Xornada de oración e xaxún para implorar a Deus que axude a superar o coronavirus

O xoves 14 de maio os crentes de todas as relixións están convidados a unirse espiritualmente nunha xornada de oración e xaxún, a fin de implorar a Deus que axude á humanidade a superar o coronavirus. É unha proposta do Alto Comité para a Fraternidade Humana, que o Papa Francisco acolleu.

É evidente a importancia do papel da medicina e a investigación no tratamento desta pandemia, pero tamén se convida a recorrer a Deus a través da oración, a súplica e as boas obras, cada individuo no seu lugar e de acordo coa súa relixión, crenza ou doutrina, para que Deus elimine esta pandemia, axude a saír desta aflición, inspire aos científicos a descubrir un medicamento que acabe con ela, salve ao mundo das consecuencias sanitarias, económicas e humanas debido á propagación desta crise sanitaria.

Un «X» máis necesario que nunca

Estamos en período de facer a declaración da renda. Para os cristiáns e para os que valoran o papel da Igrexa na sociedade tamén é unha ocasión de colaborar marcando un «X» no cadriño da Igrexa católica e na doutros fins sociais.

Por este simple feito non arriscamos nada e, por outra banda, xa é o único exercicio de soberanía no que se nos permite elixir onde vai unha parte moi pequena dos nosos impostos.

Pero este ano creo que non fai falta lembrar a actividade caritativa-social que a Igrexa católica fai en xeral e, de xeito particular, a través das múltiples Cáritas parroquiais, que operan desde as grandes cidades ás aldeas máis remotas da nosa xeografía.

Pero si quero lembrar a actividade xenuína da Igrexa, que a miúdo pasa desapercibida para unha maioría de persoas, e que, con todo, tamén é unha contribución social moi importante. Falo da evanxelización e a celebración dos sacramentos.

A miña experiencia como sacerdote durante todo este tempo de confinamento está a ser agridoce. A ninguén se lle escapan as consecuencias desta terrible pandemia, comezando polo número de falecidos, pasando polos enfermos máis graves, seguindo polos asintomáticos e as persoas que perderon o seu traballo e terminando por cada un de nós embargados polo medo, a desconfianza e o pesimismo.

Na parte doce está a experiencia de comunidade que vivo cada tarde durante a celebración da misa que transmito polas redes sociais, á que están conectados en directo un número estable de 65 persoas, que os domingos case alcanza os 100. Estes encontros virtuais, por chamalos dalgún xeito, teñen a súa prolongación antes e despois do directo da misa a través dos comentarios privados que me envían e que me fan ver o valor que ten a Eucaristía e a fe para moita xente. Un sentimento que se repite moito nestes comentarios pode resumirse nesta exclamación: «Non sabe a compañía que fai a celebración da misa!»

Durante todos estes días tamén puiden ver como moitos dos membros desta comunidade virtual interactuaban entre eles. Saúdanse ao comezar, deséxanse a paz no momento que toca da liturxia da misa e despídense até o día seguinte. E non só isto, senón que xa está en marcha a organización de encontro real para coñecerse todos en persoa.

Con pena teño que constatar que a crise de coronavirus acelerou un proceso que xa estaba a padecer a Igrexa de Occidente desde hai tempo. Resistiámonos a pechar templos e a non atender todas as demandas de celebracións litúrxicas que se nos fan aos sacerdotes. Esta pandemia, posiblemente, tamén vai terminar cun cristianismo sociolóxico, que é o que máis abundaba até agora.

Pola contra, teño a esperanza de que esta crise vai facer rexurdir un cristianismo máis real, formado por persoas seguidoras de verdade e sen complexos de Xesucristo. Seremos menos, pero máis reais.

Creo que agora vai comezar a nova evanxelización tan desexada polos papas desde Paulo VI até o actual. E para esta misión esencial da Igrexa tamén se necesitan medios materiais. Mellor dito, os medios materiais facilitan moito o anuncio do Evanxeo.

Por iso é importante un «X» a favor da Igrexa católica na túa declaración da renda, porque é unha forma de axudar á Igrexa da que formas parte ou á que poidas volver cando te atopes con Xesucristo.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Texto original]

Vodas de ouro e prata sacerdotais

Con motivo da celebración do patrón do clero, San Juan de Ávila, a Diocese de Lugo ten este ano unha consideración especial cos sacerdotes ordenados en 1970 e 1995.

Vodas de ouro sacerdotais

– Benjamín Álvarez Freije

– Luis Férnandez Chousa

– Cosme Insua López

– Ramón Revuelta Refojo

– José Antonio Veiga Maceda

Vodas de prata sacerdotais

– Alfonso Fraga Ríos

– José Manuel Melle Parajuá

– José Ramón Pena Taboada

– José Ramón Pérez García

– Severino Piñeiro García

[Textos para a preparación da festa de San Juan de Ávila]

Amor imperfecto

Non hai intimidade sen conflito e moitas veces cando temos que corrixir os defectos dos nosos fillos temos claro que debemos darlles oportunidades, que fagan as cousas doutro xeito, corrixilos. Pero cóstanos máis coa parella ou con outros adultos.Que podemos facer cos defectos?

Haberá defectos que teñan pouca importancia e que quizais poidamos pasar algo por alto, non reprochar constantemente; por suposto, non airealos con outras persoas. Intentaremos falar coa nosa parella.

Haberá outros máis complicados que requiran unha negociación, para ver como abordar a cuestión, en que momento, e presentar alternativas.

E haberá outros defectos que requiren un límite porque o outro necesita ser amado como el necesita, non á miña medida. Se hai cousas que sobrepasan a saúde da persoa, que sobrepasan o seu benestar, como poden ser as adiccións, o xogo ou moitas outras cousas… necesítase un límite claro.

Os conflitos cos que se leva pelexando moito tempo e que non somos quen de afrontar, o mellor é pedir axuda canto antes para poder chegar con forzas á terapia e buscar solucións e non chegar esgotados.

Cristina Bandín

Psicóloga

Transcrición de vídeo do Centro de Orientación Familiar Diocesano

Protocolo de prevención do contaxio nos lugares de culto da diocese de Lugo

Tras decretar o 14 de marzo pasado o estado de alarma, para evitar a expansión do covid-19, o Goberno de España anunciou agora o levantamento paulatino das medidas restritivas.

Dada a grave responsabilidade que supón previr o contaxio da enfermidade, lembramos a todos a necesidade de seguir as normas ditadas a este respecto polas nosas autoridades lexítimas.

E establecemos as seguintes disposicións para a celebración do culto público nas nosas parroquias, encomendándoas á prudencia dos sacerdotes responsables e dos membros das súas comunidades.

I. Disposicións de carácter xeral

1. Segue vixente a dispensa do precepto dominical, concedida o pasado 13 de marzo. Recoméndase ás persoas que presenten síntomas ou sexan poboación de risco que sigan absténdose de acudir ao templo.

2. De maneira semellante, os sacerdotes pertencentes ao grupo de risco están eximidos das obrigacións de celebración do culto público nas súas parroquias.

3. Poderá congregarse ao Pobo de Deus para a celebración do culto público a partir do día 11 de maio, inicio da fase 1, respectando as seguintes condicións:

3.1. Garantirase que os espazos estean desinfectados conforme ás normas sanitarias antes de cada celebración.

3.2. Para a desinfección, utilícense produtos que non danen o mobiliario das igrexas. O Ministerio de Cultura recomendou recentemente o etanol, disolto ao 70%. En caso de utilizar outros produtos, compróbese antes a súa ficha técnica.

3.3. Ofrecerase á entrada do templo xel hidroalcohólico ou algún desinfectante similar para as mans.

4. Nos horarios en que se ofrece acceso libre aos fieis para a oración, a porta do templo deberá estar aberta. Os espazos afectados serán desinfectados antes de cada apertura.

5. Para determinar o aforamento e a distancia de seguridade, tomarase como referencia o indicado polas autoridades civís para cada fase (até agora 1/3 na primeira fase e 1/2 na segunda).

6. Pídese que, en xeral, os fieis fagan uso de máscara nas igrexas.

7. As pías de auga bendita continuarán baleiras.

8. Recoméndase aos fieis non tocar retablos, imaxes ou outros obxectos artísticos.

II. Disposicións ao redor da celebración da Santa Misa

1. Persoas responsables ocuparanse de:

1.1. A entrada ordenada dos fieis no templo, respectando a distancia de seguridade.

1.2. O peche da porta de entrada, ao completar o aforamento permitido.

1.3. A distribución dos fieis no templo.

1.4. A orde á hora de comulgar.

1.5. A apertura da porta ao terminar a celebración e a saída ordenada dos fieis respectando a distancia de seguridade.

2. As portas das igrexas manteranse abertas á entrada e saída das celebracións.

3. Evitaranse os coros nas celebracións; recoméndase manter un só cantor ou algunhas voces individuais e algún instrumento.

Non se distribuirán follas de cantos, coas lecturas ou calquera outro obxecto de papel.

4. Non se pasará a cesta da colecta, senón que se advertirá aos fieis da súa colocación nun lugar determinado e facilmente accesible.

5. O cáliz, a patena e os copones estarán cubertos coa palia durante a pregaria eucarística. Manteranse por separado a forma que sumirá o sacerdote e as formas para a comuñón dos fieis.

6. O sacerdote celebrante desinfectará as súas mans ao empezar o canon da misa e, xunto cos demais ministros da comuñón, antes de distribuíla.

7. Mantense a indicación de evitar dar a man e outras formas de contacto físico no rito da paz. Lémbrase que, segundo o previsto nas normas, é posible prescindir deste rito nas actuais circunstancias.

8. O diálogo individual da comuñón (“O Corpo de Cristo. Amén”), será substituído pola oración que fará publicamente o sacerdote antes de comulgar (“O Corpo de Cristo gárdenos para a vida eterna”) ao que o pobo responderá en voz alta (“Amén”). A Eucaristía distribuirase logo en silencio.

III. Disposicións relativas a outras celebracións sacramentais

1. A celebración do Sacramento da reconciliación e os momentos de escoita dos fieis: ademais das medidas xerais, escollerase un espazo que permita manter a distancia social asegurando a confidencialidade. Tanto o fiel como o confesor deberán levar máscara. Ao acabar, aconséllase reiterar a hixiene de mans e a limpeza das superficies.

2. Bautismo: Rito breve. Nas unciones pódese utilizar un algodón ou bastonciño dun só uso, incinerándose ao terminar a celebración.

3. Matrimonio: Os aneis, arras, etc., deberán ser manipulados exclusivamente polos contraentes. Mantéñanse a debida prudencia na firma dos contraentes e as testemuñas, así como na entrega da documentación correspondente.

4. Unción de enfermos: Unción de enfermos: Rito breve. Na administración dos óleos pode utilizarse un algodón ou bastonciño como se indicou anteriormente. Os sacerdotes moi maiores ou enfermos non deberían administrar este sacramento a persoas que están infectadas por coronavirus. En todo caso, obsérvense as indicacións de protección indicadas polas autoridades sanitarias correspondentes. En todo caso, obsérvense as indicacións de protección indicadas polas autoridades sanitarias correspondentes.

5. Exequias de defuntos: Os funerais e as exequias seguirán os mesmos criterios da misa dominical. Aínda que sexa difícil neses momentos de dor, convén lembrar a importancia de manter a distancia de seguridade. Deberán cumprirse as limitacións que establezan as autoridades sanitarias nos velorios e cemiterios.

6. Na celebración de bautismos, primeiras comuñóns, vodas ou funerais recoméndase ao párroco acordar en diálogo cos interesados a organización do servizo de orde, así como o aforamento e as oportunas medidas de precaución.

IV. Utilización de dependencias parroquiais para reunións ou sesións formativas

De acordo coas pautas indicadas na Previsión orientativa do Ministerio de Sanidade:

1. Na primeira fase, poderán ter lugar reunións de menos de 30 persoas, en espazos pechados nos que non se supere 1/3 do aforamento, e respectando a distancia de seguridade e a utilización de máscaras.

2. Na segunda fase, poderán ter lugar reunións de menos de 50 persoas, en espazos pechados nos que non se supere 1/3 do aforamento, e respectando a distancia de seguridade e a utilización de máscaras.

3. Na terceira fase, poderán ter lugar reunións de menos de 80 persoas, en espazos pechados nos que non se supere 1/3 do aforamento, e respectando a distancia de seguridade e a utilización de máscaras.

Todas estas medidas comezarán a aplicarse a partir do día 11 de maio, coincidindo co inicio da Fase 1. Serán revisadas puntualmente segundo a normativa emanada polas autoridades competentes.

Lugo, Cidade do Sacramento, a 6 de maio de 2020

A %d blogueros les gusta esto: