Primeiros actos sobre a misión no mes de outubro

O vindeiro sábado, día 2 de outubro terán lugar varios actos para ir ambientando o comezo do mes que a Igrexa adica en especial ás misións.

Na Parroquia de Lalín ás 11 h o director nacional de Obras Misionais Pontificias José María Calderón, impartirá o relatorio titulado “Como ser misioneiros nas nosas familias”.

No salón de actos do Seminario de Lugo ás 17 horas, intervirán nunha mesa redonda sobre a familia e a misión:

  • José María Calderón, director nacional de Obras Misionais Pontificias,

  • unha familia do Camiño neocatecumenal e

  • unha familia de Misevi (Misioneiros seglares vicencianos).

A continuación, ás 20 horas, celébrase a Eucaristía na Catedral, presidida por José María Calderón.

Son actos organizados conxuntamente pola Delegación de Misións e a Delegación de Laicos, familia e vida.

Clausura da IV edición de Conectando Xeracións

O Instituto da Familia de Galicia, organizador do Programa Conectando Xeracións, parte do convencemento de que toda vida é única e merece ser contada. Por iso o 28 de setembro estiveron presentes en Lugo, realizando o acto de entrega da publicación final da cuarta edición do Programa Conectando Xeracións.

O evento tivo lugar no Seminario Menor de Lugo, coa presenza dos mozos participantes e tamén dos maiores biografiados.

Conectando Xeracións é unha proposta de intervención social que se materializa grazas ao apoio da Xunta de Galicia, en favor do fortalecemento e valoración da identidade dos maiores e da conexión e mutuo enriquecemento de xeracións moi separadas no tempo. Os maiores non só necesitan atención médica e coidados físicos: tamén ser queridos, valorados e escoitados. Os mozos non só necesitan formación e medios técnicos. Tamén aprender a escoitar e a desenvolver un voluntariado social. Desta maneira, promóvese, entre os mozos, a creación vínculos interxeracionais que supoñan a adquisición de valores cívicos e éticos como a igualdade, a tolerancia, o respecto, a solidariedade e o compromiso.

Xa está en marcha a V edición, polo que os mozos con residencia en Galicia (Lugo, Ourense, Vigo ou Santiago de Compostela) que desexen participar e queiran homenaxear aos maiores en vida, poden informarse en: conectandogeneraciones@cafourense.es

Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado

O lema da Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado (26 de setembro) é «Cara a un nós cada vez máis grande». É unha ocasión para pór diante a vacina definitiva que a familia humana necesita: saír dun «nós» pequeno, reducido por fronteiras ou por intereses políticos ou económicos, para ir a un «nós» incluído no soño de Deus, no que vivamos como irmáns compartindo a mesma dignidade que El nos dá.

“Cómpre humanizar as crises, responder socialmente desde o horizonte da fraternidade humana, denunciando a instrumentalización da dor e a pobreza.

Que estean abertas as portas alí onde camiñe a Igrexa e que o migrante se incorpore cada vez máis, en todos os procesos de participación, de vida e de fe.

Esforcémonos en constituír un sistema que normalice a migración legal e segura a longo prazo, e que se base plenamente nunha ética apoiada nos dereitos humanos, no horizonte de fraternidade universal e no dereito internacional”.

Da Mensaxe dos bispos da Subcomisión Episcopal para as Migracións e Mobilidade Humana

[Materiais da Xornada]   [Artigo de Antón Negro]

A cruz, protagonista da historia

Non quería ser pesimista, pero sendo realista, non podo menos de recoñecer que a cruz estivo sempre presente na historia da humanidade. Cruces nos camiños e cruces nos fogares; cruces nos templos e cruces nos cemiterios; cruces sobre os ombreiros e cruces colgadas do peito das persoas; cruces como recoñecemento dos méritos e da valía dos mellores cidadáns…

Por múltiples motivos, a través dos tempos, acumuláronse os eloxios cara ás cruces de éxito, e as lamentacións lembrando os tristes acontecementos do pasado. Lembróunolo a festa da Santa Cruz, que celebramos hai uns días.

Cal é a postura máis correcta, chorar os días invernais ou festexar os días primaverais? A resposta tamén é válida no referente ás cruces da vida. Certo que o mundo é camiño de Ceo, pero non é Ceo. Valoremos o bo de hoxe, e gocemos sabendo o que de mellor nos agarda no mañá. A existencia humana comeza no berce, e prolóngase máis aló da tumba. Esta consideración é indispensable para facer unha avaliación acertada das cruces compañeiras do noso vivir.

A cruz, que era un patíbulo ignominioso no que os romanos executaban aos escravos, cambiou de signo a partir do primeiro Venres Santo. Até entón era instrumento de morte. Agora é instrumento de vida. No Antigo Testamento, era patíbulo de condenación. Agora é sinal de salvación. Na antigüidade era signo de derrota. Despois da crucifixión do Fillo de Deus, é prezo de redención. Agora ben, esta sublimación da cruz depende de quen a leve e de como a leve; porque así como non é o traballo o que dignifica á persoa, senón que é a persoa a que dignifica o traballo; así ocorre tamén coas cruces que pesan sobre o ombreiro dos homes. De igual modo, non é a cruz a que dignifica ao crucificado, senón o crucificado o que sublima a cruz na que entrega a súa vida.

A cruz é o sinal do cristián da cal nos servimos ritualmente para signarnos e santiguarnos e para bendicir obxectos, campos e santuarios. Pero, ademais de signo ritual do cristián, é tamén compañeira inseparable de todo mortal. Camiñamos á sombra da cruz ou baixo o peso da cruz ou apoiándonos nela. Un cristián auténtico é un “crucificado”. Díxoo Xesús: “O que queira vir en pos do meu, que tome a súa cruz e sígame”. No Antigo Testamento, o crucificado era un maldito; agora é un “redimido”. Agora ben, non todas as cruces son de madeira, nin todas son redentoras. Na antigüidade, os montes dos xudeus estaban erizados de cruces, e actualmente tamén o están as nosas vidas: a pandemia, coas súas múltiples manifestacións; a fame negra que sega tantas vidas por falta de pan; a soidade, a persecución, a inseguridade social… son múltiples cruces das que colgan incontables crucificados. Pero, repito, non todas son redentoras. A súa virtualidade redentora non depende do seu tamaño nin da súa materialidade. O primeiro Venres Santo, escalaban o monte Calvario tres axustizados, cargados con senllas cruces. Seguro que todas eran da mesma madeira e do mesmo tamaño; con todo, só unha delas era redentora. Teñámolo en conta, e preguntémonos se non equivocariamos o noso labor moitos cristiáns, dedicándonos a fabricar cruces, no canto de afanarnos por ser redentores.

As cruces ofrécenolas a vida. Poñamos da nosa parte, unha actitude redentora, unindo os nosos pequenos ou grandes sacrificios, aos do Señor, que coa súa heroica xenerosidade, redimiunos a todos.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Nomeamentos na Diocese

O Bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco, comunicou o 17 de setembro os nomeamentos que reorganizan o organigrama da curia diocesana.

DELEGADO EPISCOPAL DE LITURXIA, RELIXIOSIDADE POPULAR E PATRIMONIO HISTÓRICO ARTÍSTICO

Delegado: Rvdo. D. José Antonio Ferreiro Varela

– Departamento de Patrimonio Histórico Artístico

Director: D. Jesús Salvador López

– Departamento de Música Litúrxica

Director: Rvdo. D. Abraham Sánchez Pujante

Responsable de Eventos: D. Giulio Mercati

– Departamento de Santuarios e Peregrinacións

Director: Rvdo. D. José Criado Sánchez

– Departamento para o Camiño de Santiago

Director: Rvdo. D. Francisco Moreiras Calvo

DELEGACIÓN EPISCOPAL PARA A EDUCACIÓN NA FE

Delegado: Rvdo. D. Alberte Leiva Torreiro

– Departamento de Ensino

Director: D. Miguel Rico Gómez

– Departamento de Catequese

Director: Rvdo. D. Alberte Leiva Torreiro

– Departamento de Pastoral Xuvenil

Director: Rvdo. D. Luis Varela Castiñeira

– Departamento de Pastoral Universitaria

Director: Rvdo. D. David Varela Vázquez

– Departamento de Pastoral Vocacional

Director: Rvdo. D. Miguel Asorey Otero

DELEGACIÓN EPISCOPAL DE LAICOS, FAMILIA E VIDA

Delegado: Rvdo. D. Nicolás Susena Presas

DELEGACIÓN EPISCOPAL DO CLERO

Delegado: Rvdo. D. Xesús Anxo Fernández Aira

DELEGACIÓN EPISCOPAL PARA A VIDA CONSAGRADA

Delegado: P. Juan Antonio Fraile Gómez MMCCJ

DELEGACIÓN EPISCOPAL DE CARIDADE E ACCIÓN SOCIAL

Delegado: Rvdo. D. Antonio Negro Expósito

– Departamento de Pastoral penitenciaria

Director: Rvdo. D. José Río Ramilo

DELEGACIÓN EPISCOPAL DE PASTORAL DA SAÚDE

Delegado: Rvdo. D. Jorge Vázquez Freire

DELEGACIÓN EPISCOPAL DE MISIÓNS

Delegado: Rvdo. Jesús Manuel Santiago Vázquez

DELEGACIÓN EPISCOPAL DE PATRIMONIO E BENS INMOBLES

Delegado: Rvdo. D. Miguel Ángel Gómez Vázquez

DIRECTOR DO MUSEO DIOCESANO E CATEDRALICIO

Director: Prof. Dr. D. Marcos Calles Lombao

[Información en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: