Lvcensia celebra os seus 30 anos de existencia cun volume con variedade de temas, como é habitual, e cunha entrañable lembranza do que foi a presentación do primeiro número de Lvcensia. Acontecemento que tivo lugar na sala de lectura da Biblioteca do Seminario no outono de 1990, como se quixo reflectir na portada do número 60 nunha pequena homenaxe aos seus fundadores. A pesar das dificultades sempre saíu adiante grazas en gran parte ao inestimable apoio da Diocese e por suposto ao interese de colaboradores, lectores e subscritores, apoios hoxe en día imprescindibles debido á ausencia de subvencións, aínda que nunca se enfrontou a unha situación como a que estamos a vivir. A pesar diso, Lvcensia cumpre co seu prazo de publicación pero non coa súa presentación para non poñer en risco a saúde dos asistentes. Queda a esperanza do reencontro con todos eles no outono.
En canto aos contidos, outro aniversario importante é o centenario do nomeamento de frei Plácido Rei Lemos como bispo de Lugo, celebrado o ano pasado, ao que se lle dedican varias páxinas neste número por parte de Gonzalo Fraga e José Ramón Figueiredo. E seguindo con aniversarios especialmente importantes para a nosa cidade, Lvcensia faise eco da primeira exposición de pintura galega celebrada no Círculo das Artes de Lugo, da man de Carlos Gegúndez.
Importante tamén é a orixe das coleccións incorporadas ao fondo do Museo de Lugo, como pon de manifesto Aurelia Balseiro presentanndo un traballo cuxo obxectivo baséase en mostrar os principais conxuntos de bens culturais, en orixe pertencentes a coleccionistas concretos, posteriormente incorporados ao museo, así como a súa forma de ingreso, integración ou adaptación entre as coleccións museísticas propias.
A figura de Carvalho Calero, autor homenaxeado este ano no día das Letras Galegas, é o centro de dous artigos presentados, un deles pola directora do Colexio Fingoi, Siña Fernández e María Casar, profesora do mesmo, onde exerceu como director, e outro por Luisa Doval que recolle o testemuño dos libros escritos e dedicados por alumnos e amigos que se achan na Biblioteca do Seminario de Lugo.
Abel Vilela, que segue investigando no Camiño Primitivo, colabora neste número falando sobre as capelas de San Pedro de Fóra, Virxe do Camiño, Casa da Concha e os hospitais da Ponte e da Porta Falsa.
Outros artigos centrados na historia de Lugo e a súa provincia, son os presentados por Ernesto Iglesias que estuda a presenza dos xudeus en Monforte; Óscar González realiza un rigoroso estudo sobre o antigo arciprestado de Luaces e Gonzalo Fraga recolle os arrendamentos do cabido catedralicio de Lugo, segundo relata “resulta curioso e instructivo o que nas actas capitulares se achega do arrendamento de administracións, rendas, tenzas, empréstimos e outros emolumentos, tanto polas disposicións adoptadas polo Cabido sobre a materia como polas oscilacións e vicisitudes a que estiveron suxeitos aqueles bens eclesiásticos”.
Gústame esto:
Gústame Cargando...