Onte celebrase a festa do Bautismo de Xesús. Con esta festa litúrxica péchase o ciclo do Nadal. O bautismo de Xesús é, en realidade, unha nova epifanía, é dicir, unha manifestación de Deus que se revela no seu Fillo Xesucristo, como o fixo en Belén aos pastores e aos sabios vindos de Oriente. Por iso, esta festa marca un “antes” e un “despois” na existencia cristiá. O “antes” viviuno Xesús silenciosamente en Nazaret. O “despois” comeza co seu Bautismo no rio Xordán.
En Xesús hai que distinguir dúas uncións: unha unción ontolóxica, que afecta ao seu ser, a cal tivo lugar na súa encarnación e pola cal se fixo “un de nós”. E unha unción dinámica, que tivo lugar no seu Bautismo. Por iso fíxose “un para nós”. E por iso, Xesucristo ten conciencia de que veu ao mundo non para “ser servido” senón para “servir”. E esta misión de servizo comeza con gran humildade: ponse na ringleira, como un pecador máis, e suplica ser bautizado por Xoán.
O premio a tanta humildade non se fai esperar: “Este é o meu Fillo moi amado; escoitádeo”. Está claro que “o que se humilla, é enaltecido”, como nos dirá máis tarde o propio Xesucristo. Tampouco cabe para nós dita máis grande que o de ser en Cristo, Fillos do mesmo Pai, que incorporados a ÉI, polo santo bautismo, somos elevados á dignidade de Fillos de Deus. A nosa dignidade non pode ser maior. E a nosa responsabilidade tampouco. Para corresponder a tan alta honra, escoitemos a Xesucristo, como se nos dixo no Xordán. Só escoitando o que Xesús ensina e imitando o que El fai, seremos dignos fillos de tan bo Pai. Xesús o é por xeración eterna. Nós sómolo por adopción gratuíta. Pola nosa condición de membros de Cristo, somos suxeitos dun amor preferente por parte do Pai Celestial, e dunha singular providencia por parte de Xesucristo, o noso Irmán maior. El é Deus e é home. Nós seguimos sendo humanos, pero polo bautismo quedamos incorporados a Cristo, e por esta incorporación temos a mesma dignidade que o propio Xesucristo, pero a nosa responsabilidade é tamén igual á súa, porque “nobreza obriga”.
Tomemos, pois, conciencia de que a misión dun cristián é idéntica á de Xesucristo: cristianizar o mundo, para que os seres humanos poidan adquirir a categoría de fillos de Deus e, como tales, asuman o Evanxeo como programa das súas vidas. Desta maneira, o clima social das nosas comunidades será mais fraternal e solidario e estenderase pola humanidade a caridade fraterna cos máis pobres e necesitados.
Indalecio Gómez Varela
Cóengo da Catedral de Lugo