Xornada de Oración polas Vocacións e Xornada de Vocacións Nativas

No IV Domingo de Pascua, lémbrase que Xesús é o Bo Pastor e a Igrexa celebra a Xornada Mundial de Oración polas Vocacións e a Xornada de Vocacións Nativas, co lema “Para quen son eu?”. É unha chamada para recoñecer para que estamos feitos, que sentido ten o noso paso por este mundo, que proxecto ten o Señor para cada un. El quere que todos, segundo a vocación á que nos chama, testemuñemos coa nosa vida que El é o Señor.

Dun xeito especial, pídese a Deus que suscite vocacións ao sacerdocio e á vida consagrada, que estas tamén xurdan abundantes nos países de misión e que non lles falten os medios necesarios para desenvolverse.

As dúas Xornadas falan do don do amor de Deus. Un don que é unha tarefa, un amor que se recibe, e, á vez, un amor que se entrega con absoluta xenerosidade.

Neste mundo cheo de oportunidades, non todos teñen as mesmas. Responder a Deus significa poder discernir a súa chamada e ter os medios suficientes pero nalgúns lugares falta ata o máis imprescindible para que as vocacións vaian adiante. Trátase de ofrecer oracións e apoio para que nos territorios de misión non se perda ningunha vocación.

Cos donativos recibidos axúdase a que moitos candidatos ao sacerdocio e á vida relixiosa poidan perseverar e prepararse axeitadamente para servir ás súas novas Igrexas. Tamén, a que sexa posible manter ou construír seminarios e casas nas que poidan formarse.

[Materiais]

Exposición “ Do Camiño ao papel: o fondo xacobeo da Biblioteca do Seminario”

A Biblioteca do Seminario de Lugo organiza a exposición “ Do Camiño ao papel: o fondo xacobeo da BSL” para celebrar o Día do Libro e o Ano Santo Xacobeo. A exposición repasa, a través de exemplares que van desde o máis antigo do ano 1612 ata a actualidade, o espírito relixioso, literario e artístico da peregrinación a Santiago de Compostela no marco da historia de España e de Europa.

Poderase visitar o venres 23 en horario de 11:30 a 13:30 e de 17:00 a 19:00.

A sección do fondo antigo permanecerá exposta durante un mes nese mesmo horario.

Síntese final do foro «Cara a un novo currículo de Relixión»

O xoves 22 de abril preséntase a síntese final do foro «Cara a un novo currículo de Relixión. Un diálogo entre todos e para todos». Con ocasión da recente reforma da lei educativa, que fará necesario actualizar os currículos, a Comisión Episcopal para a Educación e Cultura realizou un debate en varias sesións sobre as cuestións que deben terse en conta na revisión do currículo de Relixión Católica, e agora froito dese debate ofrece algunhas conclusións.

O xoves 22 de abril, de 18h a 18.30h, o presidente da Comisión Episcopal para a Educación e Cultura, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, bispo de Lugo, e a directora do Secretariado, Raquel Pérez Sanjuán, son os encargados da presentación en streaming da Síntese.

Ciclo de charlas sobre San Xosé

O salón de actos do Seminario Lugo acolle un ciclo de charlas sobre San Xosé os vindeiros 4 mércores ás 20:30h para coñecer máis a persoa e misión do pai de Xesús. Poderase asistir de forma presencial ou en liña.

21 de abril: “San Xosé: o soño da vocación”, por Juan Jesús Gutierro Carrasco, profesor na Universidade Católica de Ávila e doctorando en filosofía pola Universidade Pontificia de Comillas

28 de abril: “San Xosé na experiencia de Santa Teresa”, por Salvador Ros García

5 de maio: “San Xosé na liturxia”, por Jaume González Padrós

12 de maio: “San Xosé a través das Escrituras”, por Luís Sánchez Navarro, DCJM

A Pascua é verdade e amor

A Pascua é verdade. Verdade é a conformidade do que se di e a realidade. Os Evanxeos dinnos que a tumba de Cristo está baleira; que Cristo venceu a morte; que Cristo resucitou.

Xesús dixo: “Eu son a verdade”. Todo o de Xesús é verdade: é verdade que é Deus. É verdade que é home. É verdade que se encarnou por nós. Que nos amou até o extremo. É verdade que foi crucificado, morto e sepulto. Tras o seu enterramento, o sepulcro está baleiro. Así o viron as santas mulleres que trataban de recoller o cadáver do seu Mestre. É verdade que vivo, apareceuse aos Apóstolos. Díxolle a Tomé: “mete as túas mans nas miñas chagas”. É verdade que acompañou a dous dos seus discípulos camiño de Emaús.

Está claro que Xesús, que morrera na cruz, agora vive. Entón non hai dúbida de que resucitou.

A Pascua é garantía de verdade para nós. A resurrección de Cristo é garantía das marabillas realizadas por Deus en nós: é garantía de que estamos elevados á orde sobrenatural; de que somos membros vivos de Cristo resucitado; é garantía de que tamén nós estamos chamados a resucitar. A Pascua é esixencia de verdade en nós: que sexa verdade a nosa transformación en homes novos; que sexa verdadeira nosa filiación divina; que sexa auténtica a nosa fraternidade cristiá. A resurrección é, sobre todo, motivo para que o mundo chegue a ser Reino de Deus, mediante a convención dos homes, á que nos convidou Xesús nas vodas de Canaán de Galilea

A Pascua é amor. Verdade e amor son dúas realidades que se complementan: case se identifican. O amor realízase na verdade, e a verdade vívese no amor. Isto vese claro na Pascua de Xesús. Na forza do seu amor divino “pasou do seo do pai ao seo da nosa sociedade pecadora”. Na forza do seu inmenso amor aos homes “pasa deste mundo ao pai”. Na forza do seu amor compasivo, faise igual a nós en todo, menos no pecado. Na forza do seu amor misericordioso, perdoa aos que se arrepinten, e pasa a morar nos seus corazóns. Na forza do seu amor de amigo, queda na Eucaristía, para recibir a nosa adoración e para escoitar as nosas confidencias; para ser o noso compañeiro de viaxe, e sobre todo, para repousar sacramentalmente nos nosos corazóns.

Iso é a verdade: vivir no amor. Todo o que nos pide Deus é que o amemos a El, e que amemos a todos os que El ama.

O amor é o único valor absoluto, que relativiza todos os demais valores da nosa vida cristiá. O que fai grande unha vida, son os quilates de amor que entran na súa aliaxe.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Texto en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: