O Bispado de Lugo asina un convenio con Sabadell Gallego

Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco (esqda) e director xeral de Sabadell Gallego, Pablo Junceda (dta.).

Sabadell Gallego asinou un convenio de colaboración co Bispado de Lugo o 11 de novembro. O acordo foi subscrito polo Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco, e polo director xeral de Sabadell Galego, D. Pablo Junceda.

O obxectivo do convenio é establecer un marco de colaboración que permita dar resposta ás necesidades de produtos e servizos do ámbito bancario en favor das parroquias, centros escolares, empresas, organismos, fundacións, sacerdotes e empregados de todas estas vinculadas ao Bispado de Lugo.

Sabadell Gallego pon a disposición do Bispado a súa participación no “Proxecto Ético e Solidario FI”, unha iniciativa de Banco Sabadell co que a entidade bancaria presta axuda económica a proxectos solidarios.

O director xeral de Sabadell Gallego mostrou aos presentes, entre eles o ecónomo D. Rodrigo Rúa, un novo proxecto dixital -Doe- que conta con varios dispositivos (atril, alcancía, lampadario), para a recollida de donativos en efectivo, tarxeta ou con calquera dispositivo dotado da tecnoloxía NFC (contactless) de forma sinxela e en poucos segundos.

Nota da Vicaría Xeral sobre a limitación de capacidade nos lugares de culto

No día de hoxe, o Diario Oficial de Galicia publica o Decreto 181/2020 que modifica o decreto 179/2020 de 4 de novembro, no relativo as “limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto”.

Esta nova redacción literalmente di:

«Terceiro. Limitacións á permanencia de persoas en lugares de culto.

1. Na Comunidade Autónoma de Galicia a asistencia a lugares de culto non poderá superar o cincuenta por cento da súa capacidade, e deberase garantir, en todo caso, o mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros entre as persoas asistentes.

A capacidade máxima deberá publicarse en lugar visible do espazo destinado ao culto.

Non se poderá utilizar o exterior dos edificios nin a vía pública para a celebración de actos de culto.

2. A asistencia a lugares de culto, nas condicións establecidas no número anterior, non poderá superar o terzo da súa capacidade nos concellos enumerados nos números 1 e 2 do punto primeiro deste decreto.

3. Deberán establecerse medidas para ordenar e controlar as entradas e saídas aos lugares de culto para evitar aglomeracións e situacións que non permitan cumprir coa distancia de seguridade.

4. As limitacións previstas nos números anteriores non poderán afectar en ningún caso o exercicio privado e individual da liberdade relixiosa».

Polo que desde hoxe, o aforo dos lugares de culto queda do seguinte xeito:

  • Nos Concellos sen restricións: 50 % do aforo.

  • Nos Concellos con restricións: 33 % do aforo. (No territorio da Diocese de Lugo, os concellos afectados son: Lalín, Lugo, Monforte de Lemos e Silleda)

Esta medida segue en vigor ata as 15.00 h. do 4 de decembro, agás que sexan modificadas polas autoridades sanitarias.

Lugo, a 10 de novembro de 2020.

O Vicario Xeral

Sentimos morrer e revivir a nosa sociedade

Amoréansenos toda unha serie de sentimentos no corazón ante o «caos» no que vivimos, que ás veces non somos nin conscientes de que xa comezou novembro. Onde están o resto de meses? Parecería que se esfumaron do calendario. Pero mentres viviamos encerrados nas nosas casas as horas máis cheas de promesas e bos desexos do mundo (iamos cambiar, dicían), os días seguían transcorrendo coa mesma celeridade de sempre.

Impresionoume hoxe cando me comentaban dun artigo dun xornal italiano que trataba daqueles mozos do 68 que saían á rúa a reivindicar un cambio. Xa era inasuimble para aqueles mozos seguir aceptando un estilo de vida, un conxunto de normas que non podían definilos nin atrapalos. Reivindicaban unha «liberdade». E é curioso -que voltas dá a vida!- que aqueles mozos que clamaban por saír e por non vivir atados a nada, sexan agora quen forman parte do grupo de risco da nosa sociedade. É lóxico, xa que os anos pasan.

Hoxe en clase os meus alumnos encerelláronse nun debate sobre a posibilidade de quen debería vivir nun hospital cando só pode atender a un dos dous casos: unha persoa nova ou unha xa maior. É doado adiviñar por quen se decantaba todo o mundo. Pero o seu docente aínda lle deu outra volta á pregunta: que a persoa nova, sen sabelo previamente á decisión, puidese morrer uns meses despois e que o maior fose o seu avó (o dos alumnos, claro). O única conclusión que saquei é que cando falei da dignidade non quedou tan claro o concepto.

Moita xente morreu de coronavirus. E a cifra non permanece estática, senón que, de día en día, vemos como continúan morrendo tantas persoas cunha historia e un rostro que vai máis aló dun simple número. Porque reducir a vida das persoas a cifras lémbranos máis aos terribles episodios do pasado onde tantos xenocidas chegaron ao poder. Aí, as persoas eran un cero á esquerda. Non podemos repetir o desprezo que aqueles fixeron. Detrás de cada número no rexistro de falecidos hai unha familia que chora a quen xa non está con eles.

Os meus alumnos debateron sobre a morte dunha persoa sen ter claro que todos e cada un dos seres humanos deste planeta teñen unha dignidade que debe ser sempre protexida. O coronavirus puxo sobre a mesa -de novo- o debate actual de se debemos salvar ou non aos maiores. E no medio da pandemia escoitabamos atónitos como avanzaban na cámara parlamentaria os trámites para a lei da eutanasia. E si, aqueles mozos do 68 son agora ese grupo de risco que se atopa na difícil perspectiva de serlles negada a axuda para salvarse se os medios son limitados e hai que elixir. Que non teñen por que ser eles, é obvio, do mesmo xeito que se pode dar o caso de que non se teña que volver decidir.

Entón pediron liberdade. Agora poderían volver quitarlla. Vemos morrer a nosa sociedade ante unha decisión que descarta xente, que compara vidas, que nega memorias e historias, que non fala o idioma da dignidade. E verémola revivir cando non se cuestione un don tan grande como o feito de seguir arrincando follas do calendario coa mesma liberdade durante toda a existencia da persoa. Porque aínda que pasen os meses ou os anos, todos temos o mesmo dereito a vivir.

Que caos! E o noso corazón, mentres, pendente do cambio constante das normativas, sacudido pola incerteza, angustiado pola economía, a distancia dos seus próximos, afogado ás veces na súa soidade… Se sobrevivimos á pandemia, quedarannos aínda moitas materias pendentes.

Nicolás Susena

Delegado de Pastoral Familiar

[Texto orixinal]

Día da Igrexa Diocesana: Carta do Sr. Bispo

Queridos diocesanos: a experiencia que fixemos nos tempos máis duros desta pandemia da COVID-19 nos permitiunos descubrir con claridade que non estabamos sós, mesmo no noso illamento forzoso, que nos axudabamos uns a outros a ser e a vivir nas dificultades da nova situación.

Alegrarse desta axuda sinxela, feita de presenza, de coñecemento mutuo e apoio cotián, dunha palabra e unha oración, de xestos de axuda e de compañía, foi ocasión de descubrir o máis fondo: que o noso ser, a nosa existencia, ten fundamento sólido, sostense sobre o chan firme dunha unidade profunda, edificada polo Señor. “Somos o que ti nos axudas a ser”; dicímolo ante todo ao Señor Xesús e, grazas a El, á comuñón dos irmáns, na que vivimos como cristiáns.

Puidemos ver neste tempo de pandemia que non está no noso poder darnos o ser e a vida, que unha forza cega da natureza deixábanos sen defensa nun momento. E puidemos aprender mellor, con todo, que existimos grazas a Deus, que El nos axuda a ser, fainos posible realizar o ben na vida, axudarnos como irmáns dunha gran familia, que esteamos ante a morte con esperanza de vitoria.

Ser persoa é ser así, relación viva con Deus e cos irmáns. Somos unha gran familia, con raíces no máis fondo, habitada pola unidade e o amor máis radical, e que chega da terra ao ceo. Non somos menos: esa é a nosa familia, sempre confiada na vontade do Pai, con Xesús como Señor da casa. Aquí somos axudados a ser e axudámonos uns a outros a ser. Fixémolo no confinamento, e temos que facelo todos os días, polo ben da nosa vida, polo dos nosos seres queridos, pola nosa dignidade e destino persoal e como sociedade.

Desde o inicio os cristiáns vivimos así: tiñan un só corazón e unha soa alma, di san Lucas, perseveraban unánimes na oración e na doutrina dos apóstolos, puñan os seus bens en común, axudábanse nas necesidades.

Alegrémonos da nosa fe, de Deus o noso Pai e da vitoria do Resucitado. Miremos con ollos de fe e agradecemento á particular Igrexa diocesana en que estamos, na que somos axudados e axudámonos a ser e a vivir.

A achega de cada un é un tesouro precioso, que enriquece a todos, que nunca se pode dar por descontado, que constrúe o ser xuntos unha gran familia: cunha palabra ou un xesto, coa xenerosidade de quen pon a disposición o seu tempo ou as propias calidades, con apoio e compañía na discreción do cotián.

Así, na proximidade, na fe e a caridade, no compartir e o axudarse nas dificultades da alma e do corpo, somos Igrexa. Na nosa casa, na nosa terra, en Lugo, somos Igrexa diocesana. Deus gárdenos nela, permítanos ser perseverantes, ensínenos a amala, a axudala e a axudarnos a ser e a vivir. E que no seo desta gran familia da Igrexa lucense, Xesús sacramentado déanos a graza da verdadeira comuñón, de permanecer sempre xuntos, cada día e todos os días: SomosIgrexa24Sete.

Mons. Alfonso Carrasco

Bispo de Lugo

[Ver carta en castellano]

Taller de escoita

O martes 3 de novembro, de 10 a 12h (vía zoom), a psicóloga colaboradora do Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo, Cristina Bandín, dirixe un taller de escoita. As claves para acceder daranse a coñecer nos días previos nas redes sociais.

A experiencia de sentirse escoitados e de escoitar é común, pero ás veces cométense erros porque non sempre é doado. Este taller é para escoitarnos e lembrarnos entre todos as claves para unha mellor comunicación interpersoal.

Colabora o Instituto da Familia de Ourense.

A %d blogueros les gusta esto: