O 1 de decembro deste ano o Papa Francisco publicou a Carta Apostólica, O fermoso signo do presebe, sobre o significado e o valor do belén. Nela escribe que unha das mellores formas de experimentar a alegría do Nadal e que expresa unha rica espiritualidade popular é o belén. O popular nacemento. O belén, afirma “é como un evanxeo vivo”. Así, “a contemplación da escena do Nadal convídanos a poñernos espiritualmente en camiño, atraídos pola humildade daquel que se fixo home para atopar a cada home. E descubrirnos que El nos ama até o punto de unirse a nós, para que tamén nós podamos unirnos a El”.
O belén fálanos do amor de Deus. Do Deus que se fixo Neno para dicirnos o preto que está de todos nós. Por iso é polo que, no medio dunha sociedade que trata de silenciar e ocultar a verdade do Nadal, o Papa aléntanos a pór o belén nos nosos fogares, nos lugares de traballo, nas escolas, nos hospitais, nas prazas. Ese signo relixioso evocaranos o que celebramos. Con todo, é curioso que en toda a cidade de Lugo non atopemos o nacemento en ningún lugar público, en ningún escaparate, rúa ou praza. Propaguemos para recuperar o sentido do Nadal esta popular e sinxela representación do Nacemento de Cristo.
A carta lembra que Cristo naceu nun presebe, lugar onde os animais van comer. Presebe, praesepium, lugar do alimento. O feno convértese no primeiro leito daquel que se revelará como “o pan baixado do ceo”. Un simbolismo, lembra Francisco, que xa san Agostiño, xunto con outros Padres, subliñara: “posto no presebe, converteuse en alimento para nós”. Alimento, pois, que nace en Belén e concrétase e perpetúa en alimento eucarístico. O encontro co belén permítenos e convida a recoñecer a presenza de Cristo como Pan Eucarístico. A Vida fíxose visible (1Xn 1,2). Así, nós, fillos da Cidade do Sacramento, non dubidamos en poñernos de xeonllos, adorar e recoñecer (como os pastores e Magos) a presenza de Cristo Vivo e Real na eucaristía. Nela o mesmo Señor agrdanos, fálanos, renóvanos o seu amor. Non é unha forma de falar: Xesucristo está realmente presente no Pan Consagrado. Tamén en Nadal adoramos e recoñecemos a presenza real de Xesús Eucaristía. Contemplemos a Xesús en Belén para estimar o seu amor, aínda maior, permanente na Eucaristía.
E non hai belén sen figuras de esmoleiros, pobres, xente do pobo de Belén. Xente que non coñece “outra abundancia que a do corazón” (Francisco). Na escola do presebe, en tempo de Nadal, e sempre, abramos o corazón a esta presenza sinxela e oculta de Cristo que nace pobre e encárnase nos pobres, sinxelos e excluídos do noso mundo. Nadal é a revolución da tenrura e do amor aos outros. Desde o Belén, Xesús proclama, con manso poder, a chamada a compartir cos irmáns un mundo máis humano e fraterno. Bo Nadal con Cristo no Belén e presente na eucaristía e os irmáns.
Daniel García García
Cóengo e párroco de San Lourenzo de Albeiros