Non che é o mesmo dous ca tres

As primeiras operacións matemáticas que nos aprenderon foron sumar e restar. Iso nos leva a pensar que 3 vén de sumar 1 a 2 e que se a 3 lle restamos 1 temos 2. No primeiro caso trátase dun incremento do 50 % e no segundo dunha baixada do 33,3 %. Pero cando pensamos na vida dos seres humanos iso non explica nada nin facilita entender a vida social.

Nos estudos sociolóxicos considérase que dúas persoas non forman un grupo propiamente dito, pero cando se suma unha terceira persoa xa se considera que iso empeza a ser un grupo. É lóxica esta diferencia, porque no paso da agrupación de dúas á de tres persoas dáse un salto cualitativo. Pero cando se pasa de tres a máis persoas o que se dá, sobre todo, é un paso cuantitativo nas “inter-relacións” sociais, como espero que se vexa ao final do escrito. Toda esta reflexión é aplicable loxicamente tamén á realidade dos irmáns.

No caso da xuntanza de dúas persoas, dous irmáns no seu caso, a “inter-relación” só pode ser basicamente de dous xeitos: levarse ben ou estar enfrontados entre si. Iso non nos pode levar a ignorar que tanto nunha vertente coma na outra hai diversos graos de intensidade, da máxima á ínfima ou irrelevante, que se poden especificar e medir por diversos procedementos, pero isto non vai ser obxecto desta reflexión.

Pero cando estamos na unión de tres persoas, tres irmáns, xa iso pasa a ser unha pequena sociedade onde aparecen tódalas posibilidades para as persoas nas relacións sociais. Certamente que se pode dar, como dixemos no caso anterior de dúas persoas, levarse ben ou mal entre os tres, pero tamén aparecen moitas outras posibilidades de “inter-relación” entre as que destaco:

1) Aparece a figura do árbitro ou intermediario entre os outros, para que poidan manter algún tipo de relación e vinculación entre os que non se levan ben. Isto leva a que un teña que aprender e a desenvolver as habilidades adecuadas á intermediación e ao diálogo.

2) Tamén se presenta a posibilidade de unirse a un ou ao outro membro do grupo, dándolle a razón e apoiándoo por diversas razóns como: porque ese é o máis feble ou o máis forte, porque se entende que ten a razón, porque lle convén a un mesmo por motivos moi espúreos e pouco confesables ou moi nobres e xustos, etc. Isto implica que haberá que sopesar e avaliar as propias decisións e os seus criterios con certa seriedade.

3) Pasar das outras dúas persoas e deixalas coas súas problemáticas para que non lles quede máis remedio que afrontar esa situación e tamén os diversos problemas da vida en sociedade, porque ademais entende que iso é o que necesitan para medrar, madurar e capacitarse para afrontar a vida humana.

4) Na situación de ser dous irmáns é moi xeral que sexan os pais os que afronten e resolvan os conflitos entre os fillos, mesmo que se sintan obrigados na súa conciencia, coa consecuencia de que estes se habitúan pouco a afrontar e resolver conflitos. Pero no caso de ser tres fillos con moita máis frecuencia os pais lles esixirán que se teñen que poñer de acordo entre eles, ben para saír a algún sitio, organizar unha tarefa, decidir un menú… ou para resolver un conflito existente máis ou menos importante, etc.

5) Aprender a conseguir aliados para a propia causa con diversas técnicas. Para iso teñen que desenvolver diferentes estratexias segundo a cuestión de que se trate, ou as características específicas das persoas. Teranse que desenvolver habilidades negociadores e de relación entre as persoas.

6) Tamén hai outra realidade moi importante a coñecer e aprender: aínda que se poñan de acordo as tres persoas ou irmáns non se pode levar adiante ese acordo, pois hai outra persoa, ou os pais, que din que non se vai facer o decidido pola maioría, polos tres. Na vida social hai que aprender que quen paga as consecuencias, quen é o responsable legal, ese é quen toma as decisións en última instancia, ben sexan os pais e titores, a dirección dun colexio ou dunha empresa…, o que na linguaxe xurídica se especifica en xeral como o responsable civil subsidiario.

É evidente que isto non impide para nada que se medre en corresponsabilidade e en autoxestión de xeito progresivo. Aínda máis, ese é o camiño lóxico para toda persoa que queira ser persoa adulta, é dicir, libre e responsable e, polo tanto, asumir e pagar as consecuencias das propias decisións.

Por iso o ser humano é social, comunitario e precisa dos outros. Temos unha natureza social e institucional. A vida cristiá non se entende sen os demais, os irmáns, e ademais fomos creados á imaxe e semellanza de Deus que é Trinitario, familia de tres persoas distintas e un único Deus.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas Lugo

Semana da Caridade

Cáritas Diocesana de Lugo presentou a súa Memoria do ano 2020 e a Semana de Caridade 2021.

O Director, Ginés Plaza comentou as dificultades sufridas por todos  durante o ano 2020, como se viron afectadas as persoas atendidas e como o labor de Cáritas, aínda que alterado pola pandemia, non cesou e ningún momento do ano, co fin de poder atender as necesidades das persoas que o requirían.

Antón Negro, Delegado de Cáritas Lugo, falou da importancia da mensaxe da campaña deste ano con motivo do Día da Caridade, cuxo lema é Sexamos Máis Pobo.

Para finalizar, Mónica Yáñez, Secretaria Xeral de Cáritas Lugo, convidou a participar nas actividades que se realizarán durante a próxima semana. O acto central é o Pregón da Caridade, que se celebrará o vindeiro mércores ás 19:00h no salón de actos da Xunta de Galicia e terá como relator a José López Orozco, ex alcalde de Lugo.

Para finalizar Cáritas Diocesana de Lugo agradece a todos os voluntarios a súa solidariedade e esforzo.

Xornada Pro Orantibus

«A vida contemplativa, preto de Deus e da dor do home» é o lema deste ano da Xornada Pro Orantibus, que a Igrexa celebra na solemnidade da Santísima Trindade, o domingo 30 de maio.

Os bispos da Comisión Episcopal para a Vida Consagrada, organizadora desta Xornada, na mensaxe subliñan a importancia da vida contemplativa «que sofre cando o mundo sofre porque o seu apartarse do mundo para buscar a Deus é unha das formas máis fermosas de achegarse a el a través de El».

[Materiais]

O venres 28 de maio de 16:30 a 18 h celébrase un coloquio en liña titulado «A vida contemplativa, preto de Deus e da dor do mundo» organizado pola Comisión Episcopal para a Vida Consagrada, Confer, Cedis, ITVR e a colaboración de Católicos en rede. Interveñen:

  • P. Carlos Gutiérrez, Prior de Sobrado dos Monxes.

  • M. Mª Dolores Domínguez, Carmelita Federal

  • Sor Nazaret, Clarisa. Mosteiro de Monzón.

  • Frei Angel Abarca, Mosteiro de Silos.

  • Irene Pozo, xornalista de COPE-TRECE.

Pode seguirse por youtube

Presentación dun novo número de Lvcensia

O 25 de maio, na aula Magna do Seminario Diocesano de Lugo, presentouse o nº 62 da revista Lvcensia.

O acto estivo presidido polo bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, e polo director da publicación, Gonzalo Fraga Vázquez.

Os colaboradores convidados ao devandito acto foron José Antonio Ferreiro Varela e Jesús Salvador López que presentaron o seu traballo acerca de José Fernández Núñez, párroco da Milagrosa, igrexa que contribuíu a edificar e da que se cumpren 75 anos de actividade cristiá.

Os contidos deste número abordan unha temática variada como o estudo da fortaleza baixo-medieval da Torre-Pazo San Miguel de Penas; a situación agónica actual do mundo rural; a figura de Xela Arias, as súas orixes e estudos na Granxa-Escola de Barreiros e no Colexio Fingoi e a súa faceta como escritora; ademais preséntase o proxecto CORGORAL, unha iniciativa do concello do Corgo para recoller a literatura popular de tradición oral en devandito concello; novas apreciacións sobre o tema de Odoario e un artigo no que se recollen os préstamos e donativos ao rei por parte do Cabido de Lugo.

Inclúense ademais dous traballos de investigación que achegan datos novos, un que demostra cal é a verdadeira casa de nacemento de Juan Francisco de Castro, e outro sobre un posible camiño romano nas proximidades da Ponte de Ombreiro.

Igrexa en saída e nova evanxelización (II)


Hoxe necesitamos máis evanxelizadores que catequistas. Estamos a construír sobre area. Estamos a tentar pór o tellado sen pór os cimentos. Hoxe fálase dunha nova evanxelización. Nova polo seu ardor; pola súa metodoloxía; polas súas expresións. Nova para que responda ás situacións e ás necesidades deste mundo noso, que é un mundo novo.
Ademais, a evanxelización será nova se ten en conta a realidade sanguenta dos pobres. A evanxelización será nova se ten como punto preferente a teoloxía do outro, o cal é vítima das inxustizas veciñais, tamén das miñas. A evanxelización nova é unha evanxelización que non impón obrigacións, senón que se fai ofrenda de nova vida en respecto serio ás persoas. A evanxelización será nova e eficaz, se se fai en proximidade ás persoas, nunha Igrexa en apertura, como nos recomenda o Papa Francisco. A nova evanxelización non pode ser só moralizante, senón transmisora dos valores fundamentais do Reino: xustiza, respecto, fraternidade.
A nova evanxelización ten que recuperar o entusiasmo. Paradoxalmente habería que empezar evanxelizando ao evanxelizador. O ambiente condiciona as actitudes. Tamén os discípulos de Emaús camiñaban desilusionados, porque o Mestre morrera. Necesitaban unha inxección de esperanza, e recibírona de optimismo, e convertéronse en evanxelizadores dos seus irmáns.
O caso pode repetirse nalgúns dos evanxelizadores de hoxe. Os sacerdotes tamén somos humanos, e necesitamos ser recoñecidos como construtores, útiles dun mundo mellor. Necesitamos ser valorados polas comunidades ao noso cargo. E isto pode facerse de moitas maneiras; tamén dun xeito celebrativo. Así o facemos cos membros doutros estamentos: celebramos o día do pai, da nai, do traballador…, rememorando os seus méritos e os seus dereitos, e isto reconfórtaos nas súas dificultades.
Pois tamén os sacerdotes necesitamos este recoñecemento. O noso ministerio leva renuncias e non pequenos sacrificios. Pode sobrevirnos o cansazo e a desilusión, e isto é nocivo para nós e para o pobo de Deus. A vosa acollida e a gratitude pola nosa dedicación ministerial, pode inmunizarnos, contra esta pandemia vocacional.

Indalecio Gómez Varela
Cóengo da Catedral de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: