Día do Traballo e Día da Nai

A principios de maio hai dúas datas moi importantes e significativas: o Día do Traballo e o Día da Nai.

Dúas datas ás que xa pouco lles queda do seu sentido orixinal, posiblemente debido ao empeño de non deixar que sexa o mesmo Deus quen estea no medio do mundo e tamén no corazón nestes días.

O 1 de maio, o Día do Traballo, que tamén a Igrexa une coa festa de San Xosé Obreiro, xorde pola necesidade de defender os dereitos dos traballadores e a dignidade das persoas. Daquel desexo de 8 horas de traballo, 8 horas de descanso e 8 horas de cultivo persoal, xa pouco queda. As 8 horas de cultivo persoal cambiámolas por 8 horas para consumir ou para pensar no que imos gastar o diñeiro. As 8 horas de traballo xa son moitos os que carecen delas, como o confirman os datos da EPA. Supoño que podemos seguir contando coas 8 horas de descanso, sempre que nolo permitan WhatsApp e o Facebook. E a San Xosé ás veces lle quitamos o seu día de marzo, así como o de maio. En consecuencia, xa nin somos capaces de santificar algo tan sacro, digno e necesario como é o traballo.

E á festa con motivo do Día da Nai pásalle outro tanto. Xa ninguén lembra o sentido orixinal. Agora só importa o que non nos esquezamos de comprarlles un detalle ás nosas nais por este día, do que sacan máis beneficio as superficies comerciais que as propias destinatarias do noso agarimo. Dunha oración e de poñer por intercesora delas a María, Nai de Deus e Nai nosa, a quen lle dedicamos o mes de maio, o mes das flores, se cadra xa ninguén se lembra.

E unha vez máis faremos cousas: unha vez máis sen sentido e sen garantías de permanencia e de eternidade.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

1º de maio, Día do Traballo

As organizacións que promoven a Iniciativa Igrexa polo Traballo Decente -Cáritas, Conferencia Española de Relixiosos (CONFER), Irmandade Obreira de Acción Católica (HOAC), Xustiza e Paz, Mocidade Estudante Católica (JEC) e Mocidade Obreira Cristiá (JOC)- unen as súas forzas nesta festa dos traballadores e de san Xosé obreiro para celebrar o sentido creador do traballo, e para denunciar todo o que lesiona os dereitos das persoas traballadoras e das súas familias.

Constátase que o traballo decente é un elemento imprescindible para a xustiza social e a cohesión de toda a humanidade.

Convidase ás comunidades cristiás a celebrar a Eucaristía como signo de solidariedade con quen sofren a precariedade e deshumanización do traballo.

Convidase, igualmente, a participar naquelas actividades que convoquen as organizacións sindicais para esixir un traballo decente.

[Manifesto]

Pascua coas familias no Seminario: charla de Gregorio Luri

Con motivo da celebración da Pascua coas familias, o Seminario diocesano organiza unha charla a cargo do profesor Gregorio Luri Medrano, co título “Eloxio das familias sensatamente imperfectas”. Será o 1 de maio, na aula magna do Seminario ás 11.30 h e está aberta á participación de todos os interesados.

Gregorio Luri Medrano é doutor en filosofía pola Universidade de Barcelona e licenciado en Ciencias da Educación.

IX Congreso de Educadores Católicos

O sábado 4 de maio de 2019 no Salón de Actos Seminario de Lugo ten lugar o IX Congreso de Educadores Católicos “Aplicacións e dispositivos móbiles na aula de Relixión” co seguinte programa:

  • 09:15 Acollida dos asistentes e presentación das xornadas

  • 09:30 Relatorio: Orientacións de metodoloxía didáctica

  • 10:30 Obradoiro: Obradoiro I: Robótica

  • 11:30 Descanso

  • 12:00 Obradoiro: Obradoiro II: Realidade aumentada

  • 16:00 Obradoiro: Obradoiro III: Gamificación e Creatividade

  • 18:00 Descanso

  • 18:15 Relatorio: Carisma franciscano-clariano no século XXI: a evanxelización dixital

  • 19:15 Avaliación

O relator será o mestre de Relixión na Cañiza Manuel Fernández Álvarez, experto na utilización de aplicacións e redes sociais na aula.

Coma todos os anos, réndese homenaxe a un centro educativo da Diócese, este ano o Colexio dos Franciscanos

O Instituto Teolóxico Compostelán valora en horas da formación a asistencia a este Congreso: 7 horas (fase formativa), 1 hora (fase de avaliación).

Asemblea Diocesana de Catequistas

O día 27 de abril celebrouse en Monforte de Lemos (igrexa de San Antonio) a Asemblea Diocesana de Catequistas. Nun clima de participación, alegría e serenidade asistiron a este encontro unhas setenta persoas de varias parroquias da Diocese.

O tema central “Acompañados e acompañar desde a Palabra” foi exposto por D. Jesús Angel Fernández Aira, que profundou no tema e resultou de gran interese para os catequistas.

Cada asistente à Asemblea recibiu o distintivo dunha chave cunha mensaxe no anverso coa que se podía abrir a Palabra. Traballouse en grupo, formando chaveiros de sete persoas, reconstruíndo textos do Evanxeo, convidando a vivir e facelo cos catequizandos.

Concluíuse coa Eucaristía, concelebrando oito sacerdotes e participando de maneira activa todos os grupos.

Algúns testemuños dos participantes:

* Para abrir a Palabra, non só hai que exercitar a fe, hai que orala, vivila e testemuñala.

* Xesús ensinounos a confiar e a non ser indiferentes ante os que acompañamos.

* Convídanos a amar, e ser amor, servir, esquecerse dun mesmo e orar.

* Ensínanos a acompañar desde o testemuño e a entrega.

A %d blogueros les gusta esto: