Eucaristía de acción de grazas no IV aniversario da renovación da Indulxencia Plenaria

O venres 13 de novembro celebrouse o 4º aniversario da renovación do privilexio da Catedral de Lugo de 1860 polo cal se concede Indulxencia Plenaria Cotiá e Perpetua ás persoas que visiten esta Catedral, segundo as condicións habituais.

Na Catedral celebrouse unha Eucaristía solemne presidida polo Bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, que na homilía, entre outras ideas, expresou o seguinte sobre a indulxencia:

“A indulxencia é dada, non en calquera sitio, non en calquera tempo, non de calquera xeito, senón como Deus quere, como a Igrexa administra. E a nós pídesenos ese punto de obediencia. Poderías gañar a indulxencia en Lugo? Si, cando vas á Catedral. E por que teño que ir aí? Pois é un xesto de humildade. O Señor di: Eu agárdote, ven aquí. Trátase de facer un pequeno camiño que reflicte a humildade do corazón que quere ir cara a Deus. Se non queres facer ese xesto, será verdade que queres pedir o ben, a salvación, o perdón? Por iso, a indulxencia é como un regalo humilde, posto nesta Catedral na honra ao Santísimo, para todo aquel que sinxelamente teña esa obediencia elemental de dicir: O Señor damo aquí, desta maneira e eu veño. Dito doutro xeito, é como se o Pai dixese: a quen adore ao meu Fillo, a quen o recoñeza, a quen o ame, Eu daríalle todos os bens. E aquí o realiza”.

Campaña de Mans Unidas “Acende o teu compromiso”

Esta pasada fin de semana (14 e 15 de novembro) Mans Unidas promoveu a campaña “24 horas para alumar o mundo. Acende o teu compromiso”.

Na cidade de Lugo, as fachadas do Concello e da Deputación (foto superior), ademais dunha parte da muralla lucense (A Mosqueira) estiveron iluminadas coa cor corporativa de Mans Unidas, o azul. Ademais, membros da organización e outras persoas que se uniron á campaña, portaban candeas, como símbolo da necesaria luz que debería iluminar as zonas escurecidas do planeta, as máis empobrecidas.

IV aniversario da renovación da Indulxencia Plenaria Cotiá e Perpetua á Catedral de Lugo

O venres 13 de novembro, celébrase o 4º aniversario da renovación do privilexio da Catedral de Lugo de 1860 polo cal se concede Indulxencia Plenaria Cotiá e Perpetua ás persoas que visitasen esta Catedral, segundo as condicións habituais.

Ás 20 h a catedral acollerá unha Eucaristía solemne presidida polo Bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco

 

Historia da concesión da Indulxencia:

O culto Eucarístico en Lugo e a Exposición permanente do Santísimo Sacramento no Altar Maior da Catedral desde tempo inmemorial están intimamente ligados a concesión, no seu día, da indulxencia plenaria na Catedral lucense.

– En 1860, o Papa Pío XI promulgou a seguinte bula: Indulxencia plenaria todos os meses a todos os fieis que se confesasen, comulgasen e visitasen ao Santísimo Sacramento.

– En 1867, o Bispo Mons. José Ríos Lamadrid, tras unha visita a Pío XI, comunícalle ao cabido da Catedral que o Papa lle concedeu “indulxencia plenaria perpetua a todos os fieis que en calquera día do ano” comulgasen na Catedral coas debidas disposicións.

– En 2016, o bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco, presentou á Santa Sé a petición de renovar a devandita indulxencia plenaria. A petición foi concedida por Decreto da Penitenciaría Apostólica o 10 de outubro de 2016.

Privilexio excepcional:

O único caso no mundo que se coñeza cun privilexio semellante ao que ten Lugo é o chamado “Perdón de Asís”. Nesa localidade italiana tamén se pode gañar desde o ano 1968 a indulxencia cada día.

Esta característica da Catedral de Lugo é importante non só desde o punto de vista espiritual senón tamén no aspecto cultural.

Como gañar a Indulxencia:

No Decreto da Penitenciaría Apostólica polo cal se renova este privilexio sinálase que os fieis poderán gañar a indulxencia calquera día do ano a condición de que cumpridas as condicións habituais, é dicir, confesión, comuñón e oración polas intencións do Sumo Pontífice, visiten piadosamente o Santísimo Sacramento exposto publicamente para adoralo durante un axeitado espazo de tempo.

[Retransmisión da Eucaristía]

Xornada Mundial dos Pobres

A cuarta edición da Xornada Mundial dos Pobres é o domingo 15 de novembro para lembrar que os pobres están e estarán sempre connosco (cf. Xn 12,8) para axudar a acoller a compañía de Cristo na vida cotiá de cada católico consecuente. O lema deste ano está tomado do libro do Eclesiástico: “Estende a túa man ao pobre”. Facelo permite descubrir, en primeiro lugar, a quen o fai, que dentro de nós existe a capacidade de realizar xestos que dan sentido á vida.

[Mensaxe do Papa]

Presentación do libro “Don Nicandro Ares. Bo e sabio”

A Aula Magna do Seminario Diocesano acolleu a presentación do libro Don Nicandro Ares. Bo e sabio o día 11 de novembro.

O libro ten como xerme a achega de Enrique Montenegro Rúa e Felipe Arias Vilas no referente á bibliografía de Nicandro e a Santa Eulalia de Bóveda.

O título Nicandro Ares. Bo e sabio recolle o seu quefacer intelectual e súa bondade, sen a cal o quefacer intelectual vale pouco. Co título quíxose subliñar que a realización persoal ten que acompañar á realización intelectual e iso é o que se fixo realidade en Nicandro.

A obra ten 4 partes:

Nunha primeira parte Mons. Alfonso Carrasco e Xesús Alonso Montero encárganse da presentación e introdución.

2ª parte: estudos que dan conta do fondo traballo intelectual e da riqueza humana de Nicandro.

3ª parte: testemuños de persoas que trataron a Nicandro e que deixan constancia de como era a súa personalidade e o seu quefacer

Na 4ª parte Enrique Montenegro mostra a produción bibliográfica de Nicandro Ares.

Tamén se inclúe documentación fotográfica que recolle a vida do homenaxeado.

A %d blogueros les gusta esto: