Esta tempada oímos moitas veces a palabra «asintomático», referida a aquelas persoas que se contaxiaron do virus, pero non tiveron síntomas e que pasaron a enfermidade de maneira satisfactoria e sen consecuencias.
Pero o que vale para o virus, non é bo para a vida cristiá. Que un cristián non dea síntomas da súa fe en Xesucristo non é normal. Se dicimos que somos cristiáns, pero a presenza, teórica, de Xesucristo na nosa vida non produce ningún síntoma que poida ser percibido (en primeiro lugar, por nós mesmos e despois polos demais), mal vai a cousa.
Por iso non nos podemos enganar. No caso do coronavirus pódese pasar a enfermidade de xeito asintomático. Pero se os cristiáns non mostramos síntomas da nosa condición, temos que facer unha profunda reflexión para non seguir vivindo nunha mentira e deixar de perder o tempo.
É certo que ás veces, desde a Igrexa, aferrámonos a calquera vestixio que mostre un mínimo de vida cristiá e que xustifique moitas das cousas que facemos os curas. Pero a realidade é que tamén isto é un autoengano.
Pero do mesmo xeito, tamén digo que esta ten que ser unha ocasión para purificar a nosa condición de bautizados, aínda que isto supoña empezar de cero. Temos que chegar a ser cristiáns que dean síntomas de que Cristo habita en nós ou non seremos nada. Cumprir coas tradicións só por cumprir xa só serve para que as estuden os antropólogos culturais, pero para nada máis.
Nos días pasados dicía que o coronavirus acelerou aínda máis un proceso de enfraquecemento da vida cristiá que xa avanzaba a bo ritmo en Occidente. Sígoo dicindo e cada vez máis convencido. Moitos templos xa só abrirán para os funerais e o día da festa da parroquia no mellor dos casos.
Temos que revitalizar as consecuencias de ser fillos adoptivos de Deus polo Bautismo. Temos que superar o medo e a vergoña a actuar e pensar como verdadeiros fillos de Deus. Non é calquera cousa, é, sen dúbida, a mellor das opcións: gozar da presenza de Deus e sabernos salvados para toda a eternidade polo seu Fillo Xesucristo.
Esta é a miña reflexión aos poucos días da gran solemnidade de Pentecoste que pon fin aos 50 días da Pascua. Xesús non nos deixa sós, non marcha para desentenderse de nós, senón nos que envía ao Espírito Santo defensor, que boa falta nos fai ante este desánimo do noso pobre espírito persoal.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada
[Escrito original]
Gústame esto:
Gústame Cargando...