O catecumenado e a iniciación cristiá, onte e hoxe. D. Jaume González Padrós. Profesor do Instituto de Liturxia (Barcelona) e consultor da Comisión Episcopal para a Liturxia.

18:00 h. O Ritual da iniciación cristiá de adultos. D. Lino Emilio Díez Valladares, SSS. Párroco da Nosa Señora do Santísimo Sacramento de Madrid e profesor de Liturxia.

Xoves 14 de outubro

16:00 h A catequese no proceso da iniciación cristiá. D. Juan Luís Martín Barrios. Vigairo para o Ministerio Ordenado e os Ministerios Laicais. Diocese de Zamora.

17:30 h A iniciación cristiá dos nenos en idade catequética. D. Vicente Edgar Esteve Pineda. Delegado episcopal de Liturxia. Arquidiocese de Valencia.

19:00 h Clausura das Xornadas. Mons. José Leonardo Lemos Montanet.

A perfección do home

Un ser é perfecto se posúe todas as calidades esixidas pola súa natureza.

As facultades específicas da persoa humana son a intelixencia e a vontade. Cantos máis coñecementos posúe o seu entendemento, máis rica é a súa intelixencia, e canto máis correcto é o seu comportamento, máis rica é a súa conduta. Nisto consiste a perfección humana, segundo Aristóteles. Se, ademais, vive en plena comuñón con Deus, a nivel de criterios, de sentimentos e de comportamentos, a súa perfección alcanza un alto nivel cristián, ao dicir de San Tomé.

Deus quere a nosa perfección, porque El mesmo é perfecto, e o home está chamado a ser a súa imaxe. A chamada positiva do home á perfección non se funda na natureza humana. Sería unha perfección meramente terreal: ollo por ollo e dente por dente. A perfección cristiá ten como referencia o ser de Deus e o seu xeito de actuar. El é bo cos bos, e é misericordioso cos pecadores. Que un pai dea a vida por un fillo, compréndese, pero que a dea por un inimigo, iso é cousa de Deus. É unha graza que o Señor, concede ao crente. Hai aquí un salto cualitativo entre o comportamento humano e o comportamento cristián. A perfección cristiá é un crecer até a forma do proceder de Xesús, que deu a vida polos xustos e polos pecadores; polos seus amigos e polos seus perseguidores.

A teoloxía espiritual distingue tres niveis no curso da perfección cristiá:

a) Cumprir o prescrito polo Señor: a súa lei, os seus mandamentos. É unha perfección humana.

b) Imitar a Xesucristo, tal cal se nos mostra no Evanxeo. É a encarnación do Pai no proceder de Xesucristo.

c) Acoller os desexos do Señor, aceptando a invitación a seguilo na vida consagrada, é superar a obrigatoriedade pola xenerosidade.

Todo isto constitúe os niveis da perfección cristiá. Pero aínda cabe distinguir outra gradación que enriquece a espiritualidade. O dito até aquí, refírese preferentemente ao por que se cumpre a vontade de Deus. Agora trátase de perfeccionar o modo de facer o que se fai. A este nivel, o primeiro grao consiste en observar a lei porque así o ordenou o Señor. O segundo grao consiste en imitar a Xesús, para parecernos a El, que nos di “Aprendede de min, que son manso e humilde”. E o terceiro nivel consiste em seguir a súa chamada para compracelo, colaborando con El, na construción do Reino.

Certo que este labor supera as nosas posibilidades, pero o Señor, que nos convida a seguirlle, tamén se compromete a acompañarnos, e co seu compromiso, tamén o noso compromiso é realizable.

A perfección cristiá non é unha utopía: é un labor, ao cal todos estamos chamados.

Adiante! Pois nunca é tarde.

Indalecio Gómez, cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Mesa redonda sobre “Familia e misión”

Organizada pola Delegación de Misións e a Delegación de Laicos, familia e vida, o 2 de outubro tivo lugar no salón de actos do Seminario de Lugo unha mesa redonda sobre a familia e a misión:

O primeiro en intervir foi o director nacional de Obras Misionais Pontificias, José María Calderón:

A misión é unha plena manifestación da sinodalidade, onde todos os homes: sacerdotes, mulleres, consagrados, casados, solteiros… xuntos saímos ao mundo a evanxelizar, coa conciencia clara de que o Señor necesita brazos e persoas para levar a súa mensaxe de salvación a todos os homes. Todo iso foi pouco a pouco formalizándose e tomando corpo e grazas a Deus todo está moi normalizado. Dos 9.000 misioneiros españois que están polo mundo, 556 son sacerdotes diocesanos e laicos 651 (deles 230 son matrimonios). Hai máis segrares que van a evanxelizar, que sacerdotes diocesanos. As relixiosas, a vida consagrada feminina, supera a todos: están sempre na avanzada, tiran para adiante, móllanse”.

A continuación interveu unha familia do Camiño Neocatecumenal, Raquel Puig e Virgilio Martínez:

Na Diocese de Túnez o Bispo pediu unha familia con fillos pequenos e que o pai fose enfermeiro. Pen-samos que tal vez era vontade de Deus, e ofrecímonos. No ano 2011 fomos enviados, xunto con outras familias, á misión polo papa Bieito XVI. Estivemos en Túnez case 2 anos. O tipo de misión alí tivo que acabar e volvimos a España sempre agradecidos a Deus polo que fixo por nós, o que Deus nos deu gratis. E pensamos: como non imos compartilo?

Nunha convivencia onde se buscaba o que o Señor quería de nós, soubemos que os bispos galegos pedían aos catequistas do Camiño Neocatecumenal unha axuda que se materializou en forma de 17 familias, 4 en Lugo. Desde hai 7 anos estamos ao servizo da Diocese, axudando na iniciación cristiá de adultos en parroquias: A Milagrosa, A Nova – Nosa Señora de Fontiñas, San Froilán, Albeiros”.

Por Misioneiros Segrares Vicencianos (MIsevi) interveu primeiro o matrimonio formado por Manuel Gamallo e Mª Jesús Cuena, que, entre outras cousas, dixo:

Con 23 anos fun a Mozambique, onde estiven varios anos como misioneira segrar formando parte dunha comunidade de misioneiras. Traballei nun hospital onde aprendín case todo o que sei. Pasei a malaria, o cólera e houbo un momento na miña vida no que estivera traballan-do máis en África que en España.

Cando estivemos en Etiopía, tivemos moitas circunstancias xunto a outras familias, con persoas que non teñen nada que ver contigo, nin o idioma, nin a forma de vivir, nin a cultura… e o único que une é a fe.

De novo en España, para ter un medio de vida, fun a unha oposición a enfermeira de prisións. Cando tiña uns meses libres, volvía á misión. Neses momentos impliqueime en Misevi Internacional, sendo moi consciente de que misión laica ten que sosterse por si mesma e desde España as familias temos que buscar a forma de soster a misión.

E finalmente deron o seu testemuño Emilio Estévez e Mónica Villar, do Equipo coordinador de Misevi. Mónica contou, entre outras cousas, o seguinte:

O meu marido Emilio e mais eu estamos na parte de atrás, na retagarda. Vou poñer o exemplo do quirófano: nunha operación cirúrxica, o cirurxián extirpa o tumor ou repara o que estea roto, pero previo a iso hai moitísimas persoas que teñen que preparar a sala de quirófanos, preparan ao paciente, acompañan ás familias. Tamén hai unha parte que non se ve do que supón un envío, cando unha persoa chega á misión. Pois ben, os dous estamos traballando nesa área.

Estar nun equipo internacional conseguiu en min vencer medos como o ter que enfrontarse a unhas contas, ter que ir soa a moitos sitios, ter que xestionar moitas veces emocións como a culpa cando non se pode axudar a alguén en tempo e forma.

Temos que poñernos ante Deus e dicir: que queres que faga con respecto ao labor misioneiro da Igrexa?”

Retiros con temática misioneira para sacerdotes

 A Delegación Diocesana de Misións informa dos  retiros para sacerdotes que organiza durante este mes de outubro, mes misioneiro.

Esta semana dirixe os retiros Daniel Cerezo, misioneiro Comboniano que pasou boa parte da súa vida en China e África. O día 7 foi en Lalín e o día 8 en Sarria. 

 Os seguintes retiros estarán dirixidos polo misioneiro Comboniano Héctor Manuel Pena e o Delegado Diocesano de Misións Jesús Manuel Santiago.

  • Día 13, en Monforte con Héctor Manuel Pena.
  • Día 14, en Fonsagrada con Jesús Manuel Santiago.
  • Día 20, en Chantada con Héctor Manuel Pena.
  • Día 21, en Lugo con Héctor Manuel Pena e en Cotos Esquerda con Jesús Manuel Santiago.
  • Día 27, en Baralla con Jesús Manuel Santiago.
  • Día 28, en Monterroso con Héctor Manuel Pena.

Xornada mundial polo traballo decente

Con motivo da celebración da Xornada mundial polo traballo decente, o 7 de outubro prográmanse os seguintes actos:

Na igrexa conventual das MM. Agustinas (pza. Santo Domingo, Lugo), vixilia ás 19 h

Ao final Xulio Xiz lerá o manifesto “Agora máis que nunca, Traballo Decente”.

Convocan as seguintes entidades: Cáritas Diocesana, Confer, Fundación Juan Soñador, Irmandade Obreira de Acción Católica, Taller de Solidariedade.

[Manifesto]

A %d blogueros les gusta esto: