Cata de viños no claustro da Catedral de Lugo

O claustro da Catedral de Lugo acolle unha cata de viños galegos organizada por Vinissi Galicia.

Será o venres, 19 de xullo, ás 20 h. Comézase cunha breve exposición sobre as características do claustro. A duración da cata é de 1h 30.

É imprescindible apuntarse enviando nome, apelidos e correo de contacto a vinissigalicia@gmail.com

Celebracións na Capela do Carme, Lugo

O 16 de xullo a Capela do Carme (Lugo) acolle as celebracións en honra á Virxe María do Monte Carmelo. Pola mañá hai misas cada hora a partir das 9 e ata as 12, cando é a Misa Solemne e trala cal quedará exposto o Santísimo.

Pola tarde, a partir das 19:30 h sucédense os seguintes actos: rosario, novena, Misa presidida por Mons. Alfonso Carrasco e procesión.

Para seguir a Eucaristía instalaranse dúas pantallas de televisión e cadeiras diante do templo.

A procesión discurrirá pola rúa do Miño, a Praza do Campo, a Rúa Nova e a Praza da Soidade, onde o grupo de gaitas Nubeiro e o coro Cantabile interpretarán unha composición en honra á Virxe. Con relación a anos anteriores, hai unha ampliación do percorrido da procesión, que tamén inclúe como novidade que os costaleiros portadores da imaxe da Virxe e os que levan a cruz e os ciriais irán ataviados con túnicas brancas. Trala procesión, Mons. Alfonso Carrasco imporá o escapulario a quen o desexe.

O 17 de xullo ás 19:30 h celébrase unha Misa polos confrades defuntos.

De graduados, xuras e padriños

Quen non se parou a mirar máis dunha vez as orlas que colgan nos despachos dos médicos? Quen non ensinou con orgullo á súa familia e aos seus amigos a orla de graduación do seu fillo?

Este tipo de actos só se facían cando un terminaba os estudos universitarios. Pero dun tempo para acó, tamén se prodigaron a outros niveis de estudos: até os nenos que terminan a Educación Infantil fan o seu acto de graduación. Abonda cun computador e impresora para montar un acto de graduación nun airiño.

Quizais se poderían comparar as graduacións das distintas etapas da vida académica coa recepción de sacramentos, despois dun período de formación catequética, pero hai unha gran diferenza.

Cando un universitario se gradúa é para vivir daquilo para o que se estivo a preparar durante os anos de universidade. Non tería lóxica que unha persoa estudase Medicina para despois dedicarse a outra cousa.

Con todo, na catequese e os sacramentos estamos afeitos a ver o contrario. No caso da Primeira Comuñón, na maioría dos casos, máis ben trátase de facer a primeira, a única e a última comuñón, pois os nenos non volven a misa nunca máis, se é que algunha vez viñeron con certa regularidade.

Moitos pais envían aos seus fillos á catequese para recibir os sacramentos da Eucaristía e a Confirmación, pero moitos deses nenos nunca van vivir dos sacramentos recibidos. É «graduarse» e non volver querer saber absolutamente nada daquilo para os que se estiveron preparando durante anos.

Por unha banda, case comprendo que uns pais polos seus fillos fan o que sexa, e se hai que facer unha festa, aínda que para eles sexa anacrónica e sen sentido, faise; ou tamén por iso de que «sempre se fixo así»; ou por se hai unha mínima dúbida de que «algo que ten que haber».

Pero por outra banda non entendo como alguén pide ou desexa algo que ten claro que non vai usar nunca. A quen se lle ocorrería ir a unha tenda comprar algo que non desexa, nin necesita, nin vai usar nunca?

Cando só importa o evento social tamén se explica o tema da elección dos padriños: para que se vai a esixir que estean confirmados e en condicións de ser padriños?

Volvo con outro exemplo, neste caso do mundo xurídico, que tamén se repetirá con frecuencia durante os próximos días. Refírome ao acto de xura da Constitución dos novos avogados, para o cal tamén escollen como padriño a un avogado amigo e experimentado. As condicións para esta misión de apadriñamento son obvias: ten que ser un experimentado avogado e ao mesmo tempo alguén próximo e querido para o novo letrado. Independentemente do que digan as normas para este tipo de actos, a ninguén se lle ocorrería levar de padriño ao seu amigo da alma da infancia e mellor persoa pero que non é licenciado en Dereito. Para ser avogado necesita as indicacións dun avogado, non as dun amigo.

Entón, por que escollo para o meu fillo uns padriños que non están en condicións de ser padriños? Se o fago así é que o bautismo do meu fillo e a súa educación cristiá impórtame pouco. Do mesmo xeito que no caso anterior, se quero que o meu fillo sexa cristián (por iso é polo que o bautizo) tamén quererei que os seus padriños sexan persoas que, ademais de boas, reúnan as condicións para que axuden ao meu fillo a ser un bo cristián. Non se xulga a bondade ou maldade das persoas, senón que estean en condicións de desempeñar a misión que lles é propia.

Nos tempos de hoxe non estamos para perder o tempo nin para facer cousas nas que non cremos. Non xoguemos cos sacramentos.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Texto original en castellano]

Vixilia da Adoración Nocturna conmemorativa do bicentenario do nacemento de Luis de Trelles

O sábado 13 de xullo, clausúrase o Curso de Verán da Fundación Luis de Trelles coa celebración na igrexa compostelana de San Francisco dunha solemne vixilia da Adoración Nocturna Española da Zona de Galicia, conmemorativa do bicentenario do nacemento de Luis de Trelles. Presidirá a Vixilia o arcebispo de Santiago Mons. Julián Barrio Barrio.

O Consello Diocesano da Adoración Nocturna de Lugo porá a disposición de todos os adoradores os autobuses necesarios para a viaxe, que sairán, o citado día 13, ás cinco da tarde, desde a Praza de Dinán (detrás da estación de autobuses) con paradas na Ronda, e na Fonte dos Ranchos.

Para máis información e reserva de prazas, chamar o 10 de xullo de 11:30 a 12:30 h ao teléfono 982 060 941

José Carlos Alonso Seoane fala dos 350 anos da Ofrenda de Galicia ao Santísimo

Na sección “Matices” do programa “Polo camiño da fe” (TVG, 07/07/2019), José Carlos Alonso Seoane referiuse aos 350 anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento na Catedral de Lugo:

Cando os suevos ocuparon Galicia, falouse da creación do primeiro estado europeo. O catolicismo espallábase por toda a Península e en Lugo naceu a adoración permanente ao Santísimo Sacramento, 24 horas, 365 días. Para iluminalo con candeas día e noite solicítase ao Antigo Reino de Galicia unha pequena axuda económica. Este accede no 1669. Acordouse tamén que se celebrase unha Misa con procesión e foi incorporándose, en gratitude, unha ofrenda litúrxica levada a cabo cada ano por un representante dunha das 7 capitais do Antigo Reino galego. Están a cumprirse os 350 anos desa Ofrenda. Ademais do milagre eucarístico do Cebreiro, a bandeira galega amosa as 7 cruces, unha por cidade, unidas en torno ao divino misterio eucarístico. 

A sección “Matices” que aquí se acaba de transcribir forma parte do programa da Televisión de Galicia Polo camiño da fe, que na súa última edición trata sobre a Ofrenda de Galicia ao Santísimo. Para falar sobre a cuestión entrevístase ao historiador da arte Marcos Calles e ao xornalista Xulio Xiz. Ámbolos dous teñen amplos coñecementos sobre o tema e de feito Marcos Calles é o asesor histórico da exposición itinerante “350 anos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na Catedral de Lugo” e Xulio Xiz é o director da devandita exposición. 

Desde aquí o agradecemento e recoñecemento a Marcos Calles e Xulio Xiz pola súa permanente disposición a colaborar desinteresada e eficazmente coa Diocese lucense e a invitación a ver o programa televisivo no seguinte enlace:

[Ver programa completo]

A %d blogueros les gusta esto: