Cristianismo ou humanismo (I)

Estes dous termos non deben confundirse conceptualmente, aínda que algunha similitude existe entre ambos.

Certamente, o cristianismo non é un puro humanismo, pero non debe privárselle dun gran matiz humano; como tampouco o humanismo é cristianismo, se prescinde de Cristo e, menos se renega de Deus, converténdose en ateísmo.

O cristianismo ten dous polos: Deus e o home. O seu arquetipo é Xesucristo o Deus feito home. Divindade e humanidade integran a persoa de Xesús. El é a ponte que une o Ceo e a terra. O seu dinamismo mira ao Pai, que busca ao home para levalo á súa plenitude, e mira ao universo, que non debe estruturarse á marxe da vontade do seu creador.

Deus non contou co home para crear o universo, pero tivo presente ao home, ao que confiou a custodia e o perfeccionamento do creado.

O universo será perfecto cando todo o mundo recoñeza a Deus como o seu creador e Señor. O home debe adorar a Deus como ao supremo valor absoluto, e conformar o seu comportamento coa vontade do creador.

Cando nós prescindimos de Deus na planificación da vida social, estamos a invadir terreo vedado. A Deus recoñecémoslle a autoría do mundo, e non podemos esquecer que a misión que se nos confiou é a de custodialo e perfeccionalo. Díxose que “Deus alugou o mundo aos valentes”. Os homes somos o supremo valor creado: temos entendemento e vontade; conciencia e liberdade. Pero somos criaturas: dependemos do Divino Creador, no ser e no obrar. Del somos colaboradores. A colaboración implica subordinación e aceptación das directrices do mestre.

O noso referente é Xesucristo, que se preocupou do divino e do humano da historia do home. El acatou sempre a vontade do Pai, e preocupouse de todos os homes e de todo o home na súa dobre dimensión espiritual e corporal. Inmolouse por nós para obternos o perdón e a graza; e multiplicou milagrosamente o pan, para que puidesen comer os famentos; acougou a tempestade, para que os pescadores non se afundisen no lago, e curou ao paralítico da piscina, para que puidese camiñar polo seu propio pé, etc.

A este xeito de comportarse chámaselle cristianismo, porque encarna a actitude de Cristo que pasou polo mundo facendo o ben, como síntese de todo bo comportamento.

O cristianismo diferénciase do humanismo en que, lonxe de sentirse colaborador de Deus no perfeccionamento do mundo, nega toda outra intervención na marcha da historia, que non sexa a do mesmo home, ao que hai que recoñecerlle o mérito de todo crecemento e o dereito de beneficiarse de todos os progresos, que non sexan contrarios ao plan de Deus.

Segundo o humanismo, o que importa é o que agrada ao home, aínda que denigre a súa condición de fillo de Deus.

Resumindo: o cristianismo colabora con Deus na construción dun mundo mellor. O humanismo institucional rivaliza con Deus, e tenta unha sociedade pagá, na que o único valor é a paixón do home.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

Solemnidade de Corpus Christi

O domingo 14 de xuño, ás 11 h, na Catedral de Lugo, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco, presidiu a Solemne Eucaristía de Corpus.

Este ano a cabida da Catedral quedou reducida a 250 persoas debido ás medidas de protección establecidas.

Acompañaron a celebración un grupo de cantores do Orfeón Lucense e da coral Xeral-Calde e tamén o grupo tradicional “Os Xílgaros de Lugo”.

Na súa homilía, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, comezou dicindo que hoxe celebramos o Corpus con alegría: “as formas das nosas tradicións, as expresións da nosa devoción non están presentes, pero a alegría coa que celebramos hoxe o Corpus, é quizais aínda máis grande, porque proclamamos a esperanza da vitoria que vén do Señor, que é na que cremos”.

Este tempo que nos puxo en cuestión, un tempo singular pola súa dificultade e as súas ameazas” pero que hoxe celebramos con loanza: todas estas cousas pasarán, porque non son o que nos define; o que vén deste mundo non nos define. Hoxe reunímonos para proclamar a alegría da esperanza. A vida que a natureza nos dá ten os seus límites, pero sabemos que non imos desaparecer senón que hoxe celebramos quen somos realmente e que pertencemos ao Señor. A Aquel que deu a vida ao mundo entregando a súa carne, e que está connosco sempre. Celebramos unha esperanza inmensa que ilumina a vida, que non se perde, senón que está destinada a salvarse”.

Neste día en que celebramos o Amor verdadeiro, o que dá vida, celebramos que ningunha circunstancia nos derrotará. O que a natureza nos pode quitar, non nolo pode quitar para sempre. O máis grande que temos non o perderemos nas mans do Señor”.

Finalizou a súa homilía pedindo ao Señor que “nos libere dos males do corpo e da alma, pidámoslle esperanza, fe do corazón, que permanezamos unidos a El: pidámoslle que, se caemos, nos recollan; que nos encha de amor, de caridade para estar a carón dos irmáns, e que nos axude a loitar cando sexa difícil a tarefa; que nos conserve unidos a El porque así non perderemos nada do que verdadeiramente nos importa” (…) e démoslle grazas pola esperanza coa que sostivo e acompañou a tantos nestes momentos de pandemia (…) pedímoslle e rezamos, dando grazas por estar connosco, porque nos consola e dános esperanza dunha vida definitiva”.

A celebración puido seguirse pola internet.

[Álbum fotográfico]

Celebración do Corpus Christi e da Novena ao Santísimo Sacramento

A Catedral de Lugo acolle o domingo 14 de xuño ás 11 h a Eucaristía de Corpus presidida polo Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco.

Ao comezo da celebración o Bispo bendirá á cidade co Santísimo, desde a Porta Norte.

En cumprimento das medidas de protección establecidas, o aforamento da Catedral queda reducido a 250 persoas. Colocaranse cadeiras coa separación necesaria, e pantallas nas naves laterais para seguir a Eucaristía. Así mesmo teranse en conta as demais medidas sanitarias esixidas durante este tempo (máscaras, xel…).

Non se celebrará a tradicional procesión polas rúas. O Orfeón Lucense cantará a Misa, acompañado polo Coro do Hospital.

A celebración será retrasmitida en streaming na canle de YouTube da diocese

Novena ao Santísimo Sacramento

Na Catedral de Lugo, do 13 ao 21 de xuño ás 19 h, celébrase a Novena ao Santísimo Sacramento. Este ano cada día estará dedicado a orar e reflexionar sobre o tempo de pandemia que nos toca vivir, de forma que cada día terase presente, presencial ou espiritualmente, a todas as persoas e sectores que durante estes meses fixeron tanto ben ou tiveron especial sufrimento (mundo da saúde, Cáritas, anciáns…).

Corpus Christi, Día da Caridade

Con motivo de celebrarse esta segunda semana de xuño a solemnidade do Corpus Christi, Cáritas leva a cabo a campaña do Día da Caridade co lema “O poder de cada persoa”. Refírese Cáritas ao poder de cambiar e transformar o estilo de vida de forma que reflicta o ser e o facer de Xesús. E diríxese non só ás persoas vinculadas à organización, senón tamén ás que ven con bos ollos o seu labor e a todas as que se consideran convidadas a reconstruír a sociedade dun xeito novo.

Desta forma, celebrar o Día da Caridade adquire unha nova dimensión. Xesús convida a percorrer o seu camiño, sen aforrar a cruz, pero si dándolle sentido. Cáritas propón tecer comunidades de esperanza onde se acolle e escoita, onde se ora e celebra, comunidades nas que hai encontro e perdón, onde é posible sanar e facerse cargo dos máis fráxiles, comunidades proféticas que toman partido e denuncian as inxustizas.

[Mensaxe dos bispos da Subcomisión Episcopal de Acción Caritativa e Social]

[Vídeo]

Solemne funeral polas vítimas da pandemia en Galicia

O vindeiro sábado día 13 de xuño un solemne funeral polo eterno descanso das vítimas en Galicia da pandemia do coronavirus. A cerimonia terá lugar a partir das 12:00 horas na igrexa de San Francisco. Presidirá o arcebispo compostelán, Mons. Julián Barrio e concelebrarán todos os bispos das dioceses galegas. Ao acto asistirán familiares dos falecidos como consecuencia da Covid 19 e distintas autoridades civís, encabezadas polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. O templo terá, de acordo cos protocolos establecidos, un aforo limitado para garantir o cumprimento das medidas de separación entre persoas. Televisión de Galicia ten previsto retransmitir a cerimonia relixiosa.

A %d blogueros les gusta esto: