“A memoria é o que fai forte a un pobo, porque considérase radicado nun camiño, nunha historia”. Estas palabras do Papa Francisco poderían ser completamente válidas para o noso país un ano despois de comezar a xa famosa desescalada. Parece incomprensible como, despois de vivir un dos episodios máis tráxicos desde o inicio do terceiro milenio, esquecemos axiña a importancia que dabamos ao coidado dos nosos avós e maiores, dos enfermos de risco, daqueles máis vulnerables da sociedade. Pero así sucedeu: aprobouse unha lei que posibilita o fin da vida humana.
Por unha banda, convertemos á medicina en mecenas de nosa propia arbitrariedade, destruíndo a súa raíz, a súa etimoloxía máis próxima á salus, saúde ou salvación. De maneira que, o que servía para coidarnos, agora convértese en xuíz da vida de mulleres e homes.
Por outra banda, trátase dun aforro económico. Soa tráxico, pero é así de certo. Investir en coidados paliativos significaría un maior gasto para o Estado que o feito de terminar cunha vida. Este é outro dos argumentos que non se din con esta claridade, pero que están entre as intencións da lei da eutanasia.
E, por que dicir que o noso país xa non ten memoria? Porque durante o confinamento todos coidabamos de que os nosos avós non se enfermasen, que nas residencias ninguén se contaxiase… Fixéronse até anuncios publicitarios alertando do perigo que non respectar as normas sanitarias supuña para a familia, especialmente para os maiores. Pero, ademais, esixiuse por parte de toda a sociedade e da mesma situación epidémica, un maior investimento en sanidade. E agora xa esquecemos todo iso.
Lembro cando estiven nos Países Baixos, que unha persoa me contaba como algúns maiores que coñecía, tras cumprir a idade de xubilación, retirábanse a outros países porque tiñan medo de enfermar e acabar nun hospital, porque aquilo podería supor entrar e non volver saír nunca de alí. En lugar dunha lei da eutanasia, deberiamos apoiar ás familias e aos enfermos ou maiores que necesitan coidados paliativos efectivos. Ou hai algo máis valioso cá vida?
Por iso, a Conferencia Episcopal Española convídanos a escribir e rexistrar o noso testamento vital. Este é a expresión escrita da vontade dun paciente sobre os tratamentos médicos que desexa recibir, ou non está disposto a aceptar, na fase final da súa vida. Este é o xeito que teremos a partir de agora de protexernos ante esta lei da eutanasia. En todas as parroquias da Diocese de Lugo e a través da web da Delegación de Familia poderán obter o impreso e as indicacións para realizar o devandito testamento.
Nicolás Susena
Delegado de Familia, Diocese de Lugo