A Catedral de Lugo reinicia as visitas culturais

A Catedral de Lugo abre de novo as súas portas aos visitantes que queiran coñecer os encantos da basílica lucense: templo, claustro, museo, torres. Estas visitas culturais comezarán o vindeiro 1 de xullo.

Para preservar as normas de seguridade sanitaria, a compra de entradas poderá realizarse online a través da web www.catedraldelugo.es. En vez de usar as audioguías que se ceden para facer a visita pode descargarse o audio a través dun código QR. Así mesmo, lémbrase que para os lucenses e empadroados en Lugo, a visita á Catedral seguirá sendo gratuíta.

O horario para as visitas turísticas é o seguinte:

  • De luns a xoves, de 11 h a 17 h

  • Venres e sábados, de 11 a 19 h

Os domingos non hai por agora este servizo.

O Bispo de Lugo constitúe un fondo diocesano para atender necesidades caritativas urxentes

Mons. Alfonso Carrasco: “A nova situación en que nos atopamos, as necesidades están a crecer, debido á crise económica e social xerada polo confinamento, afectando á vida cotiá de persoas e familias. Por iso, pareceunos corresponder á vontade inicial dos doantes ampliar agora os obxectivos aos que está destinado o Fondo “Sempre Xuntos”, converténdoo nun “Fondo diocesano” máis permanente, vinculado ás necesidades caritativas máis urxentes das nosas parroquias”

Nesta “nova” normalidade que agora comezamos necesitaremos que sexa verdade o lema de “Sempre Xuntos”, para non deixar atrás a ninguén, e experimentar esta “comuñón cristiá de bens”, nacida da liberdade da fe”

Nunha carta o Bispo de Lugo explica como xorde e cal é o obxectivo deste fondo diocesano destinado a facer fronte ás necesidades caritativas das parroquias.

O fondo está dotado dunha cantidade inicial de 100.000€. Deles 44.000€ proveñen da campaña Sempre Xuntos (iniciativa do clero diocesano); 32.000€ é achega da Diocese de Lugo; e 24.000€ achegados por Caritas Diocesana.

Humanismo ou Cristianismo? (II)

Así exposta a pregunta, a resposta é doada. O Humanismo procura a promoción do home sen ningunha referencia a Deus. O Cristianismo pola súa banda, contempla ao home como un ser que ten a súa orixe en Deus, e a Deus tende como ao seu fin.

Para un crente, non abonda o Humanismo, segundo o cal, a nosa existencia comeza no berce e remata na tumba. Nós sostemos que Deus é o principio e o fin do home: “Nel vivimos, movémonos e existimos”. Agora ben, Humanismo Cristián, ou Cristianismo Humano? Certamente, Humanismo e Cristianismo non se identifican, pero non deben ignorarse o un ao outro.

O cristianismo ten que considerar ao home na súa integridade corpórea e tamén na súa dimensión espiritual. Se descoida o primeiro, convértese en “anxelismo”; e os homes non somos anxos. Pero se esquece o segundo, identifica ao home cun ser irracional, que ten a facultade de falar; e con esa pedra de muíño non comulgamos os crentes.

O Evanxeo contempla ao home na súa dobre referencia a Deus e aos irmáns, e lémbranos que a Deus debemos amalo “con toda a alma, con todo o corazón e con toda as forzas”, porque é o noso creador e Pai; e que aos homes debemos amalos con verdadeiro amor de irmáns, porque con eles compartimos orixe, historia e destino. Xesús díxoo moi claro: “Nisto coñecerán que sodes discípulos meus: en que vos amedes uns a outros como eu vos amei”. Xesús dirixiuse ao pobo con palabras e con obras, e engadiu: “se non credes as miñas palabras, crede as miñas obras”. El pasou polo mundo tendendo a man ao pobre, compadecéndose do oprimido, ofrecendo acougo aos que perderan a esperanza, devolvendo a saúde aos enfermos que buscaban nel a curación das súas doenzas, e poñendo pan nas mesas dos menesterosos. As obras de Xesús son “falas de Deus”, segundo dicía Santa Teresa de Xesús. Cando alguén nos fala do que oíu, a súa palabra é crible; se nos fala do que está a ver, a súa palabra é irrefutable, e se nos fala do que está a vivir, a súa palabra é incontestable. Este é o caso de Xesús. El mesmo é “Palabra de Deus”: non fala de oídas: vive o que di, e transmite vida co que di. Fai aos cristiáns “sacramentos” da súa vontade. Os sacramentos non fan presente a Cristo, senón que o propio Cristo faise presente nos sacramentos; actúa por medio dos signos sacramentais. Iso debemos ser os cristiáns: “sacramentos itinerantes” dos que Cristo se vale para seguir evanxelizando ao mundo. Os cristiáns somos os “signos” visibles do facer de Cristo; pero o axente operante é El mesmo. Este comportamento de Xesús dá un cariz humano ao seu modo de actuar, pero non o converte en “humanismo” posto que a virtualidade non a pon o home, senón Cristo mesmo, o cal se vale de nós para seguir facendo marabillas no noso mundo.

Pode servirnos de exemplo a motocicleta e o sidecar: este fai que a moto poida dispor dun asento á beira do motorista, pero a forza motriz achégaa a motocicleta. Sen esta, o asento axustado sería un elemento inútil. A súa achega depende do seu axuste ao motor da máquina.

A achega de home é cristianismo na medida na que os humanos actuamos en sintonía con Xesucristo. O que facemos á marxe de Cristo, é humanismo e ten cousas positivas, pero está exposto a notables carencias e até a lamentables inmoralidades. Para evitalo, axustémonos a Xesús e pasemos polo mundo facendo o ben no seu nome.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Texto en castellano]

Viralizar a fe?

O elemento básico do primeiro itinerario vivido no Congreso de Laicos 2020 tiña como fin aquilo para o que utilizamos as redes sociais: comunicar, “ser primeiro anuncio”, anunciar a Boa Nova, emitir Evanxeo.

Whatsapps, Facebook, Twitter, Instagram, Skype, Zoom, … son nomes que non hai moito soarían unha lingua estraña para nós, pero que hoxe forman parte das nosas rutas virtuais cotiás. Trátase das redes sociais, cada vez máis presentes nas nosas vidas. É unha nova forma de relacionarnos que este mundo da internet nos está a ofrecer. Estes foros teñen como principal misión o conectarnos, que inter-actuemos, nelas funcionamos coas leis básicas da comunicación: “emisor e receptor”. Estes foros teñen un perfil no que amosan as súas fotos, o seu estado de ánimo, comentan os perfís dos demais … Pero cada vez podes inter-actuar de máis maneiras.

O cristianismo é funda-mentalmente cooperación existencial coa intervención salvadora de Deus na historia da humanidade que normalmente se realiza a través da testemuña, da Palabra e dos signos sacramentais encomendados ao pobo de Deus, a Igrexa. (Lumen Gentium 1 e 48). A testemuña é ese primeiro anuncio no que se insiste no Congreso de Laicos, e vívese nos feitos, no compromiso, e na palabra, tratando de emitir, producir ou exhalar enerxía, sinais, impulsos, ondas, en todas as direccións que axuden ao noso mundo a descubrir a Boa Nova de Xesús de Nazaret. Lembrando sempre o anuncio fundamental: o amor persoal de Deus que se fixo home, deuse por nós e está vivo ofrecendo a súa salvación e amizade. (EG 128)

A característica do primeiro anuncio é a súa condición inequívoca de chamada, o seu carácter interpelativo ou provocativo, invitación a responder. E a sorprendente e orixinal grandeza do primeiro anuncio é que como tal é o portador e facilitador do que anuncia: o encontro inicial ou renovado con Xesucristo.

Levamos moito tempo escoitando que o “continente dixital” era o gran reto para a evanxelización. En canto ao contido, pero tamén como medio de encontro. Temos unha tarefa cultural para canalizar todo ese potencial. Temos ante nós o reto de comunicar a Xesús de Nazaret aos “nativos dixitais”. Pero tamén temos o perigo de “viralizar” a nosa fe, como nos avisou o Papa Francisco hai unhas semanas nas súas homilías diarias; no sentido de non substituír o contacto humano e o cara a cara permanentemente polo encontro virtual.

Que nos espera despois da Covid-19? Sen posibilidades de macro-encontros eclesiais, falta de encontros ti a ti, que non estaban xerando aparentemente o éxito desexado. Quedamos encerrados? Conformámonos con manternos? Que posibilidades temos de poñernos de novo en camiño?

No son preguntas para importunar ou só para que queden no aire. Son inquedanzas ás que temos que ir respondendo e o mundo laical está en primeira fila para poder ir creando vieros novos ante os desafíos.

Delegación de Apostolado Segrar

Se casas este ano, isto interésache

O sábado 27 de xuño a Parroquia Santiago A Nova (Lugo) acolle un Encontro prematrimonial. Está destinado a noivos que non puideron realizar un encontro neste tempo e casan neste ano.

Será de 9:30 h a 13:30 h e de 15:30 h a 17 h. Teranse en conta todas as indicacións sanitarias.

Para inscribirse, chamar ao teléfono 667 677 363 ou no seguinte correo electrónico:

familia@diocesisdelugo.org

A %d blogueros les gusta esto: