O 10 de maio ás 11:30 h no salón de actos do Seminario comezan os actos de celebración da festa de San Xoán de Ávila, cunha conferencia titulada “San Juan de Ávila, maestro de la Eucaristía”, por Francisco Javier Díaz Lorite, párroco de Sta. María Madre de la Iglesia (Jaén). Ás 13 h na Capela do Seminario Maior celebrarase unha Eucaristía. Este ano cumpren 50 da súa ordenación presbiteral os sacerdotes da imaxe que ilustra esta entrada. E cumpren 25 anos o misioneiro comboniano Juan Antonio Fraile Gómez (cura de Palas de Rei) e Eduardo Funcasta Teijeiro (párroco do Sagrado Corazón, Lugo).
Mes: Maio 2019
Ordenacións diaconais en Lalín
O vindeiro 12 de maio a igrexa parroquial de Lalín acollerá o rito de ordenación diaconal do lalinense Alejandro Asorey e o lucense Carlos Jesús Sánchez, seminaristas desde o ano 2007. A celebración comezará ás 7 da tarde e estará presidida polo bispo Mons. Alfonso Carrasco, acompañado do reitor do Seminario Diocesano David Varela, os formadores e un bo grupo sacerdotes.
O feito de celebrarse as ordenacións fóra da cidade de Lugo, onde se fan habitualmente, é un recoñecemento ao traballo feito en favor das vocacións sacerdotais nas comunidades do arciprestado de Deza e aproveitando o ano do centenario da inauguración da igrexa parroquial de Lalín.
Sobre o voto católico e as recentes eleccións
É pronto para extraer algunhas consecuencias sobre os resultados do 28 A no que poidan afectar á conciencia cristiá católica e á misión da Igrexa na sociedade española. Con todo, si se poden prever algunhas consideracións. Fronte á necesaria secularización da sociedade e á correcta laicidade, algúns analistas políticos falan xa dunha nova axenda laicista cargada de cristianofobia e mesmo de rexeitamento do fenómeno relixioso. Unha axenda que, se así fose, rompería a histórica moderación democrática (con excepción dos temas morais) coa que se conducíu o Partido Socialista até agora. A este respecto, convén lembrar, fronte a certo pensamento dominante, que segundo un recente estudo da revista Vida Nueva, o voto católico en España, atópase moi dividido entre os partidos de esquerda e de dereita. É útil, para comprender este tema a recente obra do profesor e xornalista José Francisco Serrano Oceja (A la caza del voto católico, Freshbooks, 2019). Nela, trátanse cuestións que estiveron e están moi vixentes durante estes días respecto ao intento dos distintos partidos políticos por atraerse o voto, dos case nove millóns de españois, que nos declaramos católicos a través do impreso da asignación tributaria.
A actual crise cultural e moral que atravesamos trae á actualidade cuestións que a doutrina social da Igrexa e o maxisterio pontificio propoñen como irrenunciables: a opción polos pobres e marxinados, a paz e a concordia, o valor supremo da persoa na súa dimensión personalista e comunitaria, a liberdade relixiosa, o respecto social, a protección da vida en todas as súas etapas, a familia, a liberdade de educación, a concepción da acción política desde a nobreza, a honradez política como servizo á xustiza, á misericordia e á reconciliación… A preocupación dos católicos non ha de centrarse soamente na xestión, senón nas conviccións profundas que dan sentido ao ser humano, á familia e á sociedade.
Outro elemento que chama a atención aos analistas é a desmoralización do político. Estamos administrados, din, por unha caste de políticos profesionais tecnócratas fundamentalmente cínicos. Pregúntome por que ao laicismo actual moléstalle tanto a familia de sempre, a que xerou tantos valores na historia, que educou aos seus fillos no amor mutuo, evitou a soidade e contribuíu ao desenvolvemento dos pobos como ningunha outra institución. Pregúntome por que dos acordos Igrexa-Estado o que máis lles doe a algúns é a mención explícita da Igrexa católica na Constitución, sendo esta maioritaria; e pregúntome finalmente por que se lles atragoa o peso histórico que a Igrexa ten na educación e na sanidade; estes e outros temas estarán sen dúbida na axenda: as cuestións relativas á ideoloxía de xénero, a lei da eutanasia, a enxeñaría xenética para unha sociedade acrítica que se deixará levar perigosamente cara ao abismo da desmoralización, o hedonismo (o mal chamado estado de benestar, xerador de soidade e infelicidade) e o relativismo (a negación da verdade ou a pos-verdade).
O sabio profesor J. L. Aranguren (Moralidades de hoy e mañana, Madrid, 1973) xa profetizaba que vivimos nunha cultura basicamente inmoral porque non busca seriamente a verdade e é mendaz, é dicir, que habitualmente, di mentiras porque se mentiu a si mesma dunha vez por todas, autoenganouse. Así, o político, permanece aprisionado pola ideoloxía do grupo ao que pertence e á que nin sequera se lle ocorre poñela en cuestión.
Será providencial, pero acábanme de enviar unha frase que din que é de S. Agostiño e que vén ao caso para estes tempos de Pascua nos que parecería que a barca estaría a piques de zozobrar: “Dicides vós que os tempos son malos, sede vós mellores e os tempos serán mellores: vós sodes o tempo”.
J. Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral da Diocese
Día das nais
Día das nais, porque todos temos dúas nais: a do Ceo e a da terra. Das dúas estamos santamente orgullosos e ás dúas debemos inmensa gratitude. A do Ceo é Raíña e é Nai. O título de Raíña lémbranos o seu poderío santificador. O de Nai fálanos da súa singular solicitude por nós os seus fillos.
Agradezamos ao Señor que nos dese por nai á súa propia Nai e imitemos ao apóstolo San Xoán que a acolleu na súa casa e tivo para Ela corazón de fillo e comportamento filial.
Agradezámoslle tamén a nai que nos deu na terra. Esta non ten o título de raíña nin, talvez, títulos nobiliarios pero ten un corazón moi grande e isto abóndanos para querela con toda a alma e agradecerlle todo o agarimo que nos dá e os continuos sacrificios que fai por nós.
“Sabes o que é unha nai”?, pregunta Víctor Hugo. E el mesmo contesta: “É unha muller” e ao instante corrixe e di: “Non!, nai é un anxo que che ensina a falar, que che ensina a ler, que che ensina a amar, que che ensina a rezar. Nai é un anxo que coida o teu soño mentres ti dormes; nai é unha muller que quenta os teus dedos entre as súas mans; nai é un ser que che dá o seu leite mentres es pequeno; que che dá o seu pan cando xa es maior; que che dá a súa vida en todo momento”.
Por experiencia sabemos que iso é unha nai: agarimo, sacrificio, entrega sen límites. Celebremos pois o seu día, con gozosa gratitude e pidamos a Deus que bendiga ás nosas nais con toda clase de bens do ceo e da terra.
E a María, a nosa Nai celestial, escoitémola, acollendo o que dixo aos serventes das Vodas de Caná de Galilea: “Facede o que Xesús vos diga”. Se así o facemos, abundará o sabroso viño da graza nos nosos corazóns, froitos dos ricos acios das nosas virtudes; e de María poderá dicirse: “Ditosa nai que ten tales fillos”; e de nós poderá dicirse: “Ditosos fillos a quen o Señor regalou tal Nai”.
XLI Cursiño Rexional de Pastoral da Saúde – Galicia
Neste ano 2019 a Comisión da Pastoral da Saúde, quixo destacar na Xornada Mundial do Enfermo o valor da gratuidade. É necesario facer unha reflexión na importancia do voluntariado e a necesidade de animar ás persoas nesa dirección.
O Papa Francisco lémbranos na súa mensaxe para a XXVII Xornada Mundial do Enfermo, celebrada o pasado 11 de febreiro, Nosa Sra. de Lourdes, que “a gratuidade humana é o fermento da acción dos voluntarios, que son tan importantes no sector sociosanitario e que viven de maneira elocuente a espiritualidade do Bo Samaritano”.
Venres 10
17:30 Visita guiada ao novo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (opcional)
19:00 Acollida na Residencia Maristas de Tui
20:00 Conferencia inaugural: “Propoñer o voluntariado aos mozos Modelo VIR” por Gerardo Dueñas, Psicólogo, Coordinador do Servizo de Asistencia Relixiosa Católica do Hospital Doutor Rodríguez Lafora
21:00 Cea
22:00 Compartir experiencias cunha actuación artística
Sábado 11
09:00 Eucaristía na capela do Colexio Marista
10:30 Charla: “Acompañamento ao enfermo paliativo: experiencia médica e achega do voluntariado”. Dr. Álvaro Fdez Rial. Medicina Interna. HULA (Lugo).
12:00 Descanso
12.30 Charla: “A enfermidade na Biblia. Do pecado á liberación.” Antonio Menduiña, párroco, Biblista e director do Institutos Teolóxicos de Vigo
14:00 Comida fraternal
16:00 Obradoiros: repartidos en 4 grupos de 25 (5 por Diocese). Ferramentas que nos axuden no noso servizo como voluntarios.
17:30 Peregrinación cara á Catedral
18:00 Celebración de clausura
18:30 Visita guiada (opcional) á Catedral