Queridos irmáns,
Celebramos a Xornada pola Vida un ano máis na solemnidade da Anunciación do Señor, cando o que é a Vida encarnouse no seo da Virxe María. Con todo, estamos a vivir este día de esperanza en circunstancias extraordinarias e críticas, causadas polo contaxio do novo coronavirus Covid19 que afecta a toda a nosa sociedade. A ameaza da pandemia fíxonos deternos a todos e quedar na casa, moi atentos ao valor da vida, a propia, pero tamén a dos nosos seres queridos, realmente ameazada pola enfermidade, como a de tantas outras persoas coas que convivimos de xeito máis ou menos próximo.
Nesta situación, querería afirmar ante todo a nosa certeza principal: a vida é un don de Deus, é un ben inmenso que, posto nas mans do noso Pai, está ao seguro. Deus é o Señor da vida, quixo demostrárnolo resucitando a Xesús de entre os mortos; e desde entón. nós fomos liberados do medo á morte. O noso Deus, Creador e Pai, é máis grande que todo e encomendámonos nas súas mans. Volvamos o noso corazón a El, fagamos memoria do seu amor misericordioso, e non nos deixemos guiar polo medo; que non nos paralice a posta en cuestión das evidencias acostumadas da nosa vida cotiá, nin a incerteza sobre as perspectivas de futuro. Sabemos que a promesa da vida, feita polo Señor, é certa e digna de toda confianza; fiados nel, non rexeitemos os desafíos.
Nestes tempos difíciles contemplamos con gratitude moi grande o esforzo de quen arriscan mesmo a saúde por coidar, por sandar, por atender ás persoas gravemente enfermas por este virus; en primeiro lugar, por suposto, o persoal sanitario. E agradecemos tamén a solidariedade profunda de tantos na nosa sociedade, que respectan as normas establecidas, a pesar de problemas e incomodidades, que loitan por pór o seu granciño de area para conter a expansión do virus.
Estamos a defender a vida con todos os medios científicos e técnicos de que dispomos, e con todas as forzas, coa entrega, o sacrificio, a dilixencia na atención de moitos; pero tamén cun redescuberto sentido do ben común e coa solidariedade constante da nosa sociedade. Por iso, polo profundo contraste con estas actitudes que provocan hoxe o noso aplauso, non podo evitar lembrar que agora mesmo tamén está presentado no noso Parlamento -aínda que o seu funcionamento normal estea paralizado- un proxecto de lei da eutanasia.
Porque, ante o espectáculo impresionante das persoas necesitadas de coidados, da UCI ás veces colapsadas, do esforzo inmenso por atender aos máis graves, non estamos todos conmovidos e agradecidos a quen arriscan a súa saúde e entregan todas as súas enerxías para curalos? Non compartimos todos a compaixón, a dor de corazón de non poder atender ou polo menos estar a carón dun ser querido en momentos semellantes? Non estamos certos de que non podemos abandonar a ninguén, de que é unha derrota moi dolorosa ter que deixar sen coidados axeitados a un só? Quen, dos que afrontan este desafío grave da enfermidade, non foi querido, non é o noso irmán, non é fillo de Deus? Podemos deixar atrás a alguén, podendo evitalo?
Toda a experiencia destes días, non é unha invitación fortísima a potenciar o noso sistema sanitario, para que poida coidar e atender a todos até o final? Non parece hoxe ser esta unha obrigación elemental, na medida das nosas posibilidades? Por tanto, non estamos chamados moi claramente a desenvolver en diante todos os “coidados paliativos” para acompañar os últimos pasos dos nosos seres queridos?
Parece hoxe moi claro que antes de ningunha “lei da eutanasia” é urxente una “lei de coidados paliativos”. Como poderiamos aprobar a eutanasia sen facer antes todo o que está nas nosas mans para coidar á nosa xente? Doutro xeito, a cantos non estariamos a facer verosímil e dalgún modo desexable a morte, precisamente porque non nos esforzamos en atendelos, non lles ofrecemos o que os nosos medios actuais poden facer, non poden percibir en nós proximidade e aprezo real, a solidariedade da sociedade?
Máis aló de todo debate sobre as diversas comprensións do home e da súa liberdade, non podemos correr o risco de sacrificar de feito a moitas persoas; o triunfo de ningunha ideoloxía, ningún proxecto de goberno vale ese prezo.
Por outra banda, como cristiáns, nós sabemos con certeza o que todos dalgún modo poden dicir: cada persoa é digna, non podemos abandonar a ningunha. Crendo ademais que a vida é don de Deus, que está chea de valor e grandeza sempre -porque nela latexa o corazón da persoa-, o cristián non pode considerar nunca un ben moral o suicidio ou a eutanasia.
Que esta Xornada pola Vida axude a gardar como un tesouro, conseguido a moi caro prezo, os ensinos que nos achega a experiencia que estamos a vivir nesta grave crise sanitaria e social. Que tantísimos xestos de ben, que tanta solidariedade, entrega e sacrificio, non quede sen facer crecer tamén a nosa conciencia, dándonos certezas persoais, moi fundadas e profundamente razoables, que conserven o mellor dos sentimentos destes días.
Unha certeza entre outras podemos gardar: que grande é o don da vida, que rico de bens -que agora botamos de menos, desde o abrazo cariñoso a todas as belezas da natureza-, como non podemos desprezalo nunca, canta riqueza de humanidade significou para nós -e para a nosa sociedade- defendelo agora con todas as nosas forzas!
Que esta conciencia non desapareza pasada esta crise, afogada quizá en argumentos ideolóxicos e propaganda, que poden afastarnos de nosa propia experiencia vital. Que sexamos capaces de sacar conclusións, de defender a vida en todos os ámbitos, de seguir acompañando até o final, paliando os sufrimentos, loitando contra a morte.
Como cristiáns, demos grazas a Deus polo don da vida, coidándoa sempre, e pola esperanza da vitoria pascual, da vitoria sobre o mal e a morte á que estamos chamados; polo amor inmenso co que o Señor Xesús abriunos o camiño da vida eterna. E pidamos ao Señor crecer sempre en conciencia e en caridade verdadeira. Apreciemos a nosa fe e apreciemos o amor ao próximo, decisivo e definitivo para a vida humana, nacido da fonte inesgotable do amor de Deus.
Que El nos garde a todos, déanos vida abundante agora, para cumprir a nosa misión, e a alegría de compartir un día a vida sen fin.
Co meu afecto e bendición,
+Alfonso, bispo de Lugo,
[Carta pastoral en castellano]
Gústame esto:
Gústame Cargando...