O luns 11 de xaneiro ás 16:15 h no Concello vello de Castroverde organízase a charla-taller “5 linguaxes do amor”. Estará dirixida por Jesús Ramírez, psicólogo do Instituto da Familia de Galicia. É un acto gratuíto e aberto para todas as idades. É un acto organizado polo Centro de Orientación Familiar Diocesano en colaboración co Instituto da Familia de Galicia, a Parroquia de Santiago de Castroverde e o Concello de Castroverde.
Mes: Xaneiro 2021
José Luis Pérez Mudarra, misioneiro segrar
O 6 de xaneiro na Parroquia San Francisco Xavier (Lugo) fíxose o anuncio formal do envío a misións dun dos seus fregueses. Trátase de José Luis Pérez Mudarra.
José Luis, cooperador salesiano, ten desde hai varios anos a idea de ir a misións, pero por motivos laborais e outros non podía facer realidade tal idea. En maio do 2019 xubilouse e decidíu que era o momento de ir a misións. Estivo preparándose na asociación salesiana Madreselva. Hai algo máis de un mes, Misioneros Seglares Vicencianos (Misevi) fíxolle a proposta de ir a Angola e agora está no período de formación con Misevi. Unha circunstancia favorable para a comunicación coa xente de Angola é que alí utilízase o portugués.
“Será a miña primeira experiencia como misioneiro segrar e espero que resulte positiva. Eu desde logo vou con moitas ganas. Espero nun tempo breve facerme co idioma e con toda a xente” José Luis Pérez Mudarra
O 7 de febreiro ás 12:30 h será a Misa de envío na Parroquia San Francisco Xavier, Lugo, e a partida a Angola o 28 de febreiro.
Día dos catequistas nativos e do IEME
Todo os proxectos misioneiros, todas as loitas, todas as oracións e liturxias, deben levar a unha entrega maior en favor da vida “para que todos teñan vida”. É esta a tarefa de misioneiros, catequistas, comunidades na misión, e tamén en España: obrar como Xesús que veu para que todos teñamos vida, e ademais quere que esa vida sexa plena, sexa abundante, sexa digna (Xn 10,10).
En España, hai 100 anos, en decembro de 1920, créase un centro de formación de curas misioneiros, que irán marchando para América e África, onde se manteñen até o presente, organizados como Instituto Español de Misións Estranxeiras (IEME). Sempre situados entre os máis pobres e os máis abandonados deses países, e coa mochila lista para marchar a outra parte, cando as comunidades alcanzan a madurez necesaria.
Na Festa da Epifanía, a Igrexa comprométese a prestarlles todo o seu apoio tanto aos catequistas nativos como aos sacerdotes misioneiros do IEME.
Querido Neno Xesús…
Este ano a incerteza apoderouse dos nosos corazóns, xerando unha angustia e unha desesperanza entre os homes e mulleres do noso mundo. A covid-19 trouxo consigo unha desestabilización emocional, cultural e social que nos arrincou da nosa rutina cotiá. Este tempo esixiu de nós unha resposta tremendamente humana, capaces de arrimar o ombreiro para axudar ao irmán que se vía inmerso en calquera necesidade ou problema.
E non foi doado. Para moitas familias foi moi doloroso. Nunca vivimos unha pandemia, está claro, aínda que moitos dos nosos maiores lembran vivir algunha situación semellante, cunha escaseza de recursos moito maior, pero tamén con outra incidencia no contaxio. Pero o máis doloroso é a cifra de falecidos neste tempo, onde non só é un número que cada día resoa nos medios de comunicación ou nas redes sociais coma se dunha cifra calquera se tratase; son vidas, nomes concretos, historias e familias.
Detrás de cada número hai un fogar que chora ao seu falecido e que, por desgraza, moitas veces non puideron nin sequera despedilo. Por iso, se este tempo esixe unha resposta humanizadora, que nos devolva o sentido da convivencia fraterna, a mirada deberíase pousar en Belén. Ti, Señor, alí, viñeches ao mundo. Neno como eras, descubríchesnos tamén o gran Corazón que posuías. A Igrexa sempre ensinou que o home descobre a súa verdadeira vocación e vida ao verse en Ti, o Home por excelencia (cf. Gaudium et spes, 22).
Quen nos ensinaría como actuar dun xeito humano co irmán senón Aquel que se fixo Home por amor e ensinounos a vivir nun xesto de caridade permanente!
Neste Nadal, na túa vinda a nós que celebramos novamente neste ano, Señor, que o teu agasallo a cada corazón sexa o da esperanza. Que a Luz que es Ti para o mundo fágase presente en cada home e muller, para que os ilumines a eles e poidan ser portadores á súa vez desta luz para outros.
Grazas, Xesús, por facer feliz a nosa vida co Nadal.
Nicolás Susena
Delegado de Pastoral Familiar
Dtor. do Centro de Orientación Familiar Diocesano
[Tomado da publicación “Lugo en familia“]
A familia, corazón da vida humana
O normal modus vivendi de todo bo cidadán debe ser a súa inserción no seo dunha familia.
Toda familia ben estruturada consta de tres elementos: a pluralidade de persoas, a convivencia delas no mesmo fogar, e a afectividade mutua entre todos. Unha persoa solitaria non é familia. O individualismo crea soidade. O fogar cuxos moradores non viven en comunidade, é a antítese dunha familia ben avinda. A ese fogar habería que chamarlle parada turística, casa de comidas, fonda no camiño…, pero fogar familiar non. Os membros dunha familia teñen que ser persoas vinculadas por lazos de consanguinidad ou, polo menos, integradas no novo fogar, por imperativos legais, segundo os cales pasan a ser membros dese novo fogar, cos dereitos e obrigacións dun familiar máis.
Os membros dunha mesma familia conservan as características intransferibles de cada unha delas: a paternidade, a afiliación, a fraternidade, etc.; pero todas estas connotacións intransferibles quedan absorbidas polo nome común da nova familia, que os aglutina a todos.
O ser membros dunha familia leva uns dereitos e unhas obrigacións das cales ninguén debe abdicar, se quere manterse como membro do fogar no que se integrou. É que o status de familia non se funda tanto nunhas disposicións xurídicas, canto no sangue que corre polas veas de todos os seus membros ou nuns compromisos sacramentais que cada un aceptou libremente ante o altar de Deus.
Estamos a asistir a unha progresiva degradación da familia: Moitos mozos non queren asumir un compromiso estable ante a sociedade; o número de divorcios e separacións crece de forma alarmante de día en día; as actitudes adulterinas e as parellas de feito están a adquirir carta de cidadanía; os valores relixiosos están ausentes de moitos fogares…
Ademais, desde o exterior está a librarse un ataque obstinado á institución familiar. Quéreselles recoñecer rango de familia a certas formas de convivencia, que difiren radicalmente do verdadeiro matrimonio. Desprézase a familia tradicional, acusándoa de frear o progreso, ponse trabas á libre elección de ensino para os fillos. Ante esta situación é necesario reaccionar e defender a familia de todos os axentes que tratan de degradala. A iso debemos dedicar as nosas mellores enerxías, porque a familia é un compromiso e unha tarefa de todos, e porque, se recuperamos a familia, estaremos a construír o futuro dunha comunidade humana libre, solidaria e xusta.
A iso axudaranos o exemplo da Sagrada Familia, modelo de todo bo comportamento. Naquel fogar, todo era paz e respecto mutuo. O Neno Deus valoraba a autoridade de San Xosé e a maternidade de María. San Xosé adoraba a Deus feito Neno e quería con amor venerable a María a súa esposa virxinal; e Ela era a gran responsable daquel exemplar fogar. Que nós lles imitemos e que eles intercedan polas nosas familias e as de todo o mundo.
Indalecio Gómez
Cóengo da Catedral de Lugo