Outro ano que remata

Si, así é: outro ano que remata. Este domingo é o día de Xesucristo, Rei do Universo, e con esta celebración pomos fin ao ano cristián, que non ao civil.

O ano litúrxico é a gran oportunidade que temos os cristiáns de ir configurándonos con Xesucristo, á vez que celebramos os distintos momentos da súa vida na terra coa esperanza de participar tamén un día da súa resurrección.

As persoas adoitamos marcarnos metas cando comeza un novo ano ou curso. Pero os cristiáns só temos un obxectivo para cada novo ano litúrxico que comeza: parecernos cada vez máis a Xesucristo.

Neste último día do ano contemplamos a Xesucristo como Rei do Universo. A Igrexa pono por riba do meirande que coñecemos, o universo, do que aínda non sabemos os seus límites, pero sexan cales sexan, Xesucristo sempre será superior.

Este Rei que agora contemplamos, como vos dicía, no máis alto do universo e vencedor da morte, foi quen antes se fixo moi pequeno e humilde para poder salvarnos. Abonda lembrar como foi o seu nacemento na pobreza, e o abandono que sufriu na cruz, despois de todos os desprezos recibidos.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Texto original]

Novenas na honra da Virxe Milagrosa

A Parroquia de San Froilán (Lugo) celebra até o 27 de novembro unha solemne Novena na honra da Santísima Virxe da Medalla Milagrosa, que preside o reitor do Seminario D. David Varela.

O horario é o seguinte:

19:15 h Santo Rosario e exercicio piadoso da Novena

19:30 h Celebración eucarística

O día 27, festa da Virxe da Medalla Milagrosa, celébrase Misa solemne ás 19:30 h.

Pola súa parte, na igrexa da Milagrosa (Lugo) celébrase do 19 ao 27 de novembro a Novena na honra da Virxe Milagrosa:

– Rezo do Santo Rosario ás 19:00 h. (Domingos ás 18:00)

– Eucaristía ás 19:30 h (Domingos as 18:30)

– Exposición do Santísimo despois da Misa: martes 19, venres 22 e martes 26

– Confesións de 19 a 19:30 h (Domingos de 18 a 18:30).

– Ofrenda Floral á Virxe o 27 de novembro

Encontro Diocesano de Laicos en Lugo

O sábado 16 de novembro tivo lugar en Lugo o Encontro Diocesano de Laicos de Pre-congreso “Pobo de Deus en saída”. Foi no Seminario desde as 10 h até as 17 h.
Trala acollida e un momento de oración, houbo catro representantes doutras tantas realidades diocesanas que expuxeron comunicacións relacionadas cos itinerarios do Congreso: primeiro anuncio (movemento neocatecumenal), acompañamento (pastoral da mocidade), procesos formativos (Acción Católica) e presenza na vida pública (HOAC). A continuación traballouse en grupos para despois poñer en común o tratado.
E concluíuse cunha celebración onde se visualizaron as achegas de movementos (Lexión de María, HOAC, UER, GOA, Hospitalidade Diocesana de Lourdes, Adoración Nocturna Feminina e Alianza en Xesús por María) e parroquias (A Fonsagrada, San Xosé das Gándaras, San Antonio de Padua de Lugo, Santiago A Nova, O Bo Pastor). Esta celebración fíxose seguindo os sucesivos momentos do episodio de Emaús.

Depresión: funciona a terapia?

Os estudos sinalan que unha porcentaxe alta de doentes (80%) que acoden ás consultas de Atención Primaria referindo dor inespecífica, padece algún tipo de trastorno depresivo non diagnosticado ou presentan ansiedade. A abordaxe destes trastornos na atención primaria é unha demanda urxente do persoal sanitario. Sabemos que as terapias psicolóxicas baseadas na evidencia son medidas eficaces e eficientes para o tratamento de problemas leves e moderados de ansiedade e depresión. Segundo un informe británico, a intervención psicolóxica debería ofertarse a todas as persoas que presentan depresión e ansiedade, dado que é eficaz e preferible fronte a prescrición de fármacos. Se ben a curto prazo a terapia e o uso de fármacos presentan unha eficacia semellante, a longo prazo é a terapia psicolóxica a que ten demostrado manter os seus efectos.
En Galicia a asistencia psicolóxica no SERGAS é insuficiente. Actualmente falamos dunhas listas de espera de 6 meses en atención a adultos e as sesións non poden ter a periodicidade desexada para o tratamento.
Cando unha persoa acode a terapia por depresión gústame preguntarlle como representaría a súa dor: unha lousa que me poñen enriba, un peso no peito terrible, algo dentro que non me permite acougo, un monstro, etc. que nos dan idea do sufrimento que viven. As imaxes son importantes e ás veces serven para matizar como as persoas viven os diagnósticos. Non é o mesmo falar de “depresión endóxena” (que suxire algo interno, inmutable) que falar do “vestido da depresión” (que agora teño, pero hai días ou momentos que non). Algunhas imaxes poden ser máis axeitadas ca outras para dirixirnos ao cambio. Ás veces o entorno non comprende a enfermidade e procuran animar, restar importancia, insistir en facer actividades. Son actitudes que fan sentir á persoa incomprendida.
A terapia pode ser liberadora para a persoa e para os seus familiares e amigos. Pode servir para comprender mellor a enfermidade, para observar que solucións intentadas son nocivas e por onde alentar os cambios. As sesións dan protagonismo a quen sofre en primeira persoa pero tamén buscan a colaboración das outras persoas achegadas. A actividade no proceso terapéutico é unha das claves, pero coa necesaria sensibilidade de adaptarse á persoa e ir dando pasos pequenos. Reforzamos os logros e xeramos conversas que traballen o locus de control interno. Isto significa atribuír os cambios ás cousas que facemos, que son a nosa responsablidade, e así recuperar poder sobre o que sentimos e pensamos.
Agradezo moito un agasallo fermoso que me fan as persoas que pasan pola miña consulta. Pídolles que me conten a través dunha carta como foi o seu proceso, é dicir, como vivían coa depresión e como viviron o camiño ata a superación. Son cartas que, co seu permiso, logo podo reler a outras persoas e que dan esperanza cando aínda non se ve a luz ao final do túnel.

Cristina Bandín.

Psicóloga no Centro de Orientación Familiar diocesano de Lugo.

Xornada mundial dos pobres

Obxectivos da Xornada

– Redescubrir o valor de estar xunto ás persoas máis pobres e vulnerables das nosas comunidades, a través da oración comunitaria e o banquete da Eucaristía, como expresión da mesa compartida en familia.

– Promover que a comunidade cristiá sexa signo de esperanza para as persoas pobres, a través de xestos sinxelos e cotiáns nos que se vexan acompañados e acollidos como persoas con dereito ao seu propio lugar.

A comunidade cristiá ten a misión de anunciar a Boa Nova do Evanxeo de Xesús, encarnar a súa mensaxe e adherirse ao seu estilo de vida. Isto pasa por axudar, acompañar, protexer, defender e salvar aos máis pobres e débiles.

Todas as persoas que integran os distintos proxectos parroquiais, arciprestais e diocesanos, participarán de forma activa e conxunta na preparación e desenvolvemento da Eucaristía, dando un espazo explícito de participación ás persoas dos proxectos e/ou colectivos máis vulnerables da comunidade.

[Materiais]

A %d blogueros les gusta esto: