125 aniversario do Congreso Eucarístico Español en Lugo

O sábado 16 de outubro conmemorouse o 125 aniversario do II Congreso Eucarístico Español, celebrado en Lugo.

O Bispo, Monseñor Alfonso Carrasco Rouco, presidiu a “Vixilia de espigas” na Catedral Basílica.

Previamente houbo unha conferencia sobre o venerable Luis de Trelles no Salón de Actos do Seminario, a cargo de D. José de Cora Paradela, escritor, xornalista e Director Xeral de El Progreso.

“É unha persoa excepcional, é unha personalidade dentro da historia de España estupenda, polimorfa e polifacética en infinidade de asuntos. Non podemos quedar co Luis de Trelles fundador da Adoración Nocturna, porque sería reducilo; non podemos quedar co Luis de Trelles avogado porque sería reducilo ou co Luis de Trelles mediador entre os bandos isabelino e carlista naquela terceira guerra carlista, na que fixo un papel fundamental. Tanto que foi destacado por adiantarse 50 anos ao espírito da Convención de Xenebra de 1930, naquilo que se refire ao bo trato que, aínda nas circunstancias calamitosas dunha guerra, debe darse aos prisioneiros. Dá parte da súa vida e dos seus bens, e consigue a liberación de miles de prisioneiros carlistas a cambio de miles de prisioneiros isabelinos”.

O corpo da conferencia de José de Cora tratou do caso xudicial que en 1876, levou Luis de Trelles: o caso Baldomera Larra (filla de Mariano José de Larra), fundadora tres anos antes dunha banca popular que ofrecía a obtención dun altísimo rendemento.

 Estes actos foron celebrados por iniciativa da “Fundación Luís de Trelles” e contaron coa colaboración do Consello Diocesano da Adoración Nocturna lucense.

Apertura do Curso Pastoral e do Sínodo convocado polo Papa Francisco

O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, convoca a todos os diocesanos a participar este domingo 17 de outubro ás 18 h na solemne Eucaristía de apertura do Curso Pastoral diocesano e na que, ademais, quedará aberta a fase diocesana de preparación para o Sínodo convocado polo Papa Francisco e que culminará en 2023.

O camiño sinodal, co lema Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación e misión, iniciouse solemnemente en Roma hai unha semana cunha Eucaristía presidida polo papa Francisco. Este sínodo, no que participará a Igrexa Universal, conta cunha fase diocesana.

Na nosa Diocese, despois da apertura este domingo, celebraranse reunións sinodais ao longo dos vindeiros meses para reflexionar sobre os temas propostos pola Santa Sé.

Os días pequenos de outono e «o Sol que nace do alto»

Cada estación do ano ten a súa peculiaridade. Os días cada vez máis pequenos do outono condicionan o noso ánimo, que tamén ten algunhas consecuencias na forma de vivir e celebrar a fe e nas actividades das parroquias.

Por exemplo, en parroquias nas que hai bastantes funerais (na Fonsagrada desde novembro do 2020 xa van máis de 100), ás veces temos problemas para fixar a hora, porque ás 6 da tarde xa case é de noite. Ou a misa da tarde que a temos ás 7, para algunhas persoas maiores xa lles resulta un pouco difícil asistir, porque xa saímos totalmente de noite e fai frío e moitas veces chove abondo.

Persoalmente non levo ben tanta escuridade, gústanme os días grandes e a luz do sol. Non en balde, os cristiáns guiámonos polo «Sol que nace do alto», Xesucristo que venceu á morte na escuridade do sepulcro e apareceuse resucitado e luminoso ao clarexar do primeiro día da semana.

Non estamos feitos para a morte e a escuridade. Estamos chamados á vida, e a unha vida iluminada en todos os seus actos e momentos por Xesucristo.

Aínda así, «a noite é tempo de salvación», como di un dos himnos da Liturxia das Horas. O tempo de outono e inverno tamén ten as súas oportunidades para crecer na vida de fe. A sobriedade e o silencio dos días curtos e as noites grandes son tamén unha ocasión para profundar no coñecemento de Xesucristo e a súa Igrexa. Temos por diante un tempo «escuro» pero que afrontamos coa certeza da gran luz da Pascua e que comezaremos a albiscar co nacemento de Xesucristo no Nadal.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Artículo original]

125 aniversario do II Congreso Eucarístico Español

Por iniciativa da “Fundación Luís de Trelles” e a colaboración do Consello Diocesano da Adoración Nocturna lucense, celebraranse varios actos o sábado 16 de outubro con dous obxectivos: conmemorar o 125 ANIVERSARIO DO II CONGRESO EUCARÍSTICO ESPAÑOL, celebrado en Lugo, e, á vez, “espertar” á Adoración Nocturna da zona de Galicia, tras o parón sufrido con motivo da pandemia.

SÁBADO 16 DE OUTUBRO

Ás 18,30 horas

CONFERENCIA sobre o venerable Luis de Trelles (fundador da Adoración Nocturna) no Salón de Actos do Seminario, a cargo de D. José de Cora Paradela, escritor, xornalista e Director Xeral de El Progreso.

Ás 21,00 horas

“VIXILIA DE ESPIGAS” na Santa Igrexa Catedral Basílica, presidida polo Bispo, Monseñor Alfonso Carrasco Rouco.

Aos citados actos espérase acudan adoradores de toda Galicia.

Apertura do Curso Académico nos centros educativos con sede no Seminario

O venres 15 de outubro celébrase a apertura do curso académico 2021-2022 de todos os centros de ensinanza que teñen a súa sede no Seminario Diocesano, o que inclúe tamén nesta apertura de curso ao Colexio Diocesano San Lorenzo, ao Instituto Teolóxico Lucense e á extensión de Lugo do Instituto Superior de Ciencias Relixiosas (Universidade San Dámaso).

O programa é o seguinte:

  • 17:30 h na Capela Maior do Seminario

        Eucaristía presidida por Mons. Alfonso Carrasco

  • 18:30 h no patio exterior

         Memoria do Curso 2020-21; intervencións; apertura oficial do Curso

  • 19 h no patio exterior

         Aperitivo e brindis polo novo Curso

A %d blogueros les gusta esto: