Prioridade do traballo. Carta pastoral no Día de San Xosé Obreiro

Celebramos este ano o día 1 de maio, día de S. Xosé Obreiro e Día internacional dos traballadores, nunhas circunstancias extraordinarias debidas á pandemia provocada polo virus Covíd-19, que fixeron resaltar ante os nosos ollos moi evidentemente o significado mesmo do traballo.

O confinamento xeral paralizou a actividade da maior parte da nosa sociedade. Con esta ocasión, fíxose moi visible a necesidade de integrar na nosa existencia as novas tecnoloxías, simbolizadas polo teletrabajjo, cos seus riscos tamén de relativizacíón dos espazos da vida privada e familiar. Pero, sobre todo, puidemos apreciar a importancia inmensa do traballo, por exemplo de todo o persoal do mundo sanitario, dos servizos de limpeza, das forzas da orde, de quen fan posible a industria e a distribución agroalimentarias, o transporte, as telecomunicacións, o xornalismo, sen esquecer as tarefas políticas ou legais, etc.

Durante este tempo puidemos contemplar o espectáculo impresionante do traballo de tantos e percibir o ben que procura á sociedade; máis aínda, a súa imbricación íntima coa vida, a do propio traballador, a da súa familia e a de todos. Fáisenos patente así que non é posible minusvalorar o significado do traballo. De ningunha maneira é reducible a produto mercantil, a obxecto de compra e venda no mercado ou a cifra estatística. O traballo é unha expresión elemental do noso existir como persoa, é constitutivo do noso ser social.

Pero neste tempo de confinamento vemos tamén o risco inmenso que corre o traballo no noso país, ao paralizarse boa parte da vida económica.

Temos que pór todos os medios para soster ás persoas que nestas circunstancias están sen traballo, así como a subsistencia das súas familias. Pero iso é sempre só unha solución momentánea e incomparable co verdadeiramente bo para a persoa e a sociedade: o traballo.

Hoxe é unha urxencia primeira responder con axilidade ás necesidades en que se atopa quen perdeu os ingresos necesarios para vivir, que non poderían esperar moitas semanas por unha resposta. Pero igualmente os maiores esforzos serán poucos, para facer posible que o traballo se retome, volva ocupar o seu posto central na vida persoal, familiar e social.

O significado do traballo para a construción da persoa e do ben común -o seu valor moral-, é tan elevado, que ha de recoñecérselle por todos unha verdadeira prioridade nestas circunstancias que vivimos. Non deben prevalecer agora outras consideracións, a utilización desta dramática situación persoal e social para lograr outras finalidades socio-políticas.

Os esforzos, os sacrificios, os recursos da nosa sociedade deben porse ao servizo de restaurar a dinámica do traballo, como un ben esencial -e, por iso, un dereito- para a liberdade e a vida de todos.

A Doutrina social da Igrexa ensinou con claridade a vinculación intrínseca do traballo coa dignidade, coa realización da persoa, coa súa asunción de responsabilidades familiares e sociais, coa súa cooperación cos demais na consecución do ben común. E insistiu, por tanto, no concepto de “traballo digno”; é dicír, da dignidade que deben ter as condicións do traballo para corresponder ao ser persoa do traballador, responsable de si, da súa familia e tamén da sociedade.

Nestas circunstancias, paréceme que a atención debe dirixirse ao máis fundamental, que pode estar posto en cuestión, ao ben primeiro que é o traballo mesmo, que corre o risco de destrución para tantísímas persoas, pondo en graves dificultades a súa existencia e a da nosa sociedade.

O traballo fixo posible a herdanza recibida dos nosos pais, das xeracións precedentes: a nosa educación mesma, o coidado da nosa saúde, a construción das nosas casas, os negocios familiares e as empresas grandes crecidas grazas á obra de moitos, as estruturas xurídicas, políticas ou a seguridade de que gozamos, etc.

É o tesouro do traballo humano, como percibimos con especial claridade nas circunstancias que vivimos, nunca reducible ás soas cifras que o miden ou a puro movemento financeiro.

A prioridade do traballo non é sen máis a do diñeiro, nin a dos sós intereses individualistas; correspóndese co ben do conxunto da nosa sociedade. Por iso, a dignidade peculiar do traballo significará ao mesmo tíempo non manipular nunca as necesidades do pobre, non aproveitar para abusos e inxustizas; e non abandonar tampouco a quen non ten traballo, a quen non pode soster a súa casa e a súa vida. O traballo é fonte de solidariedade, é quen fai posibles as diversas formas de asistencia da sociedade a quen o necesita.

Que as circunstancias tristes que vivimos, que a perda ás veces de seres queridos, axúdenos a apreciar de novo o que verdadeiramente importa na vida, entre o que se atopa tamén, sen ningunha dúbida, o significado do traballo. Nel pode expresarse ben o mellor da persoa humana, que será tamén así, traballando, imaxe do Deus que é amor; pois como o Señor dixo: o meu Pai até agora segue traballando, e eu tamén traballo (cf. Xn 5, 17).

Alfonso,

bispo de Lugo

[Texto en castellano]

Xornada Mundial de Oración polas Vocacións e Xornada de Vocacións Nativas

O 3 de maio celébrase a Xornada Mundial de Oración polas Vocacións, e a Xornada de Vocacións Nativas, que convocan de forma conxunta catro institucións: a Conferencia Episcopal Española, a Conferencia Española de Relixiosos (CONFER), a Conferencia Española de Institutos Seculares e Obras Misionais Pontificias. O lema deste ano é “Xesús vive e quérete vivo”.

Este domingo, a Igrexa convida a rezar polas persoas con vocación de especial consagración, e por tantos mozos que están a sentir a chamada vocacional.

A xornada convida a levantar a vista, e rezar por aqueles que están a ser chamados por Deus a seguilo nos territorios de misión. Son as chamadas Vocacións Nativas. A Igrexa convida a orar por eles, para que asuman a substitución dos misioneiros, e manteñan viva a chama do Evanxeo nos seus países e culturas. Pídese, ademais, a colaboración económica, para que non se perda, por falta de medios, ningunha desas vocacións e poder axudar a un de cada tres seminaristas do mundo.

[Materiais 1]  [Materiais 2]

Curso en liña “Acompañamento familiar”

O Instituto da Familia de Ourense pon en marcha un curso en liña sobre o acompañamento ás familias e matrimonios, que é unha aprendizaxe necesaria para todo aquel que vive en familia. Pero de xeito especial é necesario para profesores, titores, psicólogos, axentes de pastoral familiar, médicos, terapeutas e todas cantos por profesión ou vocación teñen que traballar con familias.

Ao final deste curso procúranse conseguir os seguintes obxectivos:

Aprender a mirar sistémicamente á familia nun proceso de acompañamento.

Coñecer as principais características do acompañamento familiar, o seu método propio.

Ofrecer uns criterios e claves para un acompañamento familiar en aspectos básicos nunha familia harmónica e madura

Obter criterios, información e claves para o acompañamento familiar en aspectos propios das familias occidentais do século XXI.

Estrutura

1. Que é o acompañamento familiar

2. Proceso do acompañamento familiar

3. Familyfullness

4. Acompañamento educativo

Contidos prácticos

Neste vense prácticas de construción ou reconstrución da familia a partir de todo o positivo que xa hai nela. Para iso, proponse:

a. Traballar a especificidade do acompañamento familiar respecto dos acompañamentos individuais

b. Mostrar e experimentar de modo práctico un método de acompañamento familiar

c. Mostrar as claves prácticas do Familyfullness

d. Experimentar as destrezas e estratexias educativas básicas en família

Duración e prezo

O curso comeza o 4 de maio e dura seis semanas. Dedicación estimada, entre 3 e 4 horas á semana. O curso, que ten un prezo de 150 euros, abonarase a través da plataforma de pago, seguindo as indicacións que aparecen no apartado de matriculación da web institutodafamilia.es

1 de maio, festa de San Xosé e Día internacional dos traballadores

As entidades promotoras da iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (Fundación Juan Soñador, Cáritas, Confer, Irmandade Obreira de Acción Católica, Xustiza e Paz, Mocidade Estudante Católica, Mocidade Obreira Católica) priorizan dinámicas de sensibilización, visibilización e denuncia sobre o traballo humano, central na sociedade e esencial na vida de millóns de persoas.

Un eixo de intervención está orientado á celebración da festa de san Xosé Obreiro e Día Internacional dos traballadores, o 1º de maio.

Publícase un manifesto que mostra unha realidade moitas veces silenciada como é o traballo escasamente valorado de traballadores que a pesar das súas condicións laborais débiles e precarias, son esenciais para o coidado da vida. Ademais incorpora unha serie de reclamacións para dar resposta a esta crise socioeconómica.

[Ver manifesto]

A diferenza doutros anos, a convocatoria deste Primeiro de Maio terá un carácter extraordinario, por motivos de confinamento e distanciamento social necesario neste tempo, pero esta situación non suporá permanecer inmóbiles, senón que haberá:

  • Oración. [Guión litúrxico]
  • Colocación en xanelas ou balcóns de carteis co lema “Aplauso polo Traballo Decente”. As fotos que se fagan poden facerse chegar a empleolugo@caritas.es.
  • Cacerolada o venres 1 de maio ás 12h.

Polipandemia universal: “Que pare o mundo, eu baixo”

Non importa quen o dixo. O tráxico é que moitos o estamos sentindo. A xente quéixase, protesta, está farta. Algo cheira a podrecido na nosa sociedade perfumada.

Este mundo non nos gusta: ten un corpo precioso, pero fáltalle a alma.

Construímos unha máquina xigantesca, pero sen entrañas. Un mundo con medios extraordinarios de produción, pero sen corazón.

A esta gran máquina da nosa sociedade fáltalle o aceite da bondade.

A enfermidade que padece o mundo, non é a pobreza ou a guerra, é a falta de amor” (M. Teresa de Calcuta).

O desamor florece en pobreza, en guerras, em…

O corazón é a zona máis deprimida da cidade do home.

Deterioramos o noso propio hábitat. Somos responsables, á vez que vítimas, do noso desacertado quefacer.

As cousas non poden continuar así. É urxente reorientar a cidade cara a Deus. Imponse unha nova evanxelización do mundo. Tamén da nosa terra. Non estamos no mundo para condenalo, senón para salvalo.

O mundo cheira a podrecido, pero os cristiáns estamos chamados a ser “o bo cheiro de Cristo” (2 Cor. 2, 15): temos que contrarrestar a fetidez ambiental, que nos permita ir pola vida sen anteface, por superarse todo perigo de contaminación maléfica.

Nestes momentos preocúpanos enormemente o coronavirus, pandemia que afecta a incontables pobos e sectores. Deus queira que os especialistas da saúde atopen pronto unha vacina eficaz para frear tal doenza, que sega incontables vidas e leva loito a incontables fogares.

Pero deixémonos de lamentacións. Tomemos decisións, e fagámolo con esperanza. Un corazón con esperanza non se limita a cantar, senón que se decide a traballar para resolver os problemas.

Non esquezamos que o coronavirus actual converteuse en polipandemia a todos os niveis. Diríase que as crises son patrimonio da humanidade. Crise é carencia, é desánimo, é frustración multipolar.

  • Crise económica é carencia de recursos.
  • Crise laboral é a escaseza de postos de traballo.
  • Crise cultural é o absentismo escolar.
  • Crise xeracional é a tensión entre pais e fillos.
  • Crise…, nos humanos, é baleiro total.

Tamén abunda a crise no espiritual:

  • Crise de fe: só a experiencia empírica é fonte de coñecemento.
  • Crise de moral: só o grato é norma de comportamento.
  • Crise de piedade: non conta o relixioso.
  • Crise de valores espirituais: só o contable é cotizable.

Pois, contra crise, responsabilidade, xa que o mellor antídoto contra o actual coronavirus é a evitación do contaxio, e o máis específico para erradicar a fetidez ambiental é o correcto comportamento dos cidadáns.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: