Nota pastoral dos Bispos da Provincia eclesiástica de Santiago de Compostela sobre a participación na Eucaristía dominical

Desde o inicio da crise sanitaria provocada polo virus COVID-19 e de acordo cos protocolos sanitarios establecidos polas autoridades, os Bispos de Galicia, pensando no maior ben e na tranquilidade de conciencia dos fieis, procedemos a dispensar da obrigación da asistencia a Misa os domingos e días de precepto[1], vivida desde sempre nesta gran familia que é a Igrexa católica.

Debido ao estado de alarma, durante estes últimos meses paralizáronse moitas das actividades pastorais habituais e mesmo houbo templos pechados. Nestas circunstancias, a nosa Igrexa tentou facerse presente a través do ministerio dos sacerdotes, de membros da vida consagrada e de laicos comprometidos nas tarefas eclesiais. Puidemos constatar con admiración e sorpresa como o enxeño creativo de moitos se reactivou e buscou os modos de que os fieis sentisen próxima a presenza e a solicitude da Igrexa, axudándolles a manter viva a esperanza e a piedade, de maneira especial a aqueles que viven en soidade e en situacións máis vulnerables. Utilizando en particular os medios telemáticos dispoñibles na actualidade, puxéronse ao dispor de todos materiais litúrxicos e catequéticos, que fixeron posible a vivencia do domingo no marco do fogar cristián.

Así, aínda que é certo que o noso pobo fiel viviu con desconcerto un inesperado xaxún eucarístico, podemos constatar que a dura experiencia que supuxo o confinamento social consecuencia da pandemia levounos a unha vivencia singular do día do Señor, non á súa supresión: fomos testemuñas dunha verdadeira peregrinación chea de fe do templo á casa, da igrexa parroquial á Igrexa doméstica [2]. Non houbo un esquecemento do día do Señor, o dies Domini. As retransmisións televisivas, ou a través de internet, achegaron a todos os fogares as Eucaristías dominicais e festivas, incluso a Eucaristía diaria, así como acontecementos de especial transcendencia eclesial como as celebracións de Semana Santa e os actos presididos polo papa Francisco.

Na actualidade, grazas a Deus, foron xa levantadas as prohibicións que afectaban á nosa habitual mobilidade, aínda manténdose a esixencia de moitas cautelas. Por este motivo, parécenos necesario dirixirnos agora a vós para levantar tamén a dispensa antedita, de modo que todos, na medida das nosas posibilidades e cos coidados debidos, renovemos con alegría e esperanza o antiquísimo costume eclesial de participar na Misa dominical e festiva cunha presenza física e real, no seo das nosas comunidades de referencia.

A participación activa na Eucaristía dominical nunca foi para nós só un costume ou un mero deber, senón a celebración da comuñón con Cristo e cos irmáns [3] (cf. LG 7), no día en que Cristo venceu á morte e fíxonos partícipes da súa vida inmortal. Cada celebración dominical, presididos polo sacerdote e convocados como Pobo de Deus ao redor da mesa do altar, as palabras de Xesús, “facede isto en memoria miña” (cf. Lc 22, 19; 1Cor 11, 24-25) foron sempre moito máis que un simple recordo ou unha repetición dos seus xestos e palabras. Foron e son unha verdadeira acción de grazas e encomio, presenza actual e viva de Cristo pola forza da súa Palabra e do seu Espírito, memorial de Cristo, da súa vida, da súa morte, da súa resurrección e da súa intercesión xunto ao Pai [4].

Agora, tras o tempo de confinamento, podemos valorar mellor a graza grande de vivir a Eucaristía en comunidade, sobre todo o domingo e os días de precepto; e experimentar a alegría de ser membros da gran familia da Igrexa católica, vivindo como irmáns, unidos sempre, pero sobre todo nas dificultades. A vivencia presencial da Eucaristía dominical ten unha importancia decisiva para a fe de cada un e fundamenta e confirma toda a práctica cristiá [5].

Celebrar cada domingo a Eucaristía na comunidade parroquial ou na comunidade de referencia da unidade pastoral sostén a nosa esperanza ante a vida e ante a morte, e fortalece o compromiso da caridade. Comulgar a Cristo, Pan de Vida, introdúcenos á máxima unión co Fillo de Deus e coa Igrexa e, por tanto, cos nosos irmáns. Non se pode compartir o pan eucarístico sen compartir o pan cotián. Deste xeito, a vida enteira do crente vaise facendo expresión da entrega do Señor pola salvación de todos, especialmente daqueles que máis o necesitan.

De feito, durante as semanas máis duras do confinamento puidemos ver multitude de xestos de fraternidade nas parroquias cara ás persoas máis afectadas pola pandemia: o esforzo que se fixo e fai nos comedores de Cáritas, a repartición de alimentos nas parroquias, a preocupación polos enfermos e anciáns, a proximidade cara ás familias recluídas nas súas casas… e moitos outros que permaneceron e permanecen no anonimato. Para non esgotarnos nin rendernos no necesario esforzo que temos que facer ante as dramáticas consecuencias socio-económicas que se derivarán da crise sanitaria, os fieis cristiáns temos que alimentar o exercicio da caridade, especialmente na celebración dominical, porque a Eucaristía acende e arrastra aos fieis á caridade de Cristo [6], e por si mesma convértese en escola de amor activo ao próximo [7], que impulsa a todo o que cre nel a facerse pan partido para os demais e, por tanto, a traballar por un mundo máis xusto e fraterno [8].

Así pois, participemos de novo na celebración do domingo, día do Señor, como o día en que a nosa fe nútrese co Pan da Palabra e da Vida: só así a nosa existencia como cristiáns será prolongación vital do amor de Deus derramado nos nosos corazóns co Espírito Santo que se nos deu (Rom 5,5).

A singular experiencia do confinamento foi, sen dúbida, unha invitación para deternos e a pensar no noso modo de vivir; e, en particular, unha ocasión para comprender mellor a importancia que ten para cada un a celebración do domingo. Agora é tempo de saír de novo, coas medidas sanitarias esixidas, e de celebrar xuntos a Santa Misa, con paz e alegría, con calidade litúrxica e calidez humana a Eucaristía dominical cos irmáns na fe, presididos polos nosos sacerdotes. Así, participando nas nosas comunidades e parroquias, poderemos afrontar os desafíos do noso tempo alentados polo Espírito do Resucitado sostidos polo gozo de celebrar presencialmente no templo o día do Señor, e pola comuñón nas riquezas de vida e de caridade que nos ofrece a Eucaristía.

Que Santa María, Nai de Deus e Nai nosa, e os nosos santos patróns, o Apóstolo Santiago, San Rosendo, San Martiño, San Froilán, San Telmo, protexan e amparen as nosas comunidades e parroquias, gárdennos unidos nas alegrías e nas adversidades, e sexan o noso auxilio para librarnos desta pandemia e de todo mal, para que nos nosos corazóns consérvense sempre a fe, a paz e o amor fraterno.

Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2020.

+ Julián, Arcebispo de Santiago.

+ Luis, Bispo de Tui-Vigo.

+ Alfonso, Bispo de Lugo.

+ José Leonardo, Bispo de Ourense.

+Luis Ángel cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.

Día Mundial da Loita contra a Trata de Persoas

Segundo a Organización Internacional do Traballo, hai máis de 40 millóns de vítimas de trata e explotación de seres humanos no mundo actual. O 30 de xullo celébrase o Día Mundial da Loita contra a Trata de Persoas, problema que se agravou nos últimos meses debido á pandemia da covid-19 (Informe de Talitha Kum). Neste día búscase sensibilizar á comunidade internacional sobre a situación das vítimas e promover a defensa dos seus dereitos.

Mans Unidas axuda a nenas vítimas da trata en Laos, Myanmar e Tailandia

Trátase de evitar que as potenciais vítimas sexan captadas mediante o uso das novas tecnoloxías e redes sociais. E trabállase en zonas fronteirizas, onde os mecanismos de protección institucionais escasean.

Cáritas Internationalis pide medidas urxentes para combater a trata

Cáritas Internationalis reclama apoio ás persoas máis propensas á explotación, proporcionándolles redes de seguridade e apoio material, médico, xurídico e psicolóxico para acompañalas nas súas dificultades. Insta os gobernos a que proporcionen a estas persoas acceso á xustiza e aos servizos básicos, como refuxios e liñas de apoio dedicadas. Tamén se pide ás institucións e organizacións da sociedade civil que protexan aos nenos do abuso e a explotación, mesmo a través de Internet e os novos medios de comunicación, e pídese a todas as persoas de boa vontade que estean atentas e denuncien eses casos.

Grazas, avós!

Os avós son os bos da película. Moitas veces viven co desexo de querer dar aos seus netos aquilo que non puideron darlle aos seus fillos. A bondade é connatural ao seu novo rol. Unha verdadeira entrega que non entende de tempo, nin de lugar. Entrega e bondade, os seus dous mellores aliados.

Son bicos, aloumiños, tenrura. Son os brazos onde chorar cando un está triste, os pallasos da festa -se cadra- ou os mellores compañeiros de aventuras. Son animadores deportivos, os fans número un do teu club, uns óptimos creadores de historias, os perfectos cómplices nas falcatruadas e os compañeiros ideais para o estudo.

Aínda que só tivesen un emprego, de súpeto vólvense polifacéticos. Son profesores, xardineiros, cociñeiros, enfermeiros, fontaneiros, electricistas, enxeñeiros, arquitectos… e todo o que os seus netos necesiten.

O seu reloxo excede as 24 horas. A súa semana parece que ten máis de sete días. A súa vida multiplícase con cada sorriso.

Non len a mente, pero saben o que pensas. Non saben hipnotizar, pero durmirse no seu colo é case automático. Quizais non son moi tecnolóxicos, pero o seu teléfono está sempre dispoñible para ti. Aínda que che invadan as présas, cando estás con eles parece que o mundo se detén. Non farán as cousas con moita rapidez, pero saben os mellores trucos para que salga perfecto.

Encántalles dicir que eles molestan, estorban… Pero non é verdade. Sen eles nada é igual.

Son os teus superheroes, os teus mellores amigos, os teus espectadores máis entregados, o teu apoio incondicional, os teus abrazos no inverno e a túa crema de sol no verán.

E cando es neto só desexas: «oxalá, algún día, sexa como el/ela».

E cando miras aos teus pais só pensas: «Que sorte tiveron e canto aprenderon dos mellores profesores!».

Por iso, durante esta pandemia redescubrimos este gran agasallo que temos e tratamos de coidalos como nunca. E un desexo cara a Deus resoa sempre con forza nos nosos corazóns: que os avós sexan eternos, por favor.

Onte, día de Santa Ana e San Xoaquín, os pais da Virxe e os avós de Xesús, celebramos aos patróns dos nosos maiores. Agradezamos ao Señor por eles, os nosos avós, e con renovado empeño coidemos de todos eles. Grazas, Xesús, polos avós!

Nicolás Susena Presas

Director do Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo

e párroco de Castroverde

[Artículo en castellano]

Xornada polos afectados pola pandemia

A Comisión Executiva da Conferencia Episcopal vén de propoñer, ás dioceses de España, a celebración dunha Xornada polos afectados pola pandemia. Na nosa diocese de Lugo será o día 26 de xullo, domingo XVII do tempo ordinario.

QUE PRETENDEMOS CON ESTA XORNADA?

Os cristiáns esforzámonos por vivir con fe todas as situacións da vida, unidos como irmáns no Señor; por iso levamos á oración o que vivimos, poñendo todo nas mans do noso Pai.

  • Ofrecer a Santa Misa polo eterno descanso de todos os defuntos, e pedir a Deus consolo e esperanza para os seus familiares.

  • Rezar por todos os contaxiados e as súas familias.

  • Rezar polos maiores, en especial, polos que están sós ou en residencias.

  • Rezar para pedir ao Señor luz, comuñón e entrega fraterna ante a crise social e económica provocada pola pandemia e o confinamento.

  • Dar grazas a Deus polo traballo, sacrificio e esforzo de tantas persoas, tanto no ámbito civil, como nas nosas comunidades eclesiais.

  • E como o 26 de xullo celébrase o día dos avós, dar grazas a Deus e pedir unha bendición especial para eles, recoñecendo o gran papel que exercen na vida familiar.

Convídase a todos a que estas intencións non só estean presentes na celebración da Eucaristía senón na oración persoal do domingo.

O bispo, Mons. Alfonso Carrasco, presidirá a Eucaristía na Catedral ás 12 h. A celebración poderá seguirse tamén a través da canle da diocese de Lugo en YouTube.

[PROPOSTA PARA A CELEBRACIÓN DA EUCARISTÍA]

Posibilidade de estudar Ciencias Relixiosas desde casa

Os veciños de Lugo poderán estudar o grao e o máster universitario en Ciencias Relixiosas case sen saír de casa. O Instituto Superior de Ciencias Relixiosas (ISCCRR), pertencente á Universidade San Dámaso (UESD) ofrece un método semi-presencial dos seus estudos, outorgando unha gran flexibilidade ao estudante para que organice o seu propio horario e poida compaxinar a súa vida profesional, familiar e académica.

Grazas a esta modalidade de formación, o alumnado estuda desde casa seguindo un manual impreso e pode contactar co profesorado por teléfono, por email ou outro método telemático para recibir a axuda que necesite.

Estes estudos -que están recoñecidos pola Santa Sé e polo Estado español- divídense en dous ciclos de tres e dous anos respectivamente, co título eclesiástico de Bacharelato (para o primeiro ciclo) e Licenciatura (para o segundo) en Ciencias Relixiosas, equivalentes aos títulos civís de Grao e Máster.

Ao longo da carreira impártense materias que estudan a figura de Xesucristo (Cristoloxía), da Virxe María (Marioloxía), da Igrexa católica (Eclesioloxía) e outras moitas, como Historia da Igrexa, Historia da Filosofía, Biblia ou Liturxia. Profúndase na vida do cristián e a súa acción no mundo, do que se ocupa a Teoloxía Moral e a Doutrina Social da Igrexa.

Para coñecer mellor a sociedade do século XXI estúdanse tamén as relixións do mundo, as seitas, aspectos relacionados coa bioética e as ciencias da vida, e outras moitas cuestións.

Ademais disto, o ISCCRR na súa sección a Distancia ofrece a posibilidade de obter a Declaración Eclesiástica de Competencia Académica (DECA), exclusivamente para Secundaria. Este título é a acreditación necesaria para poder impartir clase como profesor de relixión en colexios e institutos de toda España. O ciclo da DECA comprende cinco materias que versan sobre Pedagoxía, Didáctica da Relixión ou Métodos educativos.
Todas as materias (Grao, Máster ou DECA) estúdanse a distancia cun titor. A avaliación final de cada materia conta cun traballo desenvolvido desde casa e un exame presencial se as autoridades sanitarias permíteno, senón realizarase de forma online.
A extensión lucense do Instituto Superior de Ciencias Relixiosas atópase no Seminario Diocesano de Lugo, na Av. Alcalde Anxo López Pérez.

[Máis información]

A %d blogueros les gusta esto: