Actos con motivo da solemnidade da Inmaculada Concepción da Virxe María

O sábado 7 de decembro ás 19 h na Parroquia de A Milagrosa, Lugo, celébrase a Vixilia da Inmaculada. A Delegación de Pastoral Familiar convida a participar neste acto ás familias lucenses.

O propio día da festividade da Inmaculada Concepción, o 8 de decembro na Catedral de Lugo celébrase unha Misa Solemne presidida polo Bispo da diocese. Intervén o Orfeón Lucense e ao finalizar a Eucaristía impártese a bendición Papal.

Institución de lector e acólito

O domingo 8 de decembro, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco conferirá os ministerios de lector e acólito ao seminarista Rubén Ponce Díaz. Será na capela do Seminario ás 19 h.

Rubén Ponce, naceu en Ferrol en 1989. Tras terminar a carreira de Dereito e pasar por un período de discernimento vocacional, comezou a cursar Estudos eclesiásticos no Seminario de Lugo. Actualmente realiza 5º curso na Universidade Eclesiástica San Dámaso, en Madrid.

Comunicado da Hermandad Obrera de Acción Católica (HOAC)


A HOAC rexeita que o dereito á saúde das persoas traballadoras sexa subordinado á primacía da rendibilidade

Para este movemento de traballadores da Acción Católica especializada, o fallo do Alto Tribunal é inxusto e está na lóxica de considerar ao ser humano «como un ben de consumo, que se pode usar e logo tirar», como denuncia o papa Francisco.

A Hermandad Obrera de Acción Católica (HOAC) considera que a sentenza do Pleno do Tribunal Constitucional, que permite o despedimento por causas obxectivas se hai faltas de asistencia xustificadas pero intermitentes, sitúa ás persoas traballadoras ante un maior sometemento nas condicións de traballo, e así outorga aínda unha maior prioridade ao criterio económico.

Para a HOAC, esta sentenza é claramente un retroceso ao traballo “libre, creativo, participativo e solidario” (Evangelii gaudium, 192) onde o ser humano expresa e acrecenta a dignidade da súa vida. Desta forma o traballo convértese nun lugar de opresión, determinado polas leis e normas establecidas para que as condicións laborais dos traballadores e as traballadoras se sometan ao criterio de rendibilidade, onde o que importa é a ganancia. Na orixe da sentenza está o redactado da reforma laboral do ano 2012 ao artigo 52. d do Estatuto dos Traballadores, que endureceu as condicións laborais ao suprimir a referencia ao volume de inasistencias total do persoal no centro de traballo. Desta forma, ademais da indefensión que provoca, culpabiliza á persoa por enfermar e ter «faltas de asistencia ao traballo, aínda xustificadas pero intermitentes, que alcancen o 20% das xornadas hábiles en dous meses consecutivos…» motivando así o seu despedimento obxectivo.

A HOAC considera, desde unha visión antropolóxica cristiá, inxusto este fallo, cando ademais sabemos que polas actuais condicións laborais que teñen principalmente os mozos e as mulleres, maioritariamente precarias, se converte nun motivo máis para relativizar a esixencia dun traballo decente.

Ao mesmo tempo, a HOAC realiza un chamamento ao próximo Goberno de España para que abra procesos que promovan transformar e alcanzar unhas relacións laborais que permitan un traballo digno e, con iso, un modelo de desenvolvemento máis inclusivo, sustentable e solidario.

Concerto de gospel na igrexa Santiago A Nova

O mércores 4 de decembro, na Eucaristía das 20 h da Parroquia Santiago A Nova (Lugo) participará cos seus cantos o cuarteto Kawá e ás 20:45 dará un concerto. Kawá intégrano 4 mozos ugandeses das zonas máis empobrecidas do país e está a realizar diversas actuacións por Europa. Os fondos recadados nos seus concertos destínanse a proxectos solidarios que favorecen o desenvolvemento da muller e a protección da infancia en varios países africanos (Benín, Costa de Marfil, Níxer e Uganda).

Presentación de Falando baixiño II, libro de Miguel Ángel Álvarez

O 2 de setembro a libraría La Voz de la Verdad acolleu a presentación do libro Falando baixiño II. Reflexións ó abeiro da fe, cuxo autor é o párroco da Fonsagrada, Miguel Ángel Álvarez.

O director da libraría, Javier Diéguez Diéguez, foi o encargado de abrir o acto, e fíxoo coas seguintes palabras:

“O contido do libro axúdanos a reflexionar sobre a realidade que está vivindo a Igrexa a comezos do século XXI e os retos que ten por diante.

“Os textos fálannos do labor evanxelizador de Miguel Ángel Álvarez, labor que fai de xeito orixinal, bastante creativo e eficaz. Consegue achegar o seu grao de area a esa tarefa eclesial, que se é diversa, é rica e polo tanto moito mellor.

“Hai unha característica común a todas as aportacións dos artigos de Miguel Ángel Álvarez, que é loable. Trátase da honestidade. Neste mundo no que importa é a imaxe, o ego que un ten, que alguén comparta con honestidade e con independencia de que lle guste aos demais ou non lle guste, é moi de loar. Na nosa Igrexa ás veces deixámonos levar pola imaxe, o eco social, a repercusión; por iso, é importante que alguén faga algo con honestidade. Así que hai que agradecer a Miguel Ángel Álvarez polo seu libro, pola súa constancia e pola súa honestidade”.

A %d blogueros les gusta esto: