O vindeiro xoves 1 de xullo dá inicio a VII edición do Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi de Lugo. Un ano máis este ciclo está organizado pola Diocese de Lugo a través do Centro Eucarístico Lucense, organismo para a promoción do culto eucarístico. Así mesmo conta co patrocinio da Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
O Festival propón a estrutura habitual de pasadas edicións, coa novidade da celebración do concerto inaugural o primeiro de xullo ás 20.00 h no Círculo das Artes. Esta primeira cita consistirá nun concerto pouco habitual, no que a expresividade do piano únese ao órgano, algo de grande interese musical e sonoro. O concerto será a cargo de Corrado Greco e Giulio Mercati, e interpretaranse arranxos de Beethoven, Listz, Wagner e Samuel Barber para piano e órgano.
O segundo concerto terá lugar na Catedral de Santa María, o sábado 3 de xullo as 20.45 h. Dado que a Catedral permite o uso simultáneo dos dous órganos cos que está dotada, os organistas Enrico Viccardi e Giulio Mercati interpretarán conxuntamente, no órgano da Epístola e do Evanxeo, obras de Bach, Francisco Olivares, Piazza e Krebs.
O terceiro concerto terá lugar o domingo 4 de xullo as 20.45 h. na igrexa de Santiago a Nova. O pequeno pero fermoso e expresivo órgano Alberdi, servirá de acompañamento, a mans de Stanislav Surin, da delicada voz da soprano Zuzana Sebestova. Ambos músicos son de orixe eslovaca, e Surin visita o Festival por segunda vez. Interpretarán obras de Vivaldi, Händel, Mozart, Bossi, Vierne, obras de compositores eslovacos e do propio Surin que estreará un O salutaris hostia composto a propósito para este concerto.
O cuarto concerto, o 6 de xullo ás 20.45 h. na Catedral de Santa María, ten carácter solístico. O organista alemán Joannes Skudlik, xa habitual do Festival, interpretará nos órganos catedralicios obras clásicas do repertorio organístico de autores como J. S. Bach e tamén de autores menos relacionados co órgano coma Beethoven, Haydn e Mozart.
No último concerto, que terá lugar o 8 de xullo ás 21.00 h. na Catedral de Santa María, un coro de Lugo, Solo Voces, dirixido por Fernando Gómez Jácome, recupera obras do arquivo da catedral de Lugo, neste caso dun dos máis importantes mestres de capela do s. XX: Juan Antonio Moreno Fuentes. A formación coral estará acompañada polo organista italiano Gabrielle Giacomelli, que tamén interpretará pezas solísticas de Zipoli, Vivaldi, Respighi e Bach.
A entrada aos concertos é libre e de balde ata completar a cabida (reducida o 75%). Para asistir o concerto é preciso efectuar rexistro á entrada, co que as portas abriranse 30 min antes do concerto.