A palabra «advento» significa «vinda», e utilizábana os pagáns para expresar a vinda periódica das divindades que, de cando en cando, facíanse presentes no templo, que para eles era un lugar sacro. No léxico coloquial, utilizábano tamén para recibir ao emperador, ao cal consideraban como un ser divino.
Na linguaxe cristiá, nun principio, chamouse «advento» á última vinda do Señor, xuíz de vivos e mortos; pero ao establecerse a festa de Nadal, empezou a chamarse «advento» á vez que precede ao nacemento de Xesús en Belén. E desde entón, houbo como un desdobramento do Advento: un de preparación para o Nadal, e outro de preparación para a Pascua. O primeiro caracterízase polo seu ambiente de oración e esperanza, e conserva o nome de «advento litúrxico». E o segundo caracterízase por un clima de conversión e de penitencia, e denomínase «coresma».
Nestes momentos referímonos ao Advento litúrxico, que implica «espera e compromiso». Vivimos en «esperanza», porque o mundo aínda non se concienciou plenamente da vinda redentora do Mesías, e súplica que a súa misión redentora non se faga esperar. A nosa súplica é gozosa e medorenta. Gozosa, porque a encarnación do Fillo de Deus é portadora de salvación para todos e, á vez, é comprometedora para nós, porque a redención non é impositiva, senón oferta amorosa e martirial por parte do Señor e debe ser acollida e agradecida pola nosa banda. A este respecto pode servirnos de exemplaridade o comportamento dos pastores, os cales, informados do nacemento de Xesús, acudiron a ofrecerlles os seus dons, e tamén a actitude dos Magos, que acudiron presurosos a adorar ao Fillo de Deus, que acababa de pisar terra.
O Advento debe de vivirse en clima de esperanza, porque nos advirte que se achega a nosa liberación. A esperanza mira un futuro bo. O temor tamén mira a un futuro, pero indesexable. O Advento mira a un futuro grandemente desexado: a vinda do Salvador. A esperanza de Advento é gozosa: as promesas do Señor están a piques de cumprirse. E isto cáusanos inmenso gozo. Pero é tamén esperanza responsable, porque o Salvador chama á nosa porta coa ilusión de que nós lle permitamos entrar. Esta é a nosa responsabilidade. De nós depende que Xesucristo poida entrar nas nosas vidas ou que teña que pasar de longo. Para sortear este risco, o Papa San Xoán Paulo II, repetíanos con voz vibrante e corazón enardecido: «Abride as portas a Cristo». Esteamos pois, vixiantes para que «entre» axiña que veña e chame. O Precursor prestou un magnifico servizo ao plan salvífico do Mesías: primeiro preparou ao pobo para que o recoñecese e recibise, e despois sinálao xa presente entre os homes. Tomemos exemplo e escoitemos a este bo pregoeiro. Celebremos con gozo a próxima chegada do Mesías e preparemos os camiños para que a súa salvación irrompa con forza en todos os ambientes do noso pobre mundo.
Só entón será Nadal.
Indalecio Gómez Varela
Cóengo da Catedral de Lugo