Estar unidos na mesma fe e como membros dunha familia máis grande ten unha dinámica propia: é caridade operativa. Agora, tras a experiencia feita e ante as expectativas que abre o novo curso, será particularmente necesario potenciar esta dimensión esencial da experiencia cristiá.
Sabemos ben, tras os difíciles días da pandemia, que non podemos fiarnos só de nós mesmos e da nosa boa vontade, que se nos esgotarían rapidamente as forzas e as respostas. Que a fonte inesgotable da caridade está na nosa participación no amor sen límites do Señor, na plenitude da súa entrega ao Pai e a todos os seus irmáns, na nosa comuñón eucarística con El.
Recuperar a vida das nosas parroquias, coidar nelas a experiencia de unidade –na fe e nos sacramentos– fará posible responder a este outro gran desafío do próximo curso: a caridade, o acento posto na fraternidade vivida, na compañía, na axuda mutua, consciente, querida.
A comunidade parroquial “é con frecuencia o primeiro lugar de encontro humano e persoal dos pobres co rostro da Igrexa” (Congregación para o Clero, Instrución “A conversión pastoral da comunidade parroquial ao servizo da misión evanxelizadora da Igrexa”, 33). Será tarefa irrenunciable este ano saír ao encontro das necesidades das nosas familias, ofrecéndolles soporte e axuda cando a crise, que xa asoma no horizonte, afecte o traballo e ao sustento. E ocuparnos de tantas outras situacións de persoas que, apremadas polo peso da vida, as circunstancias económicas ou outros problemas, esperarán atopar na familia dos discípulos do Señor un xesto de alento e unha man tendida.
Por iso, este curso terá prioridade para nós a existencia e o bo funcionamento das nosas Caritas parroquiais, así como da diocesana; ben sabendo que son só expresión de todo o tecido de cercanía, axuda e amor ao próximo que dá forma á vida das nosas comunidades. Neste mesmo sentido, será importante seguir apoiando o noso Comedor San Froilán –que, desde o inicio da crise, enfróntase a necesidades crecentes–, como sempre recoñeceu a fe sinxela do noso Pobo crente, que fai posible a súa subsistencia cotiá, xunto co labor constante e gratuíto das Fillas da Caridade, de responsables e colaboradores.
Tamén a iniciativa da que nace o Fondo diocesano Sempre Xuntos foi signo desta mesma caridade vivida de cerca nas parroquias, en particular polos presbíteros. Está destinado a ser apoio ás nosas Caritas, cando os seus recursos sexan insuficientes; pero é ao mesmo tempo testemuño da nosa unidade diocesana, que atopou esta forma de expresión ante os sufrimentos da pandemia, e pola que debemos dar grazas a Deus. Xa que a caridade é un xesto supremo da liberdade do corazón, nunca é debida nin pode ser obrigada, aseméllanos a Deus mesmo, que ama ao que dá con alegría (2Co 9,7).
Mons. Alfonso Carrasco
Gústame esto:
Gústame Cargando...