Co desexo de continuar colaborando coas autoridades sanitarias de Galicia na emerxencia que padecemos, o bispo de Lugo, Monseñor Alfonso Carrasco, mantivo unha conversación telefónica co señor Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña para ofrecer ás autoridades civís competentes as instalacións do Seminario Diocesano, onde sería acollido o persoal sanitario.
O señor Conselleiro agradeceu á Igrexa o ofrecemento e pediu ao bispo que informase do mesmo á xerencia do hospital Lucus Augusti (HULA). Esta asegurou ao bispado que mantén contacto a través de recursos humanos cos capeláns destinados no centro e que farán uso das instalacións ofrecidas en canto sexa necesario.
A residencia do Seminario Diocesano de Lugo é a única propiedade da diocese que cumpre coas condicións necesarias para dar servizo aos profesionais. As habitacións postas a disposición da Consellería e, polas súas indicacións, do Hospital Lucus Augusti, son todas aquelas non utilizadas durante o curso escolar polos seminaristas menores.
«A caridade non pode pechar», lembrou o bispo
Ao mesmo tempo, infórmase que a diocese non deixou de prestar o servizo diario no comedor social San Froilán. Igualmente, tanto Cáritas diocesana como todas as Cáritas parroquiais continúan co seu habitual traballo cumprindo co pedido polo bispo ao comezo desta crise a través dunha carta pública na que lembraba a todos que «a caridade non pode pechar».
Toda a diocese lucense, formada por parroquias das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra, presta e prestará o seu mellor servizo orando a Deus polo eterno descanso dos defuntos, polo consolo dos seus familiares, a recuperación dos enfermos, a fortaleza e a esperanza do persoal sanitario e das nosas autoridades públicas e polas Forzas e Corpos da Seguridade do Estado e do persoal militar. Pedimos especialmente a Deus e á nosa Señora dos Ollos Grandes, a nosa patroa, que libere ao noso pobo desta pandemia.
Os sacerdotes diocesanos non deixaron neste tempo de facer o seu labor, adaptándose ás novas circunstancias; así como as relixiosas, os relixiosos e os voluntarios de grupos e parroquias. Pero, sobre todo, non se pode deixar de valorar a caridade que xorde do corazón do noso pobo manifestada en familias, empresas, autónomos, xornalistas e tantos outros que ofrecen o seu a favor do ben común.
«A caridade non pasará nunca. Cada xesto de amor ao próximo fará que se manteña viva a esperanza de todos», asegurou don Alfonso na homilía da Misa celebrada o luns na capela do bispado.
Gústame esto:
Gústame Cargando...