Pascua do enfermo

 O VI Domingo de Pascua a Igrexa española celebra a Pascua do enfermo. Ese día -26 de maio- é o final dun itinerario que se iniciou o 11 de febreiro, Xornada Mundial do Enfermo.

A Igrexa española achégase no seo das súas comunidades parroquiais, ao mundo dos enfermos, as súas familias e os profesionais sanitarios. E mostra o rostro de Cristo curando e acompañando.

O tema desta Campaña é «O voluntariado na Pastoral da Saúde». Todos temos necesidade de ser coidados, acompañados e poder compartir as nosas dores e soidades.

«Gratis recibistes, dade gratis», é o lema deste ano.

Con esta Campaña preténdese recoñecer o valor da gratuidade na entrega ao coidado dos enfermos, como recoñecemento do recibido. Cómpre facer unha reflexión na importancia do voluntariado e a necesidade de animar a máis persoas nesta dirección.

«Christus vivit»

«Vive Cristo, esperanza nosa, e El é a máis fermosa mocidade deste mundo. Todo o que El toca vólvese novo, faise novo, énchese de vida. Entón, as primeiras palabras que quero dirixir a cada un dos mozos cristiáns son: El vive e quérete vivo!»

Con estas palabras comeza o papa Francisco a súa última exhortación apostólica dedicada aos mozos e a todo o pobo de Deus.

Pero estas palabras tamén poden servir como un perfecto lema para este tempo de Pascua no que celebramos solemnemente a resurrección de Xesucristo.

Esta é a gran noticia: «Christus vivit». Hai moitos anos que se espera con ansia a noticia da curación do cancro ou da sida, pero fai dous mil anos xa houbo quen trouxo unha noticia aínda mellor: a vitoria sobre a morte. Non hai nada que supere isto.

É certo que ao longo dos anos da nosa historia persoal temos moitas ocasións de asociarnos á paixón de Xesucristo polas enfermidades e sufrimentos de todo tipo que temos que padecer. Pero non é menos certo que tamén estamos chamados a asociarnos a Xesucristo na súa resurrección, aínda que os límites da nosa fe e a nosa intelixencia impidan que o vexamos coa claridade que nos gustaría.

A vida é un valor absoluto. É das poucas realidades das que podemos afirmar isto con rotundidade. Isto non impide que alguén estea disposto a entregar libremente a súa vida para salvar a dos demais, por exemplo unha nai polos seus fillos. Pero en ningún caso, poderemos dispor ou decidir sobre a vida dos demais e, moito menos, contribuír á súa destrución.

O recoñecemento do valor da vida contrasta coa cultura da morte na que se está sumindo Occidente, na que se permiten, xustifican e até lexislan numerosas excepcións a este valor que se cría absoluto. O número de abortos, as vítimas de guerras, os inmigrantes sepultados baixo as augas dos océanos, a aceptación xa bastante xeneralizada, da mal chamada morte digna (eutanasia) e a grave crise demográfica están a pintar un panorama cheo de rostros tristes que parecen preferir a morte á vida.

Todo o proxecto salvífico de Deus para a humanidade resúmese nunha promesa de vida eterna, á que se chega pola resurrección do seu fillo Xesucristo, que vence á morte facendo que triunfe a vida. «Christus vivit», este é o acontecemento central da fe e que dá sentido á nosa vida e que nos enche de esperanza ante a realidade temporal da morte.

«Christus vivit» para tamén nós teñamos «vida e vida en abundancia» (Xn 10, 10b) e «A gloria de Deus consiste en que o home viva, e a vida do home consiste na visión de Deus» (San Ireneo). Trátase de esperar a vida eterna, pero tamén de vivir xa agora. A novidade da vida eterna é dar plenitude á vida temporal que gozamos agora. Pero se agora estamos dominados pola morte, só na eternidade poderá darse plenitude a esta finitude.

Só Xesús «ten palabras de vida eterna» (Xn 6, 68) e só el é capaz de alegrar os nosos corazóns para que vivamos con esperanza e optimismo esta vida temporal que o mesmo Deus nos regalou como anticipo e como preparación para gozar despois dunha vida eternamente feliz.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Artículo en castellano]

V Certame literario de poesía eucarística e microrrelato

O Centro Eucarístico Lucense convoca o certame literario de temática eucarística, preferiblemente vencellada coa adoración eucarística en Lugo.

Ademais da modalidade de poesía das primeiras catro edicións, agora inclúese unha nova modalidade: microrrelato, con textos en galego ou castelán dunha extensión máxima de 250 palabras e mínima de 100.

Poden presentarse creacións literarias ata o día 1 de xuño.

[Bases]

Festa de San Pascual Bailón

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras, celebra a Igrexa a festividade de San Pascual Bailón, e con tal motivo o Consello Diocesano da Adoración Nocturna organiza os seguintes actos para honrar ao seu patrón:

Ás 13:30 horas, Eucaristía no altar do Bo Xesús da Catedral e, seguidamente, comida de irmandade.

A estes actos o Consello Diocesano da Adoración Nocturna Española convida a participar a todos os adoradores/as da Sección Diocesana, e aos compoñentes das asociacións que comparten este padroado: Adoración Nocturna Feminina, A.R.P.U., Confraría Sacramental, Marías dos Sagrarios e Apostolado da Oración.

Concurso de fotografía sobre a Eucaristía e o patrimonio relixioso

O Centro Eucarístico Lucense convoca o VI Concurso de fotografía coa pretensión de contribuir á promoción da fe e da Eucaristía e recoñecer a riqueza do patrimonio artístico existente na Diocese e na provincia de Lugo.

Ata o 31 de maio poderán participar todas as persoas que o desexen cos seguintes temas

A. O patrimonio relixioso cristián.

B. A Eucaristía.

[Bases]

A %d blogueros les gusta esto: