Revivir o Congreso de Laicos para reavivar o proceso

Un ano despois da celebración do Congreso de Laicos, o traballo por parte das dioceses, movementos e asociacións laicales, foi incansable promovendo e impulsando o poscongreso entre as súas realidades. Por iso a Comisión Episcopal de Laicos, Familia e Vida da CEE organiza un encontro virtual co título “Revivir o Congreso para reavivar o proceso” para o venres 19 de febreiro.

Participarán Luis Argüello, secretario xeral da CEE e bispo auxiliar de Valladolid; Isaac Martín, delegado de Apostolado Segrar de Toledo, membro da comisión executiva e de contidos do Congreso de Laicos e do Consello Asesor de Laicos; a moza cordobesa Pilar Rodríguez-Carretero, responsable Nacional de Mozos de Cursos de Cristiandade e membro da comisión executiva e de loxística e organización do Congreso de Laicos; David Roces, mozo de Acción Católica Xeral de Oviedo; e Isabel García, membro de Vida Ascendente. Presentado e moderado pola malagueña Ana Medina, xornalista de TRECE TV.

O encontro será ás 19.00 horas do venres 19 de febreiro, é gratuíto, pero é necesario rexistrarse facendo click aquí.

Hoxe é mércores de Cinza

 

Pois si, xa imos comezar unha nova Coresma, coa sensación de que aínda non terminamos a do ano pasado, cando a mediados de marzo tivemos que interromper todas as actividades pastorais e a celebración da Semana Santa quedou reducida a celebracións privadas dos sacerdotes ás que algúns fieis se uniron por internet.

Penso que as cousas pouco cambiaron desde hai un ano e a vida das parroquias rurais, que xa non era moi boiante antes, quedou arrasada. Polo que me din os meus compañeiros, nas vilas e cidades a vida parroquial segue máis ou menos como antes.

É verdade que temos vacinas e que as restricións non son tan estritas, polo que este ano poderemos celebrar a Semana Santa e, por tanto, tamén a Coresma. Farémolo con máis recollemento, como fixemos en Nadal, pero iso tampouco é malo.

A Coresma é un tempo duro, non tanto polos case insignificantes sacrificios que se non piden, senón porque nos pon diante dos ollos a realidade da nosa vida cando a tratamos de vivir á marxe de Cristo. Por isto mesmo, necesitamos ano tras ano facer o camiño coresmal, non vaia ser que esquezamos que somos po, enganados polo espellismo dalgúns pequenos logros que vemos como nosos e que nos enchen de vangloria.

O rito da cinza e as palabras que o acompañan falan por si sós. Non fai falta dicir nada máis.

Lembrade que hoxe tamén é día de xaxún e abstinencia e que os venres de Coresma son días de abstinencia. Son pequenos sacrificios que parecen doutro tempo, pero que cada vez son máis actuais e, sobre todo, moi necesarios.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artículo original en castellano]

Convencéronnos coa propaganda do fillo querido!

Houbo unha época na que se falaba moito dos fillos desexados, dos fillos queridos e isto soaba moi ben. Parecía imposible que houbese persoas que non estivesen de acordo con esa postura.

O título non está improvisado, senón que pretende ser coherente co que se escribe a continuación. Esa propaganda do fillo querido supuxo en min unha crise cando vin a definición do fillo querido, tanto polo medio no que aparecía coma pola definición en si mesma.

O medio no que aparecía escrita era a “Revista Española de Investigacións Sociolóxicas” (nº 39, ano 1987, páx. 202) que naquel intre dirixía unha tal Rosa Conde, que tamén dirixía o “Centro de Investigacións Sociolóxicas”. O nomeamento para a dirección desas dúas institucións era e segue sendo cousa do Goberno do momento, o que quere dicir que era basicamente parte integrante do Goberno e, por tanto, do partido do Goberno. Máis tarde foi ascendida a Ministra da Presidencia e Portavoz do Goberno, cando andaba nos xulgados o tema dos GAL.

A definición dada do fillo querido é a seguinte: “SE O CUSTE DE PREVIR O NACEMENTO DUN NENO É MAIOR CÓ DO NENO, ESTE PODE SER DEFINIDO COMO DESEXADO”. Relina varias veces para entendela ben, de forma que me quedou gravada na memoria e tiven claro que é unha definición para enmarcar e repensar polas consecuencias que se poden derivar dela.

Para entender ben esta definición convén ter en conta as dúas tendencias que están sempre presentes no corazón dos humanos: a tendencia ó amor e a tendencia ó egoísmo. A definición está no ámbito da tendencia ó egoísmo, por iso a un humanista serio remóvelle a conciencia esta definición por estar feita en clave de egoísmo e comenencia.

En consecuencia, entre a aspiración ética a un ideal de vida ó que estamos chamadas as persoas ou a praxe dun materialismo existencial, esa definición móvese nun ámbito materialista pechado, no dos custes, é dicir, o capital, o diñeiro e o beneficio. O camiño cara ós grandes ideais humanos de vida redúcese ás comenencias materialistas, ou á unha praxe de vida só dentro dos límites do materialismo economicista.

Se se lese máis o Evanxeo veríase que aquí sería iluminadora a parábola do trigo e o xoio: o ben e o mal, o amor-solidariedade e o egoísmo están mesturados na vida humana e con eles temos que convivir… pero coidando especialmente do trigo para fortalecelo e non arrincalo (Mt. 13, 24-30). Tamén resultaría esclarecedora esta outra pasaxe: “Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa, ese poñeraa a salvo. Pois, de que lle serve ó home gañar o mundo enteiro, se el se perde ou arruína?” (Lc. 9, 24-25).

Falar do fillo desexado, como se facía na definición, deixa no inconsciente que os fillos son en xeral indesexados, un problema, unha privación de liberdade. Así mo manifestaba un pai de familia novo, ó que lle dicían os amigos que se vivía moito mellor sen ter fillos… Eu aclareille: “Estanche dicindo que, se non se animan a sacrificarse por un fillo seu, é moito máis probable que non se sacrifiquen por un veciño ou colega, e loxicamente tampouco por ti”.

No comezo dos noventa díxome un amigo que unha asistente social, que traballaba nun Centro de Planificación Familiar, lle informara que o maior número de esterilizacións que fixeran nos últimos anos era a parellas (matrimonios) sen fillos e descendía nesta orde con un, dous e tres fillos, pero con catro ou máis non fixeran ningunha esterilización. É entendible que sexa así, aínda que non sexa moi razoable.

No libro de Alejandro Macarrón, “Suicidio Demográfico en Occidente y Medio Mundo”, di que entre o 25 e 30 % das persoas nacidas a partir de 1970 non terán fillos e engade que entre o 40 e o 50 % non terán netos, é dicir, non serán avós. Isto leva consigo que ao final da súa vida as súas relacións afectivo-familiares serán moi pobres, moi escasas.

Esta propaganda antinatalista pon o foco contra a Igrexa Católica buscando facer que se acolla acriticamente. O obxectivo é provocar para que arremetan con sectarismo contra a Igrexa e así asuman esa propaganda. Por iso cando poñen na diana á Igrexa Católica como unha institución perversa, escurantista, malvada… é importante tomar distancia, analizar e buscar honestamente a verdade para protagonizar a propia vida, ou, se un se atreve, facer o que facía o gran escritor inglés Chesterton: defender á Igrexa Católica para que se anime a conversación e documentarse para facelo con argumentos serios.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Campaña contra a fame de Mans Unidas

O domingo 14 de febreiro é a Xornada Nacional de Mans Unidas, organización que no ano 2019 levou a cabo 540 proxectos en 57 países, resultando apoiadas 1.556.957 persoas. Algo máis de 43 millóns de euros foi o recadado (a maior parte do sector privado). Co 83,9 % dos ingresos financiáronse os proxectos de desenvolvemento (educación, saúde, saneamento, medios de vida, dereitos humanos…) e co 5,3 % fíxose a sensibilización.

Mons. Alfonso Carrasco Rouco adica unha carta pastoral á Campaña e nela afirma que debemos facer “un exercicio de responsabilidade fraterna, de preocupación polo ben común, no horizonte grande do noso mundo”. [Carta pastoral en español] [Carta pastoral en galego]

O venres 12 de febreiro ás 20:30h. hai un encontro de oración en liña que dirixirá o consiliario de Mans Unidas Lugo  Miguel Ángel Álvarez. O enlace para a reunión: https://meet.google.com/egk-tgpa-ofy

 Trece TV adicou un programa especial á Campaña.

 As persoas que queiran facer donativos poden facelo directamente na conta bancaria de Mans Unidas Lugo, indicando no concepto o nome, apelidos e DNI, se desexa que lle desgrave na declaración da renda.

ES74 2080 0152 6230 4000 7386       ES86 0049 0091 0724 1533 1088    Bizum 02130

[Manifesto]

Xornada Mundial do Enfermo

O 11 de febreiro, festividade da Nosa Señora de Lourdes, celébrase a Xornada Mundial do Enfermo. Este ano baixo o lema “Coidémonos mutuamente”.

O departamento de Pastoral da Saúde, dentro da Subcomisión Episcopal de Acción Caritativa e Social, editou os materiais para esta Campaña que en España ten dous momentos: o 11 de febreiro, é o Día do enfermo, de carácter mundial. A Igrexa en España celebra o 17 de maio a Pascua do enfermo.

En liña coa mensaxe do Papa Francisco, os bispos españois destacan a importancia deste momento para brindar unha atención especial ás persoas enfermas e a quen coidan delas, tanto nos lugares destinados á súa asistencia como no seo das familias e as comunidades. En particular ás persoas que sofren en todo o mundo a pandemia do coronavirus, así como aos máis pobres e marxinados.

A %d blogueros les gusta esto: