Actos con motivo da Ofrenda de Galicia ao Santísimo

Solemnes Vésperas

Sábado 29 de xuño na Catedral de Lugo ás 20 h

Celebración das Solemnes Vésperas na Catedral de Lugo con asistencia da Corporación Municipal lucense, Cabildo catedralicio e o Oferente.

 

Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento

Domingo, 30 de xuño na Catedral de Lugo ás 12 h

Solemne concelebración eucarística presidida polo Bispo de Tui-Vigo, Mons. Luis Quinteiro Fiuza, que recibirá a Ofrenda, e o delegado oferente será o alcalde da cidade de Tui.

Summa poética 2019

O sábado 29 de xuño ás 18:30 no claustro da Catedral terá lugar un acto poético musical. A parte literaria consistirá nun recital Coroa poética para o Santísimo, con autores como o Licenciado Molina, Valentín Lamas Carvajal, Angel Johán, Xosé María Díaz Castro, Calderón de la Barca, Ángel Garrote, Luis Romero Porras, Manuel Rodríguez López, Luz Pozo Garza, Enrique Saavedra Lastra, Evaristo Correa Calderón, María Rosa de Vega Araújo.

Na parte musical, o grupo de jazz Trimensión interpretará varias pezas.

Camiño contemplativo

O 28 de xuño ás 18 h ten lugar o último dos Camiños contemplativos que veu organizando este curso a Delegación de Apostolado Segrar. Baixo o lema “Memoria agradecida. 350 anos de Ofrenda ao Santísimo” faise un tramo do Camiño Primitivo en sentido contrario: sáese da Ponte Romana, para estar na Capela do Carme ás 19h e ás 19:30 h na Catedral, onde se participará na Novena na honra ao Santisimo.

Conferencia sobre a historia da Ofrenda de Galicia ao Santísimo

O venres 28 de xuño ás 18 h na Capela do Bo Xesús da Catedral de Lugo, Marcos G. Calles Lombao pronunciará a conferencia Galicia ante el Santísimo: tres siglos y medio de historia de la Ofrenda. Tratará sobre a vinculación do Reino de Galicia e o sacramento da Eucaristía a través da Ofrenda, na que se mostra un dos principais signos da identidade cristiá de Galicia, que é a súa devoción polo Santísimo Sacramento da Eucaristía, feito presente no seu propio escudo.

Exposición Gallaecia Regnum con motivo do 350 aniversario da Ofrenda ao Santísimo

A exposición Gallaecia Regnum poderá verse ata despois do verán na Capela de San Froilán da Catedral de Lugo a partir do venres 28 de xuño. É unha viaxe a través dos tres séculos e medio de historia da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento utilizando por iso unha coidada selección de pezas de máximo nivel histórico e artístico, sendo varias delas mostradas en público por primeira vez.

Entre a selección de pezas de ourivaría está a Custodia que Diego Castejón e Fonseca regalou en 1636 e que foi a utilizada na primeira cerimonia da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo; tamén dous cálices esmoleiros da segunda metade do século XVIII, así como pezas de ourivaría doutras zonas da Diocese de Lugo, como unha cruz procesional de prata do século XVII de San Pedro de Sindrán (Monforte de Lemos) ou un acetre de prata do Santuario do Corpiño.

A exposición inclúe tamén un importante conxunto de documentos de arquivo, todos eles do Arquivo da Catedral de Lugo, incluíndo actas capitulares do século XVII ou os libros das Confrarías do Santísimo Sacramento dos séculos XVII, XVIII e XIX. Tamén se exporá unha Real Cédula do século XVIII cun donativo para o Santísimo Sacramento exposto na Catedral de Lugo.

Entre a selección de pezas hai tamén téxtiles, como a capa pluvial do Arcebispo de Santiago Bartolomé de Rajoy, presente na inauguración, hai 250 anos, do Tabernáculo de mármore da Capela Maior.

A exposición tamén contará unha selección de textos históricos e un vídeo que lembra o acontecido no 300 aniversario da Ofrenda, no ano 1969.

A %d blogueros les gusta esto: