Presentación do libro “No os dejéis robar la dignidad” sobre o papa Francisco e o traballo

O venres 12 de marzo ás 17 horas, por videoconferencia, preséntase o libro No os dejéis robar la dignidad. El papa Francisco y el trabajo, de Abraham Canales.

No diálogo participará o autor do libro e director de Publicacións da HOAC. Está organizado pola Irmandade Obreira de Acción Católica (HOAC) das dioceses de Galicia em colaboración coa iniciativa Igrexa polo Traballo Decente.

Esta publicación recompila e comenta textos que concretan o compromiso do papa Francisco co traballo decente, expresado en Evangelii gaudium e en Laudato si’, dúas das súas achegas de referencia tanto para a Igrexa como para as «persoas de boa vontade» do planeta. Unha constante que veu desenvolvendo nos distintos diálogos realizados coas organizacións dos traballadores e cos movementos populares; en diversas visitas pastorais; e nas principais institucións políticas, económicas y laborais.

[Inscrición]

Conclusión das Xornadas Abertas de Teoloxía 2021

As XXXV Xornadas Abertas de Teoloxía concluíron o 10 de marzo co relatorio do bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco, titulado “Cremos na resurrección da carne”

 Mons. Alfonso Carrasco sinalou que “do testemuño da resurrección de Cristo pende a nosa esperanza e en realidade toda a nosa fe en Deus, do que comprendemos así que non nos abandona. Porque Xesucristo, pasando da morte á vida, non nos deixou atrás a nós e a este mundo que poderiamos dicir traidor, que o traizoara, para ir a terras e ceos máis felices. Non resucitou para quedar só senón para ben de todos como o primoxénito…. A resurrección da nosa carne será froito da incorporación ao Corpo de Cristo, dunha participación, dunha unidade con El que ten a súa expresión histórica nos sacramentos”.

Mons. Alfonso Carrasco repasou algunhas perspectivas non cristiás da morte:

– Están os que identifican glorificación da humanidade cunha conclusión do progreso humano

– A perspectiva helenística (hoxe representada por quen fala de mitos gnósticos) ve a alma nunha prisión corporal

– Os desinteresados polo destino da alma trala morte consideran como único importante o mundo terreal

– Os crentes na reencarnación, algo nada esperanzador, pois nin unha nin mil reencarnacións abondarían para alcanzar a salvación.

– Outra perspectiva non cristiá é a de quen ve a morte como aniquilamento de alma e corpo

Tamén advertiu Mons. Alfonso Carrasco tanto sobre as ideoloxías para as cales este mundo non vale nada como aqueloutras que, divinizando o mundo, convérteno no único horizonte da vida humana.

Intervención de Mons. Enrique Benavent nas Xornadas Abertas de Teoloxía

O 9 marzo o Bispo de Tortosa, Mons. Enrique Benavent, interveu a través de videoconferencia na segunda sesión das Xornadas Abertas de Teoloxía

 Comezou sinalando Mons. Enrique Benavent que no trasfondo dos números 15-18 da instrucción pastoral Un Dios de vivos está o debate sobre o tema da resurrección. Mentres que a cristoloxía clásica fixaba a súa mirada na encarnación, na redención por medio da cruz, a cristoloxía das últimas décadas puxo no centro do debate a resurrección e ao mesmo tempo houbo unha eséxese crítica. Mons. Enrique Benavent referiuse a dúas obras –Ser cristiano de Hans Küng e Jesús, la Historia de un Viviente de Edward Schillebeeckx- e comentou que as explicacións de ambos non axudan a superar todas as cuestións que suscitan os textos bíblicos. No fondo queren explicar a resurrección de Xesucristo reconstruíndo o proceso que vivirían os apóstolos (conversión, vocación) para chegar á convicción de que Cristo estaba vivo. Küng e Schillebeeckx pregúntanse pola orixe da fe pascual, pero unha teoloxía que explique plenamente o contido da fe na resurrección de Xesucristo non pode conformarse so coa pregunta sobre o proceso vivido polos discípulos, hai que preguntarse polo fundamento da fe. A vida dos discípulos cambiou totalmente ata o punto de que estaban dispostos a dar a súa vida por testemuñar a verdade do acontecemento da resurrección.

Tamén sinalou Mons. Enrique Benavent que hai fundamentalmente dúas manifestacións comprobadas sobre a resurrección de Xesucristo: o achado do sepulcro baleiro, que é un signo esencial, e a aparición de Cristo aos discípulos trala súa resurrección.

Primeira sesión das Xornadas Abertas de Teoloxía

O Vicario Xeral da Arquidiocese de Oviedo, Jorge Juan Fernández Sangrador, inaugurou o 8 de marzo no Círculo das Artes de Lugo as XXXV Xornadas Abertas de Teoloxía tratando sobre a percepción da morte no noso tempo.

Comezou falando de 6 tendencias emerxentes que teñen a súa particular visión da morte: transhumanismo, animalismo, neurocientismo, ideoloxía de xénero, pensamento débil e emerxentismo. Unha das diferencias coa escatoloxía cristiá é que nesta non haberá resurrección da carne ata que esteamos todos, mentres que nas outras escatoloxías pesa máis o individualismo.

Tamén se referiu Jorge Juan Fernández Sangrador ás crenzas que subxacen na contorna da alta tecnoloxía (Palo Alto, Silicon Valley): “todo o que se pensa, pode facerse” é o seu mantra, sen pararse a pensar nos porqués. Pero a grandeza do ser humano reside no feito de dar sentido ao que fai.

Outro tema tratado foi o da ética e a intelixencia artificial, poñendo como casos os de robots que atenden a anciáns nas súas casas, ou mesmo robots usados no ámbito relixioso (Mindar, Bless U-2).

Finalmente presentáronse experiencias de persoas transformadas no terreo espiritual a partir da audición de certos temas musicais: Erik Varden, García Morente, Paul Claudel.

Día da Muller Traballadora

Ante o Día da Muller Traballadora a Irmandade Obreira de Acción Católica e a Xuventude Obreira Católica emiten un comunicado no que, despois de presentar a actual situación laboral da muller, fan un chamamento para acabar coas circunstancias que “non permiten desenvolvernos de maneira integral como persoas libres e iguais coa dignidade que nos outorga ser fillas e fillos de Deus”.

A Xuventude Obreira Católica e a Irmandade Obreira de Acción Católica, considéranse “chamados a celebrar este Día e a dicir si, do mesmo xeito que no seu momento fixo María, ao compromiso pola creación dun mundo novo”.

[Manifesto]

Pola súa banda, Cáritas alerta de como a pandemia está a aumentar as graves vulnerabilidades ás que as mulleres se teñen que enfrontar cada día tanto nos ámbitos económico e social como educativo. Por iso, Cáritas insta ás Administracións públicas, aos responsables políticos, aos axentes económicos e sociais, á comunidade cristiá e á sociedade no seu conxunto a promover unha educación en igualdade que erradique a transmisión interxeracional da desigualdade entre homes e mulleres na que se basea o actual sistema.

[Cáritas]

E para Mans Unidas non é admisible que, a pesar de que as mulleres conforman a metade da poboación mundial, sigan sendo obxecto de múltiples discriminacións, exclusión e gran vulnerabilidade. No ano 2020, Mans Unidas aprobou 45 proxectos, por importe de 2,7 millóns de euros, destinados, especificamente, a traballar polos dereitos das mulleres e a equidade. Iniciativas que beneficiaron de maneira directa a máis de 84.000 mulleres.

[Mans Unidas]

A %d blogueros les gusta esto: