Unción dos enfermos

Poden recibir este sacramento os que estean a sufrir unha enfermidade seria, tamén os que vaian pasar polo quirófano nos próximos días, os enfermos crónicos e as persoas maiores.

Aínda que esta celebración é de tipo comunitario na igrexa parroquial, o sacerdote sempre está disposto para administrar este sacramento ás persoas que o necesiten nas súas casas ou no hospital.

O mesmo vale para cando unha persoa queira recibir a Comuñón e non poida saír de casa por enfermidade ou por outros motivos. Fágano saber con toda confianza ao cura, que tamén esta é a súa misión.

Coa enfermidade e os anos experimentamos máis claramente que non somos donos da nosa vida. Estas limitacións, pola contra, achégannos máis a Deus porque necesitamos fundamentar a nosa vida no que vale de verdade e para sempre. Recibir o sacramento da Unción dos Enfermos é poñernos nas mans de Deus para pedirlle a saúde e, en todo caso, deixar que tome as rendas da nosa vida e concédanos vivir o tempo que nos quede moi preto del para pasar despois a eternidade tamén con El.

Di o canto que na tardiña da vida nos examinarán do amor. Nós hoxe podemos engadir que ao final da vida tamén se porá a proba a nosa fe no Señor. Seremos ditosos se conseguimos facer a última etapa de vida collidos da man de Xesús. Penso que non hai nada máis grande que isto.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo en castelán]

Sesión formativa para o profesorado de Escolas Católicas de Lugo

O martes 12 de febreiro de 2019 ás 17.30 horas no salón de actos do Colexio Salesiano Divina Pastora de Lugo tivo lugar unha sesión formativa para o profesorado dos colexios de Escolas Católicas da cidade de Lugo sobre o tema do acompañamento educativo. É unha cuestión prioritaria no labor educativo de chegar a cada mozo e axudar a sacar o mellor que eles poden dar. O acompañamento na educación está a converterse nunha necesidade e unha urxencia ante as situacións vitais e familias da mocidade.

 

O relator foi o filósofo e psicólogo Xosé Manuel Domínguez Prieto. Actualmente é o director do Instituto da Familia de Ourense. Houbo microtalleres prácticos nos que se trataron temas como: educar implica acompañar; Que é acompañar?; O método do acompañamento; Acoller; A arte de escoitar; A arte de preguntar; Descubrir necesidades; Acompañar nas dificultades.

O acto estivo organizado polo Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo

Cremos na igualdade e a dignidade da persoa

Cúmprense este ano 60 da existencia de Mans Unidas, que nace da urxencia de loitar contra a fame no mundo sentida entón polas mulleres de Acción Católica, que desde o principio traballarán por remediar “a fame de pan, a fame de cultura e a fame de Deus”.

A campaña deste ano é a primeira de tres que levan o lema conxunto de “Promocionar os Dereitos con Feitos”; e focalízase particularmente nas mulleres, na súa falta de liberdade, de seguridade, de voz. En efecto, a pobreza e a inxustiza afectan máis directamente aos máis vulnerables, a nenos e anciáns, e en concreto ás mulleres.

Nas relacións cotiás, na familia, en formas mesmo estruturais dunha sociedade, vese diminuída a liberdade da muller, o seu acceso aos recursos culturais e económicos, a súa seguridade persoal, a súa capacidade de protagonismo e a súa presenza pública.

A nosa fe cristiá afirma, en cambio, con claridade que, desde o inicio, Deus creou á súa imaxe ao home e á muller, iguais en dignidade, destinados á colaboración e ao amor.

Este núcleo bo de toda existencia humana sofre a consecuencia do pecado, que introduce mentira e violencia, relacións de dominación, e chega a tomar formas históricas determinadas por unha desigualdade inxusta, dolorosa e empobrecedora.

Coidar e fomentar relacións que respecten a igualdade na diversidade é consecuencia intrínseca da fe. Non é aceptable en ningún modo a violencia, as situacións de servidume ou de abuso, a trata de mulleres. Ao contrario, sabemos que a relación máis íntima e fecunda, máis persoal, que é a do amor matrimonial, só pode ser establecida no consentimento libre, no “si” dado e recibido en igualdade e liberdade polo home e a muller.

Salvagardar esta relación primeira é decisivo para a conformación da familia e da sociedade enteira. O cambio da estrutura social, o acceso ao ben da cultura ou da economía, a asunción de responsabilidades públicas, farase posible desde este cambio primeiro e fundamental que afirma a igualdade e a común dignidade da muller e do home, e que ten a súa expresión histórica máis fonda e determinante na forma que adopta o amor conxugal, o matrimonio.

Levar ata o final esta esixencia de liberdade, dar voz en plena igualdade á muller nesta relación fundante de toda sociedade, resultará decisivo para a superación das formas de pobreza e de inxustiza que impiden satisfacer tamén hoxe moitas veces a fame de pan, de cultura e de Deus.

Este anuncio propio da fe cristiá non poñerá en cuestión nin danará o ben verdadeiro de ningunha sociedade, non será ningunha forma de colonialismo cultural, senón que abrirá camiños concretos para a realización nos diferentes países desta igualdade en liberdade, en seguridade e en protagonismo que corresponde á muller.

Colaboremos, pois, con esta campaña de Mans Unidas, conscientes de que a defensa dos dereitos e da dignidade da persoa e especificamente da muller, é esixencia da nosa fe, de crer no Deus e Pai de todos, no seu Amor, que lle fixo entregarse para quitar o pecado do mundo, todo desprezo e malos tratos do próximo, toda mentira e inxustiza.

Mons. Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo

Oración e Concienciación contra o tráfico humano

O 8 de febreiro, día de Santa Xosefina Bakhita, adícase a ter presente ás vítimas do tráfico humano. E este ano organízase a 5ª edición do Día Internacional de Oración e Concienciación contra o tráfico humano. O lema nesta ocasión é: Xuntos contra a trata de persoas. A primeira edición celebrouse en 2015, por vontade do Papa Francisco, que encomendou promover este día á Unión Internacional de Superiores.

[Vixilia de oración]  [Vídeo do Papa Francisco]

Encontro sacerdotal Montecelo 2019

No Centro de Convivencias Montecelo (San Pantaleón das Viñas, Paderne, A Coruña, teléf. 981 782 590) hai un Encontro sacerdotal os días 19 e 20 de febreiro baixo o título “Que ocupa hoxe o lugar de Deus? As parroquias e as novas formas de relixiosidade”. A Asociación Porta do Camiño organiza o acto, que ten tres sesións:

  • Xornada Mundial da Mocidade Panamá: a experiencia dunha Igrexa viva

  • Panorama das seitas e a “new age” no século XXI

  • Desafíos pastorais ante a nova relixiosidade

As dúas últimas sesións corren a cargo do experto en seitas Luis Santamaría del Río.

A %d blogueros les gusta esto: