Celebracións no santuario do Corpiño

Neste ano 2020, atendendo á responsabilidade e á protección e seguridade dos devotos da Nosa Señora do Corpiño, e seguindo as indicacións das autoridades sanitarias, non se celebrará Romaría, nin haberá procesión.

As eucarístías serán retransmitidas en directo polo Facebook e YouTube do Santuario do Corpiño.

Programación:

Martes 23 de xuño:

Misas desde as 9 da mañá.

Mércores 24 de xuño:

Misas desde as 9 da mañá que terán lugar no exterior do Santuario coas seguintes medidas de seguridade:

Uso obrigatorio de máscara

Cabida limitada en cada Eucaristía (colocaranse cadeiras no exterior coa distancia interpersoal de seguridade obrigatoria)

Toma de temperatura a todos os asistentes antes do acceso ao recinto.

Domingo 28 de xuño:

Consagración dos seus devotos á Virxe do Corpiño (Misas desde as 10:00 da mañá)

O cartel deste ano, que ilustra esta entrada, é obra de Sé Senande.

Ofrenda do Antiguo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento 2020

Ás 12 da mañá do 21 de xuño comezaba na Catedral de Lugo a cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, que vén celebrando desde 1669. Este ano correspondíalle á cidade de Lugo a presentación desta Ofrenda.

O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, presidiu a Eucaristía na que concelebraron o resto dos bispos galegos, e o bispo electo de Astorga. Acompañaron á oferente, a alcaldesa da cidade de Lugo, Lara Méndez, os alcaldes e representantes das sete cidades do antigo Reino de Galicia; así como outras autoridades civís e militares.

Na contestación á Ofrenda, o bispo de Lugo, Mons. Carrasco Rouco comezou a súa homilía manifestando o seu agradecemento á alcaldesa oferente a presentación da ofrenda “que asumiu esta responsabilidade nun ano tan extraordinario como este 2020, en que o mundo e tamén Galicia sofre esta pandemia provocada polo covid-19 (…) na orixe deste singular privilexio eucarístico, segundo unha vella tradición, houbo outra opción, un xesto de liberdade tamén en tempos difíciles (…) a opción que levou aos nosos pais a pór un signo eucarístico no centro do Altar maior da súa Igrexa principal, foi recoñecer outro camiño: O do fillo de Deus que se fixo carne, e na súa carne realizou a salvación, levouna á gloria e á resurrección. Entenderon que non se bastaban a si mesmos, que non era suficiente organizar ben as súas forzas, que a resposta ao enigma da vida viña dun don, dun amor”.

Continuou dicindo que “o Señor no Altar maior, é a afirmación do valor da nosa humanidade, da carne e do sangue en que se realizará a salvación. É a defensa do humilde, do que chora, do que busca a paz, do que é misericordioso e manso, do que non nega a fe do corazón, do que confía en Deus Pai. É a vitoria do humilde, do que recoñece que non pode darse a vida, que as súas forzas non abondan para asegurarlle o ben que desexa para si mesmo, para a súa familia e para a súa terra. É a vitoria dos sinxelos de corazón, que recoñecen a verdade manifesta tan humanamente en Xesús. (…) “Así se irá conformando moito mellor o pobo galego. Que pode afirmar sen medo a vida e a dignidade da propia existencia. Que non teme ao traballo e vive no medio da natureza con realismo. Que sabe compartir as penas e as alegrías, que sabe pór a mesa e abrirlle a casa aos seus, aos veciños, aos invitados. Que non pecha a porta ao necesitado, senón que o atende e recolle. Que coida de pais e avós, que non abandona aos seus nas dificultades ou na enfermidade. Que se alegra polo esplendor da humanidade dos propios santos patróns, en quen ve a certeza das promesas cumpridas e axuda constantemente no camiño; que celebra as súas festas sen medos, lixeiros de corazón, compartindo a fe e a caridade, o agradecemento e a alegría de vivir”.

Finalizou resaltando que neste tempo difícil “recollamos de novo o desafío que expresan as palabras coas que os nosos antepasados acompañaron este signo eucarístico: aquí profesamos con firmeza este misterio da nosa fe (…) Todos os esforzos son benvidos, todos os traballos necesarios. Todas as colaboracións son causa de alegría e alixeiran o camiño. Cada xesto conta, cada palabra de consolo, cada momento de compañía. Nestes días aprendamos de novo, ás veces con dor, que é decisivo dicir sempre: cada un importa”.

Lugo eucarístico

Os factores que expresan a riqueza dos pobos, son múltiples: a fertilidade dos seus campos, a achega das súas industrias, a cultura das súas xentes, os monumentos históricos das súas prazas… No noso caso abonda traer á memoria os dous grandes monumentos históricos da nosa cidade: as murallas romanas e a nosa Catedral: eles deron lugar aos dous apelativos con que se coñece a cidade lucense: cidade das murallas e cidade da Eucaristía. A muralla, pola súa antigüidade e pola súa integridade, símbolo da grandeza histórica dun pasado que se escapa á meticulosidade investigadora dos historiadores. Lamentamos que a falta de documentos de arquivo non nos permita concretar a data histórica en que foron construídas.

Pero Lugo é, sen dúbida tamén, a cidade do “Santísimo Sacramento”, como a clasificaron os nosos avós desde tempo inmemorial. Na Eucaristía o Señor faise realmente presente e sacramentalmente tanxible. A sementeira eucarística foi tan prolífera, que Xesús plantou a súa presenza Sacramental en todo o globo terráqueo. Con todo, falando en linguaxe catequética, cabería dicir que a presenza Eucarística de Xesús Sacramentado, faise máis densa na nosa Catedral que noutros templos.

Polas escavacións que se están levando a cabo en Galicia, conclúese que a nosa terra foi evanxelizada xa no século III, aínda que isto non consta documentalmente.

Do que si hai documentos fehacientes é de que no século VI a sede de Lugo era a máis importante da península ibérica e de que aquí se celebrou o Primeiro Concilio no ano 569. Desde entón, hai constatación histórica dos distintos avatares polos que pasou a nosa cidade e a súa Catedral.

Congratulámonos da riqueza dos nosos arquivos, pero a maior achega histórica é a vida e os seus acontecementos. Estes influíron grandemente no xurdir da devoción Eucarística do pobo de Lugo. Un destes acontecementos, foron as herexías priscilianistas e arianas que negaban a presenza de Cristo e a súa divindade, respectivamente, na Santa Hostia. Estas herexías e outros comportamentos pouco ortodoxos enardeceron a fe Eucarística dos lucenses, que, xeración tras xeración, deixaron pegadas do seu amor a Xesús Sacramentado. Aí están os cruceiros graníticos sacralizando as rutas que conducen á cidade do Sacramento. Aí queda o recordo dos nosos avós que conxugaban as faenas mercantís con visitas á Catedral Eucarística. Aí están os banzos de acceso á mesma Catedral, esvaradíos polo pisar dos miles de lucenses que cada día soben e baixan para visitar ao Santísimo, exposto na Custodia do Altar Maior.

Así, en sintonía co devir das temperaturas cambiantes, das estacións astronómicas dos anos, foi discorrendo a historia Eucarística dos lucenses con climas de verán e de inverno, de outono e de primavera, ata que en 1669 a Xunta do Antigo Reino de Galicia, cos representantes das sete cidades que naquel momento o conformaban, acordaron a fundación do que desde entón coñecemos co nome da Ofrenda ao Santísimo Sacramento, a celebrar na Catedral Lucense o domingo infraoitava da festa do Corpus.

Isto confírmanos que a vida precede á lei. As institucións unhas veces xorden para apontoar os comportamentos, e outras como floración do bo facer da cidadanía. Este é o caso da Ofrenda ao Santísimo na cidade de Lugo. A fe Eucarística era tan sólida en Galicia, que necesitaba manifestarse, e nada mellor que a exposición do Santísimo na dourada Custodia da nosa Catedral.

Esta exposición é continua desde tempo inmemorial. Esperamos que xamais se interrompa, como sinal de que a fe Eucarística dos lucenses mantense viva e en pé.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

Xornada Mundial de Oración pola Santificación dos Sacerdotes

Na festa do Sagrado Corazón de Xesús, a Igrexa tamén celebra a Xornada Mundial de Oración pola Santificación dos Sacerdotes, convocada polo Santo Padre a través da Congregación para o Clero.

Así pois, o venres 19 de xuño, o Papa Francisco chama a toda a Igrexa Universal a celebrar novamente a devandita Xornada. É unha ocasión propicia para promover un momento de reflexión e de meditación sobre a vida sacerdotal e sobre o ministerio pastoral que os presbíteros están chamados a realizar en diversas situacións.

[Carta de ánimo, loanza e gratitude do Papa aos sacerdotes]

Funeral por todos os falecidos no tempo da pandemia

O xoves 18 de xuño ás 19 h na Catedral tivo lugar un solemne funeral polo eterno descanso de todos os falecidos durante o tempo da pandemia.

Na súa homilía, Mons. Alfonso Carrasco comezou saudando aos sacerdotes chegados de distintos puntos da Diocese, a autoridades civís, representantes dos corpos e forzas de seguridade e a todos os presentes. Dixo que poderiamos chorar aos defuntos cada un na súa casa, pero o que nos convocaba era unha fe e unha esperanza inmensas. Tamén sinalou que por un instante durante a pandemia puido pensarse que a morte era quen gobernaba o mundo, pero xa polo comezo da oración do nosopai decatámonos de que realmente non estamos gobernados pola morte. Seguiu o bispo de Lugo glosando o nosopai e ao final solicitou a salvación para os falecidos. Tamén pediu a bendición para aquelas persoas ás que debemos estar agradecidos e para os dirixentes que toman decisións que afectan a todos.

A %d blogueros les gusta esto: