Valoremos a familia (II)

A lotaría do 22 de decembro trouxo a sorte a unhas poucas familias economicamente afortunadas. Pero outras moitas non foron agraciadas polo sorteo do Nadal, e mantéñense na indixencia de sempre. Con todo, a Divina Providencia agraciou coa encarnación do Fillo de Deus a todo o xénero humano, e o mundo enteiro estrea un sorriso de infinito gozo co nacemento do Redentor.

Nós lamentamos que Xesús tivese que nacer nun presebe. Con isto indicamos a mala acollida que atopou o Salvador ao entrar no noso mundo. “Veu aos seus, e os seus non o recibiron”. Con todo, paradoxalmente podemos dicir que naceu nunha familia e iso foi unha gran sorte para o Neno Deus, porque os mellores berces son os corazóns dos nosos pais. Neste caso, ningún berce mellor que o corazón da Virxe e de San Xosé. Esta foi o berce de Xesús, a Sagrada Familia de Nazaret, que é reflexo da Familia Trinitaria.

Tamén as nosas familias tiveron algo de sagrado, xa que “onde dous ou tres reúnense no meu nome, alí estou eu no medio deles”, di o Señor.

A familia cristiá é como un sacramental, porque o amor que une aos membros do fogar, perdoa os pequenos fallos que todos temos, moi a pesar noso. Coidemos, pois, as nosas familias, sen esquecer que a relixiosidade infantil é imitativa. É dicir, os nenos non viven de ideas, senón de imaxes. O que ven, é o que imitan.

Os pais son os principais “modelos de identificación” para os seus fillos. Se as condutas cristiás dos pais son negativas, os seus fillos dificilmente chegarán a ser bos cristiáns.

Os pais deben ser conscientes de que a educación cristiá non se realiza levando ao neno a un colexio relixioso ou á catequese parroquial, cando lle “toca” facer a primeira comuñón.

O comportamento cristián vai penetrando na conduta do neno, polo exemplo que ve nos seus pais.

Os fillos perciben e viven gozosamente a proximidade de Deus e a bondade de Xesucristo que os pais manifestan, e márcalles para toda a vida.

Por iso, hoxe fálase moito da catequese familiar, lembrándonos que a familia é a primeira educadora da fe dos seus membros.

A catequese familiar non é un apoio á catequese escolar, senón todo o contrario: son as parroquias e os colexios os que prestan o seu apoio aos pais, para que estes poidan ofrecer unha boa formación relixiosa aos seus fillos.

Isto deben telo presente todos os pais cristiáns, e, sobre todo, practicalo.

Mons. Indalecio Gómez Varela

Cóengo S. I. Catedral Basílica de Lugo

Asemblea-Convivencia da Hospitalidade de Lourdes

O Seminario Diocesano acolle o martes 11 de febreiro a partir das 4,30 da tarde a Asemblea-Convivencia da Hospitalidade Diocesana de Nosa Señora de Lourdes. O programa é o seguinte:

1° Oración inicial; saúdo aos participantes. 2° Reflexión mariana, co título do lema do ano 2020: “Eu son a Inmaculada Concepcion”, a cargo de Isabel González Blanco, presidenta da asociación de mulleres rurais de Carballedo; co-responsable da zona de Carballedo – Chantada; socia e peregrina da Hospitalidade.

3° Breve información do curso 2018-19.

4° Breve exposición da programación do curso actual: 2019 – 20.

5° Presentación da xestión económica do curso 2018-19 e do orzamento para o curso actual..

6° Suxestións dos asambleistas, para as vindeiras peregrinacións e máis actividades da Hospitalidade, que axuden á boa marcha da mesma.

7° Vivencias ou resonancias persoais dos participantes. Sobre as 6,30: descanso de 15 minutos.

8° Eucaristía presidida polo Sr. Bispo e concelebrada polos sacerdotes asistentes.

Final da Asemblea, sobre as sete e media da tarde.

Carta pastoral con motivo da Campaña contra a Fame (Mans Unidas)

Un ano máis a campaña de Mans Unidas axúdanos a volver a mirada ao noso próximo, a ese ti, próximo, en quen se pon de manifesto en primeiro lugar os malos tratos dos recursos naturais postos á nosa disposición, que chega mesmo a facerse visible nos danos que sofre a natureza, o planeta mesmo.

Lémbranos así Mans Unidas que esta situación non é inevitable, senón que depende en boa medida da nosa liberdade, da nosa conciencia da vida, da nosa actitude moral. O cambio do noso corazón e, por conseguinte, do noso comportamento é decisivo. O berro dos pobres e da natureza interpela a cada un de nós de novo.

Sabemos que non todo está na nosa man. Non vivimos xa no paraíso terreal e nunca o poderemos alcanzar na terra. O benestar do que podemos gozar nun momento dado non debe chamarnos a engano; é sempre o resultado do esforzo, o traballo, a austeridade e o sacrificio en relación coa creación. Por iso mesmo, leva intrinsecamente unha esixencia de xustiza tanto na repartición da riqueza producida, como nas condicións de traballo que a fan posible, no país que sexa. E entre estas condicións han de contarse tamén as ambientais: non pode destruírse o ámbito de vida dun pobo, para explotar a menor custo os recursos naturais.

Non somos señores do mundo, que recibimos como un don de Deus; e, se nos portamos como tales, producimos o seu dano. Recibímolo como lugar que fai posible a nosa vida terrea, como casa común que temos que coidar e transmitir de xeración en xeración.

Sabemos tamén que o coidado da natureza foi encomendado ao home desde o inicio. A nosa liberdade e a nosa responsabilidade foron queridas por Deus como parte intrínseca da creación; non podemos imaxinar a realidade, pensar o mundo ou o planeta sen elas. Non é a presenza da liberdade humana o problema, senón o pecado que a limita e desordena a súa acción. Non é negativa a presenza humana no mundo, senón a nosa separación de Deus, que nos fai maltratar a realidade, non só o planeta, senón mesmo directamente ao noso irmán. Non é posible, por tanto, separar ecoloxía humana e natural. Necesitamos unha ecoloxía integral, enraizada en mentes e corazóns, conscientes da súa relación profunda coa creación e cos irmáns, co Deus Pai e Creador.

A campaña de Mans Unidas interpélanos con especial forza: urxe un cambio, rexeitar a cobiza, a avaricia, a soberbia, a indiferenza ante o sufrimento dos demais, e volver á verdade e ao ben, á obediencia aos mandatos divinos de coidar a creación co noso traballo e de amar ao próximo.

Só este cambio profundo en cada un, só a responsabilidade consciente de moitos, permitirá que se modifiquen comportamentos sociais e económicos que erixen a propia riqueza e poder en fin supremo, que esquecen estes criterios fundamentais de verdadeira humanidade, de vida na Terra. O Señor Xesús desvelóunolos de moitas maneiras nos Evanxeos, e o seu ensino determinou a nosa educación como persoas moitas veces xa nas nosas casas e parroquias.

Pois ben, a urxencia de vivir segundo estes criterios morais é proclamada hoxe con gran voz pola creación mesma, polo noso planeta, e por todos os que sofren nel os malos tratos dos seus recursos, sen capacidade de defenderse debido á súa pobreza. Mans Unidas lémbranolo a cada un e á nosa sociedade.

Que esta campaña sirva para que saiamos ao encontro das necesidades dos nosos irmáns hoxe -cos nosos propios bens- e para que sintamos chamados a unha verdadeira conversión evanxélica, a un cambio que posibilite que as nosas actitudes e a nosa vida sexan radicalmente coidado os uns dos outros, e xuntos da nosa casa común, do noso planeta.

+Alfonso,

Bispo de Lugo

[Carta pastoral en castellano]

Presentación da Campaña contra a fame (Mans Unidas)

Miguel Leiva Torreiro

O Día do xaxún voluntario que organiza Mans Unidas Lugo no Seminario o 7 de febreiro comezou coa presentación da 61ª Campaña contra a fame: “Quen máis sofre os malos tratos ao planeta non es ti. Colaborar está na túa man” a cargo de Xulio Xiz. E o profesor do Seminario Diocesano Miguel Leiva Torreiro deu unha charla que dividiu en 3 partes:

I) Estamos a queimar a casa común. Entre outras cuestións, Miguel Leiva deu unha cifra: queda petróleo para 44 anos. E un dos pensamentos que achegou foi: os humanos considerámonos amos do mundo cando en realidade somos administradores.

II) Aprender a renunciar. Os habitantes do planeta que pasamos por este mundo como se fosemos en departamentos de 1ª clase dun tren, temos que compartir cos que van en vagóns de categorías inferiores; porque o importante é que o tren poida seguir facendo a viaxe en paz. Renunciar non supón necesariamente vivir con escaseza senón vivir compartindo.

III) Consumo responsable, que segue a regra dos tres es: ético (potencia o traballo digno, coñece a procedencia do consumido, non se toma à lixeira o consume de alcohol…), ecolóxico (rexeita empresas que agreden o medio ambiente, rexeita a obsolescencia programada…), empático (fíxase em quen está detrás do producido, é solidario…).

[Manifesto e proxectos que financia Mans Unidas Lugo]

Conectando xeracións: homenaxe ás persoas maiores

O Centro de Orientación Familiar diocesano de Lugo e o Instituto da Familia de Ourense poñen en marcha Conectando Xeracións co obxectivo de establecer entre as xeracións novas e as persoas maiores vínculos de relación de xeito que os mozos descubran a riqueza das vidas dos maiores

O fundamento desta actividade, apoiada pola Xunta de Galicia, é pór en contacto aos máis novos coa experiencia persoal dos maiores. E aos maiores ofrecerlles un foro no que ser escoitados e valorados a través do diálogo cos mozos.

Os alumnos seleccionados en colexios concertados de Lugo, polas súas habilidades literarias e gañas de facer voluntariado, terán entrevistas con cada unha das persoas maiores, residentes do Asilo San Roque, ás que lles farán a súa biografía. O primeiro encontro terá lugar o martes 11 de febreiro, ás 17 h.

Ao finalizar os encontros cada mozo redactará a súa narración e converterase nun capítulo dun libro que será editado polo Instituto da Familia. Ademais, faranse reportaxes fotográficas dos encontros que tamén se incluirán na obra.

A %d blogueros les gusta esto: