Nacións Unidas declarou 2021 Ano Internacional da Paz e a Confianza; con iso pretende mobilizar esforzos para promover a paz e a confianza entre as nacións sobre a base, entre outras cousas, do diálogo político, o entendemento mutuo e a cooperación, a fin de lograr unha paz, unha solidariedade e unha harmonía sustentables.
Unha vida autenticamente humana é posible grazas á confianza, a pensar que non van ser defraudadas as expectativas que teñamos sobre algo, especialmente sobre o que fagan as outras persoas.
Para que haxa confianza, ten que haber respecto, e así tamén temos unha das bases da paz.
A confianza mantense e aumenta se está acompañada de xestos amistosos, de tolerancia, de simpatía, de cordialidade e, sobre todo, se a confianza é correspondida con confianza.
Polo contrario, debilítase a confianza se hai silencios, reservas, dúbidas… e todo iso alimentaría o conflito.
Cando está a punto de perder a paz, é boa a confianza en organismos supranacionais, pois o ideal é que as partes en conflito confíen en que a institución pacificadora actuará con xustiza.