Acompañar feridas interiores

Sen dúbida resultaralles rechamante saber que tras o 90% dos malos resultados académicos dos alumnos non se atopan dificultades intelectuais senón emocionais. E tras o 95% dos fracasos matrimoniais non se atopan problemas de incompatibilidade, infidelidades, senón que son manifestacións de feridas emocionais anteriores nunca resoltas. As nosas feridas emocionais e interiores, que proceden de non ser queridos, aceptados ou valorados, de que non se cubriron as nosas necesidades interiores, son a causa da maior parte dos problemas da vida adulta (laborais, de parella, de convivencia, sufrimentos persoais).

Somos feridos cando se produciu unha agresión ou unha carencia respecto da necesidade máis profunda que temos: a necesidade de amor. Necesitabamos de pai, nai, irmáns, profesores, amigos, amor, atención, respecto, agarimo, pero nalgunha ocasión recibimos desatención, burla, agresión, desprezo, acusación… Isto é o que produce a ferida.

Profesores, psicólogos, médicos, terapeutas, pais, nais e toda persoa que fai acompañamento a outras persoas, atopa unha situación á que debe dar resposta: as feridas interiores.

Dado que, en realidade, a saúde non é un concepto meramente biolóxico nin psíquico, quen acompaña a outros ha de saber como afrontar as feridas persoais do outro.

Igual que facemos cursos de primeiros auxilios para saber como afrontar feridas físicas, resulta imprescindible que fagamos algún tipo de formación en primeiros auxilios interiores, que nos permitan axudar ás persoas á súa recuperación e ao seu restablecemento integral.

Para a sanación afectiva das nosas feridas cómpre levar a cabo previamente un exercicio de fortalecemento, de coidado dun mesmo. Afrontar feridas é un traballo duro, polo que é necesario lograr unha certa fortaleza persoal que permita afrontar sufrimentos e reconstruír a vida. Unha parte importante do curar consiste en coidar. Unha maneira de curarse consiste en coidarse.

Por iso, é bo saber como favorecer o autocoidado, como recuperar o amor a un mesmo, como sandar as relacións cun mesmo e cos demais e como lograr fortalecernos o suficiente para poder ver os problemas como oportunidades para o crecemento.

E isto, que nos vén ben a todos, resulta urxente a quen se adicase ao acompañamento doutros, por traballo ou por vocación. A maior parte das nosas reaccións inaxeitadas, dos nosos medos, compulsións e bloqueos proceden de feridas que seguen presentes, de feridas ocultas que nunca dixerimos.

Xosé Manuel Domínguez

[Artículo original en castellano]

 Xosé Manuel Domínguez é un dos responsables do Encontro de pais que comeza o mércores 13 de novembro en Lugo (nas instalacións do colexio Divina Pastora) cos temas e a metodoloxía do Encontro de pais iniciado o pasado mes.

Seminario sobre “O sentido relixioso” (Luigi Giussani)

O luns 11 de novembro ás 20:30 h no Salón de actos do Seminario ten lugar a primeira asemblea sobre O sentido relixioso (Luigi Giussani). Trátase dun seminario dirixido por Ignacio Carbajosa e Alfonso Calavia e que se retransmite “en diferido”.

O luns 25 de novembro, no mesmo lugar e á mesma hora, exponse a segunda premisa “Responsabilidade” e a asemblea sobre o tema será o 16 de decembro.

Luigi Giussani, fundador do movemento Comuñón e Liberación, marcou unha época na educación cristiá, e o Curso Básico de Cristianismo foi e é un punto de referencia decisivo para miles e miles de persoas en todo o mundo.

Segundo Giussani o sentido relixioso sitúase no nivel da experiencia elemental de cada persoa, na que o eu faise preguntas sobre o significado da vida, da realidade, de todo o que sucede. Giussani fai descubrir o sentido orixinal de dependencia, que é a maior evidencia para o home de todos os tempos. O cristianismo ten que ver co sentido relixioso porque se propón como resposta imprevisible, pero plenamente razoable, ao desexo do home de vivir descubrindo e amando o seu propio destino.

Acende a chama. Actos de Mans Unidas

O xoves 7 de novembro na Eucaristía das 20 h na Catedral Mans Unidas Lugo organiza un xesto solidario de sensibilización, para que o apoio das xentes de Lugo ilumine o camiño de persoas que merecen unha vida mellor.

Trátase de promover o compromiso solidario para acabar coa fame e para potenciar o desenvolvemento integral dos países máis empobrecidos.

O mércores 6 o acto foi na Fonsagrada.

Xornada sacerdotal en Olbeira

LITURXIA E SACERDOCIO é o título das Xornadas Sacerdotais que as Asociacións Social e Cultural Cruceirinho de Vigo e Porta do Camiño de Santiago de Compostela, organizan na Casa de Convivencias Olbeira.

A Xornada terá lugar o martes 12 de novembro e comezará ás 11.00 horas. Consistirá en dous relatorios a cargo de Monseñor José Rico Pavés, Bispo Auxiliar da Diocese de Xetafe e Doutor en Teoloxía Patrística acerca da Oración litúrxica do Sacerdote, e de D. Félix Arocena Solano Profesor de Teoloxía Sacramentaria da Facultade de Teoloxía da Universidade de Navarra, e autor de numerosas publicacións sobre Liturxia, que falará das anáforas do Misal Romano.

Ambos os relatores teñen unha gran experiencia académica, e numerosas publicacións nos temas que trata a Xornada, sendo autores de referencia destas materias tan básicas para a vida dos sacerdotes.

A Xornada completarase cunha mesa redonda ás 15.15 h onde os autores manterán un diálogo cos asistentes a estas Xornadas.

A inscrición pode facerse a través de SMS ou de WhastsApp ao 686 541 212 e 670 903 331.

O modo de chegar a Olbeira pode verse en www.olbeira.org.

Santiago dum cor nu

Recordo cando era seminarista don Jesús Guerra, sendo director do museo diocesano de Lugo, instalado daquela no primeiro piso do Seminario, nos propoñía sintagmas ou construcións latinas que aparentemente parecían sacadas dunha gramática de iletrados. A cambio de conseguir descifrar aquel enigma tamén nos facía algún que outro agasallo de valor parecido ó destas frases. Unha delas era esa: Santiago dum cornu. E de aí que esta frase pódenos orientar para vivir esta solemnidade que celebramos nestes días: “Tódolos Santos” ou todos os que pasaron pola vida facendo o ben e que están no ceo pregando por nós, que é o contrario a estar penando. Estes milleiros de persoas que pasaron pola vida facendo o ben tiñan ben clara a meta a onde querían chegar, pero non se renderon, e permaneceron nesa vocación á santidade. Non é que eles —os santos— desatenderan as realidades que lles tocaran vivir senón máis ben enchéronas de contido e sentido, integráronas nas súas vidas. Eles mentres —dum— camiñaron/nadaron, que é a traducción de nu, por este mundo fixeron —ago— corazón —cor— de santo —Santi—.
Aínda queda na nosa retina a imaxe dun santo, que por segundo ano consecutivo ocupa un anaco de tempo na nosa diocese (o sábado 26 de outono celebramos o 201 aniversario). Falamos de San José María de Suegos (1818-1857). Ó noso entendemento parecenos unha empresa imposible ir a un mundo descoñecido a falar da fe, algo tan íntimo e tan persoal. No caso del tiña ben claro que estaba chamado polo mundo das misións, que a súa meta non estaba aquí na terra, nin na súa propia terra. Tiña a convicción de que a súa vida cobraba sentido entregándoa a servir a Deus na ceifa do mundo. San José María escolleu ser misioneiro, unha profesión que non era habitual na súa familia. O normal era que el sendo o primoxénito, Díaz Sanjurjo quedara ó fronte da súa casa. O ser eclesiástico era algo que lles correspondía a algún dos segundos ou terceiros fillos. Claramente el non era o tipo de persoa que se conforma ou lle interesase ser eclesiástico, facer carreira. Podería escoller ser capelán da capelanía que pertencía á súa familia, ou gozar dun beneficio parroquial, ou mesmo ser sacerdote patrimonial. Pero tiña claro que a el iso non o enchía. O contacto coa orde dominicana, presente na cercana Montecubeiro, alimentou os seus desexos de servir a Deus nas misións. Nin mesmo o ser bispo entraba dentro das súas expectativas. Sabía o que significaba selo naquelas latitudes — Ton Kin, hoxe Vietnam —: que tarde ou cedo virían a por el, porque era o líder daquel vicariato e que ós seus antecesores pasáralles o mesmo. Era a cabeza visible dunha igrexa. El non perseguiu nada mundano nin mesmo que lle arrebataran a vida dun espadazo. El estaba convencido de que o seu destino era vivir con autenticidade o mandato de Xesús, “ide e facede discípulos”, de comunicar a Boa Nova á todalas criaturas.
Son os que connosco camiñan os que perciben signos que nos poden facer caer na conta que de que estamos a falar diso: de santidade, de autenticidade. O certo é que a historia en cada época produce persoas xeniais, persoas que nos demostran que é posible facer da nosa casa común, o mundo, un fogar onde todos poidan ser felices. Vivir desa maneira encarnando na nosa realidade a Palabra de Deus é unha tarefa que nos leva toda a vida. Despois outros serán os que recoñezan os nosos valores, a nosa santidade.

Óscar G. Murado
Director Archivo Diocesano de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: