A Misa tamén é para os vivos

A ver como o digo. Cando nas parroquias avísase de que a Misa de tal día é por tal persoa, xa sabes que ese día vai estar a igrexa chea. Non falla, é así. De igual xeito, na Misa diaria en moitas igrexas da cidade ou das vilas a afluencia de fieis está marcada polas intencións de misas que estean anunciadas.

Non vou ser eu o que diga que non serven de nada as misas polos defuntos. Non o digo porque ben sei que é o mellor que podemos facer por eles: rezar e ofrecer a santa Misa. Lémbranolo un texto do Segundo Libro dos Macabeos que se le con moita frecuencia nas misas de exequias: «É unha idea piadosa e santa rezar polos defuntos para que sexan liberados do pecado». E en moitas ocasións o mesmo Xesucristo convídanos a pedir con insistencia ao seu Pai aqueles que necesitamos.

Tamén me vexo na obrigación de lembrar que en todas, repito, en todas as misas de calquera día do ano e por calquera motivo, pídese sempre por todos os defuntos. Polo xeral, a parte final das distintas pregarias eucarísticas sempre está reservada para pedir polos defuntos: por algún en concreto e sempre por todos.

Lembro estas cousas porque teño a impresión de que moita xente pensa que as misas só son actos para lembrar aos defuntos ou para pedir por eles.

Dito isto, hai que lembrar que as misas son tamén, e sobre todo, para os vivos. Somos nós, os que aínda peregrinamos por este mundo, os que máis estamos necesitados da graza de Deus.

Se boto a mirada cara atrás e, simplemente, fago un pequeno recordo de persoas falecidas que coñecín, sexan da miña familia ou non, decátome perfectamente de que son eu o que necesito moito máis da graza de Deus que todos estes defuntos que coñecín. Xa saben aquilo de que «Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra» (Xn 8, 7b). Supoño que moitos de vós estaredes a pensar en que os vosos pais ou avós eran moito mellores que vós.

Se observo a miña vida e fago un simple exame de conciencia vexo claramente que os supero a todos en debilidade e pecado. Por tanto, son eu o que de verdade necesita ir a Misa para que Xesucristo repare o meu corazón ferido polo pecado. Tamén o di o mesmo Cristo con outras palabras: «Non teñen necesidade de médico os sans, senón os enfermos» (Mt 9, 12).

Se lemos calquera formulario para a celebración da Eucaristía que trae o Misal veremos que, como dixemos máis arriba, sempre hai unha parte na que se pide polos defuntos (se a Misa é de exequias todas as oracións son os polos defuntos), pero todos os demais momentos da celebración están pensados para os vivos: para pedir perdón; para escoitar a Deus que nos fala pola súa Palabra; para pedir polas necesidades do mundo; para dar grazas por todo o que nos concede Deus; para alimentar e fortalecer a nosa vida espiritual; para pedir polos demais, para invocar a protección de Deus; para pedir a intercesión dos santos e que imitemos o exemplo da súa vida…

Por iso, aínda que lembremos na Misa con todo o afecto aos nosos defuntos, non podemos ser tan inxenuos como para pensar que nós non necesitamos de nada a Deus. E moito menos, podemos caer no colmo de ir a un funeral e non lembrarnos para nada do defunto, reducindo todo a un mero acto social ao que nos consideramos obrigados a ir para que nos vexan.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

Original en castellano

Imaxe: Exe Lobaiza

As reliquias de Santa Bernadette chegan a Lugo

Con motivo da celebración o 175 aniversario do seu nacemento e o 140 da súa morte, as súas reliquias percorren Europa.

A urna coas reliquias de Santa Bernadette, tamén coñecida como Santa Bernardita, que se conserva no Santuario de Lourdes, permanecerá en Lugo do 11 ao 13 de setembro. O relicario estará na igrexa de San Froilán (Lugo), templo onde ten lugar todos os anos a Novena que en honra á Virxe de Lourdes organiza a Hospitalidade Diocesana de Lourdes de Lugo, que é a organizadora tamén desta visita á Diocese lucense das reliquias.

A peregrinación das reliquias de Santa destínase, sobre todo, ás persoas que non poden desprazarse ao Santuario por diversos motivos.

O relicario, que foi bendicido fai un par de anos e foi destinado para desprazarse, é de estilo neogótico, inspirado na arquitectura do Santuario de Lourdes.

Programa

Mércores 11 de setembro 2019

12 h – Recepción das reliquias de Santa Bernadette na parroquia de San Froilán. Preside o Sr. Bispo

12:30 h – Santo Rosario (Misterios Gloriosos)

13 h – Exposición do Santísimo. Veneración das reliquias e oración persoal.

16:30 h – Proxección do audiovisual Sta. Bernadette e as aparicións.

17:30 h – Charla-testemuño sobre a santa e Lourdes

18 h – Tempo de veneración das reliquias e oración persoal.

Ler máis

Peregrinación a Terra Santa

Baixo o título “Peregrinación a Terra Santa, a viaxe que che fai pensar”, as parroquias Santa Mariña de Chantada e A Estación de Monforte de Lemos organizan do 10 ao 17 de setembro unha peregrinación a Israel. O guía espiritual será o franciscano Francisco Castro Miramontes e o programa o seguinte:

  • 10 de setembro. Saída de Monforte, Chantada e Lugo

  • 11 de setembro: Tel Aviv – Monte Carmelo – Caná – Nazaret – Tiberiades

  • 12 de setembro: Tiberiades – Tabgha – Cafarnaum – Monte Tabor

  • 13 de setembro: Tiberiades – Río Xordán – Mar Morto

  • 14 de setembro: Xerusalén

  • 15 de setembro: Belén

  • 16 de setembro: Xerusalén

  • 17 de setembro: Regreso a Galicia

Semana de Formación Permanente dos Cregos de Galicia

A XXVII Semana de Formación Permanente dos Cregos de Galicia celébrase no Mosteiro de Poio entre os días 10 e 12 de setembro co título “Xuventude: Comuñón e comunicación. Retos para unha tarefa evanxelizadora”

Martes 10

11 h Acollida

11:30 h Oración inicial e presentación das Xornadas

12 h Primeiro relatorio: “Xuventude e fe” Mons. Luis Argüello García, Bispo Auxiliar de Valladolid e Secretario Xeral da Conferencia Episcopal Española

13 h Diálogo

16:30 h Segundo relatorio: “Xuventude e fe” Mons. Luis Argüello García

18 h Descanso

18:30 h  Terceiro relatorio: “Retos para o ministerio sacerdotal” D. Carlos López Segovia, Vicesecretario da Conferencia Episcopal Española para Asuntos Xerais

20:30 h Vésperas – Eucaristía

22:30 h Cineforum D. José Gabriel Vera Beorlegui de MCS da Conferencia Episcopal Española

Mércores 11

8:30 h Laudes – Eucaristía

10:30 h Cuarto relatorio “A comunicación na Igrexa” (ad intra e ad extra)

D. José Gabriel Vera Beorlegui, de MCS da Conferencia Episcopal Española

Diálogo.

12 h Descanso

12:30 h Obradoiros:

– “Novas tecnoloxías e misión evanxelizadora”, D. José Carlos Alonso e D. Manuel Blanco

– “A pastoral vocacional, hoxe”, Delegacións de Pastoral Vocacional de Galicia

– “Cáritas e voluntariado xuvenil”, Delegacións de Cáritas en Galicia

15:30 h Excursión – convivencia

Xoves 12

8:30 h Laudes – Eucaristía

10:30 h Quinto relatorio: “A formación permanente do clero: un reto cara ao futuro”, por Mons. Jesús Fernández, bispo auxiliar de Santiago  

Diálogo

12:30 h Mesa redonda: Camiños a seguir a partir da exhortación apostólica Christus vivit

13:30 h Clausura das Xornadas

«Teño que ir a un funeral»

Do tema funerario sabemos moito os curas, pero non só os curas. En Galicia consérvase o bo costume de «estar» á beira de quen perdeu un ser querido. Por iso os funerais celébranse case sempre coa asistencia masiva de veciños e amigos. Tamén se dá a coñecer a noticia do falecemento de alguén por todos os medios: necrolóxicas murais nos lugares habituais da localidade, as que se publican en prensa ou radio e, ultimamente, tamén nas redes sociais e por correo electrónico.

Os curas temos que estar sempre dispoñibles para cando xorde un funeral e facelo o día e á hora que a familia considera mellor. Non importa que haxa outra cousa na axenda. Todo queda en función da vontade da familia. Por suposto que ninguén quere unha Misa de funeral antes das doce da mañá nin despois das cinco ou sete da tarde, dependendo de se estamos no verán ou inverno. O mesmo sucede cos aniversarios. E o rosario ou Misa de velorio tampouco ninguén os quere antes das oito da tarde para que poidan vir os que traballan até esa hora.

Podería contar aquí unha ducia de anécdotas relacionadas coa data e hora de funerais de enterro e aniversarios polas que non saberiamos se rir ou chorar, a pesar do delicado do asunto.

Con esta descrición das cousas que acabo de facer pode concluírse doadamente que o defunto é o que menos nos importa nun funeral. E isto xa sería o colmo dos colmos. Pero nesas estamos. Xa sei que o defunto pertence a unha familia e que nestes casos todo vai unido. Pero tamén é certo que todo o que se fai é en función da familia e dos amigos da familia: «para que poidan vir».

Entón, que pasa co defunto?, que beneficios teñen para el os pésames en forma de abrazo, firma ou tarxeta (agora tamén por correo electrónico) que se lle dan á familia? Por certo, o momento da paz e da comuñón da Misa non é para dar o pésame á familia, que tamén hai moito disto: persoas que non van nunca a Misa e ese día van e, ademais, comulgan, asegurándose así de que os viron os da familia.

Insisto, teñamos coidado de non esquecer o defunto cando imos a un funeral. Unha cousa é o acompañamento á familia, que o temos claro, e outra cousa é o que podemos e debemos facer por unha persoa cando rematan os seus días neste mundo.

Se somos cristiáns e imos á celebración dun funeral cristián, a primeira cousa que temos que facer é pedirlle a Deus que sexa misericordioso co defunto por quen estamos alí e que lle conceda a vida eterna. E a segunda é a de facer memoria do defunto ante Xesucristo. Isto faise participando como se debe na Eucaristía, estando con actitude de oración e cun silencio respectuoso tanto no interior da igrexa como na procesión cara ao cemiterio e no momento da inhumación.

O do silencio respectuoso serve tamén para os non cristiáns e para os funerais civís. É que, ademais, sabemos como facelo. O mesmo silencio e respecto que hai cando se trata da morte dun mozo tamén debe habelo cando é unha persoa maior.

Cando vaiamos a un funeral non vaiamos só por quedar ben coa familia, vaiamos tamén polo defunto que necesita das nosas oracións. Se o facemos así, todo será moi distinto.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Original en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: