Queridos irmáns,
Vivimos tempos singulares, nos que tomamos iniciativas excepcionais como sociedade, para deter o contaxio dun virus potencialmente mortal. As cidades e os pobos, todo detívose, nunha inmensa acción común.
Hoxe, no Día da Caridade, queremos observar como esta actuación de toda a sociedade foi en realidade obra da liberdade e da responsabilidade de cada un.
As persoas fixemos posible esta acción común. E aínda que dicir “persoa” é sempre falar de relacións, de familia, de compañeiros de traballos, de intercambio de bens corporais e espirituais, de responsabilidade polos outros, non podemos esquecer que todo iso repousa sempre no corazón, na mente, nas disposicións libres de cada un.
Nada sucede sen a persoa. E, con todo, é doado non valorala, cando a súa contribución para un obxectivo común resulta irrelevante, ou mesmo cando a súa presenza é máis carga que axuda. Así, por exemplo, vimos como foi posible nalgúns lugares deixar aos maiores nas residencias sen atendelos realmente na enfermidade, aínda que estaban en perigo de morte. Isto sucedía ao non poder responder as esixencias que suscita o xentío enfermo polo virus. Aínda que, se o pensamos, isto pode suceder sen necesidade real, só porque non convén aos propios proxectos persoais, por exemplo moitas veces en que se realiza un aborto. Como di o noso Papa Francisco, existen formulacións na nosa sociedade para os que a persoa como tal non importa, pode ser descartada.
Este tempo de pandemia foi ocasión para que todos puidésemos percibir o problema: nada sucede sen a persoa; pero facilmente é descartada en realidade. E cando isto non leva a tales consecuencias últimas, a falta de respecto para coa persoa pode manifestarse doutras maneiras, negándolle os seus bens fundamentais. Isto vai desde a mentira ou a manipulación da información, para determinar o seu comportamento en propio proveito ou para facerlle dano e atemorizala, a quitarlle os seus bens máis necesarios: a paz da súa familia, a confianza dos fillos, o exercicio dunhas liberdades ou outras; ou, por suposto, o acceso aos recursos materiais, aos necesarios para asegurar un lugar de habitación, a alimentación, etc.
Por iso, nada hai máis importante, nada cambia a vida e a sociedade de xeito máis eficaz que aquilo que establece definitivamente o valor da persoa, que ensina a respectalo, a defendelo nos diferentes ámbitos.
Esta afirmación da dignidade do próximo, que se compromete realmente polo seu ben, é a caridade. Foi enraizada neste mundo para sempre por Xesucristo, o Noso Señor, que a levou á súa plenitude, até o extremo de dalo todo, corpo e alma, a vida mesma polos irmáns. Vén de Deus, e é Deus mesmo, o noso Creador; por iso pensamos que dá razón da nosa existencia: quen comeza a existir foi amado eternamente. Ilumina a vida, como sabemos por experiencia desde que abrimos os ollos ao amor da nosa nai. É a única guía suficiente para dar forma boa á existencia e conducir á sociedade por camiños de xustiza e de paz.
A caridade que o Señor trouxo ao mundo non pasará nunca. É o corazón da nosa fe, que celebramos o día de Corpus Christi, poñendo niso a nosa gloria, e non nas nosas forzas, riquezas e poderes.
Pero, evidentemente, a caridade só existe no corazón da persoa, é inseparable da liberdade e da conciencia de cada un, de nosa propia relación con Deus. Pois non fomos os primeiros en amar: recibimos a vida e recibimos o amor de Deus, que entregou ao seu Fillo por nós.
O lema deste día da caridade lémbranolo: este é o verdadeiro poder de cada persoa, que defenderá para sempre a dignidade da propia existencia, que afirmará sen engano nin manipulación o ben do próximo, que saberá compartir e saberá dar, coa única medida do propio corazón, a quen camiña ao meu carón e necesítao. Así vencerá todo desafío e tamén á morte.
É totalmente verdade, por tanto, que o que conta é o poder de cada persoa, cando este é o da caridade, o do Espírito invencible do Señor. E é certo igualmente que cada xesto conta: toda expresión da caridade é de máis valor que o ouro e a prata.
Por iso é máis importante a verdade e a liberdade do xesto que aquilo que podemos achegar, segundo as nosas posibilidades. Porque é máis importante o corazón que a conta bancaria; porque a persoa non pode ser medida pola cantidade de bens materiais dos que dispoña.
Amemos ao próximo non con palabras, senón con obras. Vímolo en tantos exemplos magníficos de entrega durante a pandemia. Non nos preguntabamos canto gañaba esta persoa ou a outra, senón que admirabamos a súa entrega de corazón.
Afirmemos, pois, que cada persoa importa. Que non podemos abandonar a ningunha, nin deixar atrás a ningunha. Poñamos da nosa parte o que podamos, en tempo, en creatividade, en enerxías; e tamén en medios materiais, en apoio na necesidade.
O confinamento pode traer como consecuencia un crecemento grande de necesidades materiais. Que traia xa antes, coa graza de Deus, un cambio das nosas mentalidades, un crecemento da nosa fe, para a que ninguén é insignificante, un crecemento da nosa caridade, entendida como o poder mesmo da persoa, ao que non podemos renunciar para renovar a nosa vida e a nosa sociedade.
E que a alegría profunda prometida polo Señor, que ninguén nos poderá quitar, creza un ano máis contemplando e cantando a loanza do Amor dos amores, que sostén para sempre e enche de esperanza a nosa vida.
Feliz día de Corpus Christi!
+Alfonso, bispo de Lugo
14 de xuño de 2020
[Ver pastoral en castellano]
Gústame esto:
Gústame Cargando...