Segundo os Evanxeos, en certa ocasión achegouse un mozo a Xesús para que o axudase a herdar a vida eterna. Tratábase dunha persoa que, polo que conta, desde a súa adolescencia xa cumpría cos mandamentos, seguramente coa pretensión de conseguir a ansiada vida eterna. Xesús constátalle o que este mozo xa sabía: «fáltache unha cousa» (Mc 10, 21b).
Este mozo tiña un gran camiño andado: era consciente que algo lle faltaba. Unha vez diagnosticado o problema xa está resolto en boa medida. Coñecidas as causas que o orixinan e coñecido o remedio pode parecer que todo está solucionado. Pero isto é só a teoría. Non sempre estamos dispostos a renunciar a algunhas cousas, aínda que ese sexa o remedio.
Creo que esta é a situación de moitas persoas, tamén no momento actual. Temos de todo, pero non conseguimos estar ben. Ás veces conseguimos percibir que algo nos falta, pero non sabemos ben que. Notamos desaxustes na nosa vida persoal ou social, pero erramos no diagnóstico ao confundir as consecuencias coas causas.
Moitas veces queixámonos de que estamos «depres» ou tristes. Hai xente que lle produce un verdadeiro pánico que chegue o luns. Outros non son quen de soportar aos demais porque cren que só eles teñen a razón e parece que viven enfadados co resto do mundo.
E non falemos xa das cantidades inxentes de antidepresivos, ansiolíticos e pastillas para durmir que se recetan a diario nos consultorios médicos.
Os escaparates das librarías están cheos de libros de autoaxuda para ser felices, para ter éxito no traballo, para ter relacións sas, etc.
Está claro que algo nos falta. Pero que é? Ou, mellor dito, quen nos falta?
O mozo do Evanxeo, ao que faciamos referencia ao principio, tiña a súa seguridade posta nas riquezas, pero, como vimos, a pesar das súas seguridades era consciente de que algo lle faltaba para ser feliz. Busca a Xesucristo sabendo que é quen ten o remedio para o seu desasosego. Pero, ao final, non está disposto a facer o que se lle di, porque iso supón renunciar aos seus tesouros terreos para adherirse aos eternos.
O relato evanxélico repítese en Agostiño de Hipona, pero con final distinto. San Agostiño tivo unha mocidade na que «viviu ás toas». Pero, no medio das súas frivolidades e o seu aparente boa vida, algo lle impide estar en paz consigo mesmo. Algo lle falta. No seu proceso de procura atópase con Xesucristo. Supoño que as oracións acompañadas de bágoas da súa nai tiveron algo que ver. A vida de san Agostiño e o seu proceso de conversión resúmense nunha das súas frases máis coñecidas: «Fixéchesnos, Señor, para ti e o noso corazón está inquieto ata que descanse en Ti».
É difícil ocultar a realidade. Podemos mirar para outro lado ou agochar a cabeza como a avestruz. Podemos encher os nosos oídos de ruídos externos, pero nunca poderemos acalar a voz da conciencia, que non é outra que a voz de Deus.
Un pouco antes ou un pouco despois, abriremos os ollos e os ouvidos da fe para que podamos ver e escoitar a Xesucristo, que con insistencia leva tempo chamando á nosa porta. Abrámoslle.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de Xesucristo
[Artículo en castellano]
Gústame esto:
Gústame Cargando...