Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento

 

Ás 12 da mañá do 13 de xuño comezaba na Catedral de Lugo a cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, que vén celebrando desde 1669. Este ano correspondíalle á cidade da Coruña a presentación desta Ofrenda.

O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, presidiu a Eucaristía na que concelebraron os bispos galegos (excepto o Arcebispo de Santiago, Mons. Barrio, que está en Roma con motivo da audiencia co Papa Francisco). Acompañaron ao oferente, primeiro tenente de Alcalde da cidade da Coruña, Juan Ignacio Borrego, os alcaldes e representantes do sete cidades do antigo Reino de Galicia; así como outras autoridades civís e militares.

Na resposta á Ofrenda, o bispo de Lugo, Mons. Carrasco Rouco comezou manifestando o seu agradecemento ao oferente pola presentación da ofrenda: “Na luz que brilla día e noite ante o Santísimo, motivo primeiro desta nobre tradición –como Vostede recordaba–, represéntase a luz do corazón e a dos ollos de cada un de nós, que permanece viva ao reflectir a gloria que recoñecemos en Xesús Sacramentado, escondida aos soberbios e resplandecente para os humildes. Aquí profesamos con firmeza as certezas do noso corazón, sobre as que construímos a vida e nas que fundamos a esperanza: Ti estás con nós, Señor

Continuou dicindo que “lle pedimos hoxe ao Señor que esta paz reine nos nosos corazóns, e que a luz e a ledicia da súa presenza acompañe os nosos pasos neste tempo de pandemia, de enfermidade e inquietude. Que ninguén de nós, pequeno ou grande, novo ou vello, caia na tentación de darse por perdido pola dificultade das circunstancias e nin sequera ante a perspectiva da morte. Porque, como dicía Paulo, estou seguro de que nin a morte nin a vida … nin criatura algunha nos poderá afastar do amor que Deus nos ten en Cristo Xesús, noso Señor (Rm 8,38-39). Esta seguridade grande confórtanos nas loitas de cada día e permítenos pensar con esperanza en aqueles que nos deixaron.”

O pobo de Galicia quixo gardar o contrario no seu corazón, ter a Eucaristía sempre diante dos ollos. Propúxose alimentarse deste outro pan de vida, que a propia humanidade fose movida por outros afectos, capaz doutras virtudes, fose boa e xenerosa. Neste tempo de crise puidemos ver en moitos exemplos a grandeza de quen se sabe sacrificar, de quen ama, de quen entrega tempo e ata a saúde –paga co propio corpo. E puidemos recordar que isto sempre foi así, que estas foron as grandezas verdadeiras que fixeron dignas as nosas casas e cidades, que iluminaron a vida das nosas familias, e que desexamos poder experimentar de novo con todos os que queremos de verdade. Estas son as bases do noso futuro, os recordos luminosos da nosa memoria, a nosa alegría e o noso desexo cada día.”

Finalizou Mons. Alfonso Carrasco resaltando que “O sacrificio do Señor, presente na Santísima Eucaristía, atravesa os séculos, segue a confortar o noso corazón dolorido, continúa a encher de agradecemento e humildade a nosa alma, non deixa de atender e coidar a cada un, para cambiarnos, enriquecernos e chamarnos á obra da caridade. Ninguén é pouca cousa, se é amado do Señor. Ninguén pode ser descartado como pouco útil.”

Presentación do libro María de Nazaret

O 8 de xuño no Vello Cárcere de Lugo tivo lugar a presentación do libro María de Nazaret, datos del Nuevo Testamento sobre la madre de Jesús, do que é autora Teresa Vilariño Pardinas.

O acto foi aberto pola presidenta do grupo El Progreso Blanca García Montenegro, que destacou o carácter de loitadora de Teresa Vilariño.

A continuación, o director do Movemento Bíblico Diocesano, Jesús Fernández Aira, referiuse á metodoloxía da autora: achegamento á Biblia desde a propia vida (incluíndo a fraxilidade e a dor), uso da eséxese e da antropoloxía cultural.

Tamén foi sinalando Jesús Fernández Aira as realidades das que parte a autora: catequese, mística de ollos abertos, feminidade de María, empoderamento, María como crente que vive as súas dificultades e supéraas, identificación de María cos pobres de Iavé (Magnificat); María, nai da Igrexa.

A autora, Teresa Vilariño, contou a motivación para escribir o libro: o feito de que os segrares non sempre chegan a coñecer as marabillas que hai na Biblia e ela proponse proporcionar chaves de lectura.

Rezar un minuto pola paz o 8 de xuño

O Papa Francisco convida os fieis de todo o mundo a participar o martes 8 de xuño ás 13 horas da iniciativa de oración “Un minuto pola paz”, que neste ano 2021 está adicada a orar por Terra Santa e polo país asiático de Myanmar.

En Terra Santa o conflito bélico entre Israel e Hamás agudizouse en maio. É considerado o peor que houbo desde 2014.

En diversas zonas de Myanmar hai enfrontamentos entre o exército nacional e os grupos de resistencia, desde o golpe militar do 1 de febreiro de 2021.

Segundo Acción Católica “Un minuto pola paz” é unha proposta simple, masiva, testemuñal para ofrecer a oración e asumirnos como promotores de paz.

Un minuto pola paz” naceu o ano do histórico encontro entre o Papa Francisco e os presidentes de Israel e Palestina, nos xardíns do Vaticano en 2014, como signo de esperanza que hoxe segue reclamando acordos de paz.

A Eucaristía, misterio de fe

A fe nútrese de certeza, de crenza, de verdade e de responsabilidade.

Existen tres niveis de certeza:

O primeiro é a certeza evidencial, a que salta á vista, que se fundamenta, á súa vez, na certeza matemática, que resulta da axeitada relación das partes, a certeza empírica, que ten por fundamento a experiencia repetida do acontecemento e a certeza lóxica, que é aquela á que se chega mediante o raciocinio.

O segundo é a certeza histórica, a que ten por fonte o testemuño dos contemporáneos dos feitos.

E, por último, a certeza moral, a que se fundamenta na maior ou menor veracidade de quen nos fala.

Hai clases de certeza que non poden negarse, porque a súa veracidade é evidente ou se constata por raciocinio, ou por experiencia. Na certeza histórica e na certeza moral, a garantía de verdade que nos transmite depende da valoración que fagamos das fontes transmisoras.

Certeza é a adhesión ás proposicións ou verdades que nos fan os demais.

As crenzas favorecen a fe, pero aínda non son fe. Ante a certeza o home é receptor, (recibe a verdade obxectiva). No campo das crenzas o home é buscador (é suxeito activo).

Como se desenvolven as crenzas? Para que haxa crenzas, requírese, en primeiro lugar, interese por parte do que desexa crer; en segundo lugar, modelos de identificación que merezan credibilidade, e, por último, selección dun modelo de crenzas, (cristianismo, marxismo…) e optar por el.

Nesta elección, conta máis o corazón que a razón. Aquel aforismo: «nada se desexa se antes non se coñece», hai que substituílo por estoutro: «nada se coñece de verdade, se non hai interese por posuílo». Aquí inflúe máis a simpatía, a amizade, o interese subxectivo, que a valoración obxectiva. De aí a importancia de coidar o modo de presentar as propostas para facelas cribles. De aí tamén a importancia de facer atraente a verdade relixiosa, para que o oínte a acepte de bo grado.

Certo que tamén se requiren a racionalización, a comprobación de que aquilo que se nos dixo e que nós desexamos crer, é crible. Tras esta comprobación, eu fágome crente e misioneiro e testemuña das miñas crenzas ante os demais.

Por suposto, as crenzas non son fe, pero predispoñen para a fe; suscitan interese pola fe…; deixan expedito o camiño para a fe, a cal nos será infundida por Deus, fonte de verdade e de vida.

Non podemos confundir crenzas e fe. A fe é gratuíta, pero as crenzas, non: estas son labor humano e temos que suscitalas co noso labor persoal, como un ben para nós, e co noso labor pastoral, como un ben para os demais. Abrámonos á apertura de Deus, e a fe virá a nós, e, por nós, aos nosos irmáns.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

Celebración do Corpus Christi

O domingo 6 de xuño, ás 11 h, na praza de Santa María de Lugo, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco, presidiu a Solemne Eucaristía de Corpus.

Acompañaron a celebración un grupo de cantores do Orfeón Lucense e da coral Hospital de Lugo, que estrearon parte dunha obra inédita de José Castiñeira Pardo, Misa Solemne, con arranxo de Uxío Darriba. Despois da Misa actuou o grupo “Os Xílgaros de Lugo”.

Na súa homilía, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, comezou lembrando que “a nosa cidade hónrase desde moi antigo co privilexio da Eucaristía, que responde a unha fe, que puxo ao Santísimo no centro do Altar Maior da súa catedral. É pór no centro das miradas, no centro da devoción, aquilo no que confiamos e cremos”.

Na homilía tamén dixo o Bispo de Lugo o seguinte:

“Confiamos nas palabras de Xesús, nas súas ensinanzas, pero tamén nel e no que fixo: morrer e resucitar por nós. É así a Eucaristía o sacramento da verdade e das obras.

“A Eucaristía, é o sacramento do corpo e o sangue, pero o é porque detrás estaba alma e corazón, o espírito e a persoa. É o sacramento do Señor Xesús realmente. E apreciamos non só a palabra, senón o corpo e o sangue, non só os seus ensinos senón a alguén que entrega a súa vida até o final, sufrindo por nós, que non temeu sufrir por quen amaba; que non se deixou enganar ou disuadir dese amor e afirmación profunda nin polos sufrimentos ou as tentacións, nin polo drama máis grande foi disuadido dese amor que levaba no corazón, e iso é o que celebramos hoxe: o amor que demostrou Divos enviando ao seu fillo, celebramos a grandeza do corazón do Señor, que encheu ao home do esplendor divino. (…) Cremos nun Deus que non quixo só axudarnos, senón que quixo vir El e quedar connosco.

“Xesús amou a Deus Pai, e amándoo a El, coñecendo a súa vontade, o que quería, cal era a razón do mundo… Xesús amouna e con ela amou o que o Pai fixera: o mundo e o home. Amar ao Pai é amar a súa vontade e as súas obras. O Pai fíxonos a todos e amar a obra do Pai é amarnos a nós. É un si a Deus, á súa obra, ao mundo e, sobre todo, aos fillos de Deus.

“Na Eucaristía aprendemos a amar ao próximo, a realidade amada por Deus, a amar ao irmán e á irmá que temos ao noso carón, aprendemos a amalo máis aló do seu pecado. Aprender a amar ao próximo, a respectar a obra de Deus, cambiaría o mundo. Se non deixamos entrar a novidade de Deus no corazón, é difícil que o mundo cambie.

“Cremos no Señor Xesús, que desvelou o misterio da vida, levouno a cumprimento e trouxo a resurrección para sempre. Confiamos nel, no seu amor e, mirando a Eucaristía, vemos o signo, o sacramento dun amor real por nós, por cada un de nós.

“Estamos chamados a imitar o amor de Deus, non só con palabras, senón con obras, non só nun momento, senón con perseveranza, paciencia, no tempo, en toda a vida.

“Nós seguiremos loando ao Santísimo, confiando nel, aprendendo e esperando no seu inmenso amor para nós, para as nosas familias e casas e para o ben da nosa cidade”.

[Fotos]

A %d blogueros les gusta esto: