Un ano novo para seguir avanzando con esperanza

Santa María a Real do Cebreiro

Paz e ben: a conclusión e o comezo dun novo ano supón sempre unha invitación a seguir avanzando.

O tempo, o calendario, do mesmo xeito que o Camiño de Santiago, delinea e supón unha serie de etapas que hai que ir completando… Sempre mirando cara adiante, pero cos pés sobre a terra; sempre bañados no realismo do momento, pero tamén abrazados polo idealismo que move corazóns cara a metas heroicas.

Mirar atrás, é recoñecer o camiño xa percorrido… mirar cara adiante, é como levantar a mirada e contemplar o horizonte cara ao que imos.

Pero o importante e decisivo é que estamos “en camiño”, é a hora do paso concreto, humilde paso que supón sempre un avance, aínda que cause dor.

O Camiño de Santiago é unha sucesión de etapas que, como a vida mesma, ofrecen sempre a oportunidade de seguir avanzando, mesmo con sufrimento e no medio de dificultades, que, ao cabo, fortalecen os pés e o espírito da persoa que camiña.

Un novo ano en principio é unha proxección cara ao futuro que en realidade non existe (cando chega é hoxe, agora), un xogo numérico froito das matemáticas que nos axudan a comprender parte do universo, pero non o corazón, o ser, a alma humana.

Por iso un ano novo pode ser entendido como unha nova oportunidade, unha nova etapa, un seguir avanzando sen medo, con esperanza, e sempre coa enerxía que dá o amor e a súa filla a bondade.

Sigamos camiñando neste novo ano para ir construíndo, coas pisadas do amor e a solidariedade, un mundo novo.

Deséxoche todo ben, CAMIÑANTE.

Feliz ano novo.

Ultreia et suseia (“ánimo, adiante, sempre máis aló e cara ao ceo”).

Fr. Paco Castro Miramontes

Celebracións de Nadal na Catedral

As celebracións de Nadal na Catedral de Lugo son as seguintes:

22 de decembro

20:30 h  Bendición do nacemento, con actuación do Orfeón Lucense

24 de decembro

17 h Primeiras Vésperas solemnes no Nadal

20 h Misa vespertina

25 de decembro

13 h Misa solemne de Nadal

31 de decembro

12 h Te Deum de acción de grazas polo ano que remata (desde as 11:30 h,

posibilidade de confesión)

1 de xaneiro

13 h Misa solemne

5 de xaneiro

19:30 h Misa de nenos na Véspera da Epifanía. Ao remate, visita dos Reis

As Eucaristías estarán presididas polo Sr. Bispo

E baixo o título “De novo Nadal, de novo música” a Catedral será escenario dos seguintes concertos, ademais do indicado ao comezo desta información:

Domingo 27 de decembro ás 18 h actúa Solo Voces

Sábado 2 de xaneiro ás 18:30 h actuación do Orfeón Lucense

Programa “Envellecemento activo”

Ponse en marcha novamente o programa Envellecemento activo nesta ocasión a través de videos para desenvolver talleres sobre maxia, memoria emocional, benestar psicolóxico, nutrición. Organiza o Instituto da Familia de Ourense e colabora o Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo.

Os talleres que conforman o programa son os seguintes:

– Talleres de Acompañamento no desenvolvemento da creatividade e a imaxinación a través da maxia (6 vídeos)
– Talleres sobre nutrición: Desenvolvemento do autocoidado persoal e alimenticio. (3 vídeos)
– Talleres de coaching: desenvolvemento de memoria afectiva e narración autobiográfica positiva (8 vídeos)

Estes vídeos destinados a maiores de 65 anos residentes en Galicia, teñen unha duración breve (entre 3 a 6 minutos), moi visuais, pedagóxicos e sinxelos de entender para que os participantes poidan levar á practica.


Pod Para máis información e inscribirse, chamar ao 988 37 46 46 de luns a venres: 9 – 13:30 e 16:30 – 20. Ou no correo electrónico: 
info@institutodafamilia.es .

A primeira vez que se celebrou o Nadal

Imaxe de Cristo no mausoleo Giuli nos scavi do Vaticano

Unha cousa é celebrar o aniversario do nacemento propio e outra é celebrar o aniversario do nacemento dun personaxe histórico. Normalmente esta última celebración vén derivada do percorrido persoal do personaxe. Primeiro celébrase a fazaña ou o fito da súa vida e nun segundo momento interrógase sobre as súas orixes. O exemplo témolo en Xesús de Nazaret. O importante era o trascendente dos seus actos máis que a súa orixe. Non será ata o século IV cando preocupe fixar un día para conmemorar a súa vinda ó mundo en carne mortal. Desa maneira remarcábase o seu ser home fronte a aqueles que negaban a súa humanidade. Ata aquel momento importaba máis a repercusión que tivo na humanidade e no modo en como a salvación se realizaba que reparar no feito que aquel home, fillo de Deus, fose un home de verdade e polo tanto tiña que haber un nacemento no tempo e nun espazo determinado. Profundízase entón nas súas orixes, na súa historia.

Debemos ter en conta dúas datas importantes para o cristianismo: o 313, no que Constantino decreta a liberdade de culto por medio do edicto de Milán e o ano 375 no que o emperador Teodosio proclama o cristianismo como relixión oficial do Imperio. Que se declarase a liberdade de culto implicaba que o cristianismo xa non era perseguido e polo tanto pasamos a unha época de permisividade. A relixión cristiá atopou en Constantino un aliado e viu florecer ó longo da cidade basílicas, que foron construídas ás veces sobre templos pagáns. Desta época é a construcción da basílica de Anastasia – entre outras – situada no monte Palatino, onde se erguían os palacios imperiais, que recibe o nome pola media irmá de Constantino, Anastasia, e antepónselle Santa cando reciben unhas reliquias recibidas da Panonia a través de Constantinopla.

Paralelamente a esta actividade constructiva de templos cristiáns vanse fixando datas importantes que perduran ata os nosos días: a Pascua, fixada no ano 325 no concilio de Nicea e a data do nacemento de Cristo, fixada tamén no século IV. Escoller o 25 de decembro como data do nacemento de Cristo vén determinada por unha festa pagá, as Saturnalias, o día do Sol Invicto, o día no que xa se percibe un aumento da luz solar. Baléirase de contido pagán esta data e énchese de contido cristián, situando nese día o nacemento de Cristo. Cristo- Sol invicto ou Cristo-Helios así o representan nos scavi de San Pedro do Vaticano, que son as escavacións arqueolóxicas visitables da basílica de San Pedro. Esa data aparece reflectida por primeira vez no calendario de Filocalo, na súa Depositio Martyrum, ó redor do ano 336 d. C.

E o cómo se celebra sabémolo polo apunte do ano 363 d. C. no que se recolle que en Santa Anastasia se celebraba a segunda misa antes de romper o día, precedida pola celebración en Santa María Maior da misa de medianoite e seguida da terceira misa celebrada na basílica de San Pedro ó mencer. Quen celebraba ese ano era o Papa Sixto III. Dáse a casualidade que os palacios imperiais e a basílica de Santa Anastasia están situados no lugar onde a tradición romana falaba do amamantamento de Rómulo e Remo pola loba. Esa conclusión vén dada polas recentes escavacións arqueolóxicas, nas cales se atopou o Lupercal ou santuario adicado á Loba Capitolina a 16 metros de profundidade debaixo da basílica de Santa Anastasia. Constatamos así que o cristianismo aproveitou nos tempos primeiros os elementos pagáns para darlles un novo contido, respetándoos pero dándolles un novo significado. Dito doutra maneira, utilizou os elementos que tiña ó seu alcance para facer chegar a súa mensaxe de salvación.

Óscar González Murado

Director do Arquivo Diocesano

Xornada da Sagrada Familia

Os anciáns, tesouro da Igrexa e a sociedade” é o lema da Xornada da Sagrada Familia 2020 que se celebra o domingo 27 de decembro. A Subcomisión Episcopal para a Familia e a Defensa da Vida editou os materiais para preparar esta Xornada.

Os bispos da Subcomisión asinan un nota na que destacan que na tradición da Iglesia hai unha bagaxe de sabedoría que sempre foi a base dunha cultura de proximidade aos anciáns, unha disposición ao acompañamento afectuoso e solidario na parte final da vida.

Coa mirada posta na pandemia do coronavirus, os bispos lembran ás numerosas vítimas, entre elas, “ocupan un lugar privilexiado os nosos maiores”. De maneira especial, sinalan, “ esmeremos os nosos coidados polos anciáns que aínda están enfermos”.

O día 27 de decembro ás 13 h celébrase o Día da Sagrada Familia na Catedral de Lugo cunha Eucaristía presidida polo Bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco. Haberá unha petición especial polos matrimonios que fagan o seu aniversario de voda.

A %d blogueros les gusta esto: