Día de Hispanoamérica

A parroquia San Francisco Xavier (Lugo) celebra esta xornada ese mesmo día cunha Eucaristía ás 12:30 horas, á que se convida especialmente a todas as persoas e asociacións de Hispanoamérica. A continuación, nos salóns parroquiais, terá lugar un encontro cultural onde se poderán degustar pratos típicos deses países. Nesta Eucaristía tamén se dará o pregón da novena da Graza.

Esta Xornada lémbranos o traballo que realizan os misioneiros e convídanos a colaborar con eles a través da oración e da axuda económica

A Comisión Episcopal de Misións e Cooperación entre as Igrexas organiza, un ano máis, o Día de Hispanoamérica, que se celebrará o vindeiro domingo 3 de marzo coa lema, “Comprometidos coa vida dos pobos”. Un compromiso que manteñen os 237 sacerdotes da Obra para a Cooperación Sacerdotal Hispanoamericana (OCSHA) que viven a súa misión en países de América Latina.

Mans Unidas Lugo selecciona persoal administrativo

A delegación de Mans Unidas de Lugo ata o 6 de marzo selecciona persoal administrativo para un contrato temporal por 6 meses prorrogables en xornada de 2 horas.

PERFIL

Formación específica en Secretariado ou en FP en contabilidade, ou similar

Experiencia laboral en administración e xestión.

Amplos coñecementos de informática (Microsoft Office: Word, Excel, Access, Powerpoint, correo electrónico e internet).

Capacidade de traballo en equipo.

Persoa resolutiva con gran capacidade de traballo, organización e relacións humanas.

Os interesados presentarán curriculum vitae na delegación de Mans Unidas Lugo: rúa da Cruz número 1B, 1° en horario de 11,30 a 13 h

Os tres ‘ces’: “Carnaval”, Cinza e Coresma

Aínda faltan oito días para o Mércores de Cinza, co que comeza a Coresma, pero necesitamos ir mentalizándonos para afrontar este tempo como o que é: unha oportunidade para a santidade.

Na próxima semana conflúen os tres “ces” que enunciaba no título.

O “Carnaval”, o Entroido, que, aínda que xa totalmente desvirtuado, tamén ten relación coa Coresma. Tanta que, como ben sabemos, a súa data vén determinada pola Pascua. E non só a data, tamén o seu sentido. O Entroido na súa orixe era unha festa que se facía antes de empezar un tempo penitencial e de austeridade como é a Coresma. Agora as cousas son distintas e do seu sentido orixinal só queda a data.

O Mércores de Cinza é o primeiro día da Coresma. O seu nome dio todo. Comezamos coa imposición da cinza sobre as nosas frontes coa invitación à conversión e co recordo daquilo que nos convertemos se alguén non pon remedio à nosa morte.

O termo Coresma tamén fala por si só, sobre todo despois de pasar polo Entroido e a Cinza. Corenta días para pór en orde a nosa persoa (corpo e alma) e para facer limpeza interior para ir collendo a forma de Xesucristo.

O significado destes tres “ces” témolo claro, mesmo antes desta breve explicación. O difícil é conseguir chegar á Pascua cun punto máis de santidade que ao comezo da Coresma. Non é doado, acumulamos moito «sobrepeso» (un servidor tamén no sentido real) e o camiño fáisenos pesado, pero non nos podemos angustiar nin lamentarnos da dificultade, pois o camiño non o facemos sós, acompáñanos Xesucristo.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

Relatores das XXXIII Xornadas Abertas de Teoloxía

Luns 25 de febreiro de 2019. 20:00h. Círculo das Artes.

O culto eucarístico lucense como resposta ao priscilianismo. Ler na actualidade o Argos Divina”.

Relator: Prof. D. Isidro García Tato.

Doutor en Teoloxía pola Ludwig-Maximilians-Universität de Munich, onde foi axudante de cátedra do Prof. Leo Scheffczyk. Incorporouse ao CSIC no Instituto “Francisco Suárez” de Madrid, e no Instituto de Historia. Pertence ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

Martes 26 de febreiro de 2019. 20:00h. Círculo das Artes.

Orixe histórica da adoración eucarística”

Relator: Prof. D. Lino Emilio Díez Valladares.

Relixioso e presbítero sacramentino. Doutor en Sagrada Liturxia, no Pontificio Instituto Litúrxico do Ateneo San Anselmo (Roma). Profesor de Liturxia na Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia Comillas. Profesor de Pastoral litúrxica e Pastoral dos sacramentos no Instituto Superior de Pastoral, da Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia de Salamanca. Membro da Asociación Española de Profesores de Liturxia.

Mércores 27 de febreiro de 2019. 20.00h. Círculo das Artes.

La Eucaristía, medicina de inmortalidad”

Relator: Exmo. e Rvdmo. Mons. D. Juan Antonio Martínez Camino.

Bispo auxiliar da arquidiocese de Madrid e titular de Bigastro. Licenciatura en Filosofía e Letras. Doutor en Teoloxía pola Theologische-philosophische Hochschule Sankt Georgen de Frankfurt do Main (Alemaña). Membro da Academia Internacional de Ciencias Relixiosas de Bruxelas e da Real Academia de Doutores de España. Membro da Comisión Episcopal de Doutrina da Fe da Conferencia Episcopal Española.

Periferias: a pastoral rural

O vindeiro trece de marzo cúmprense seis anos da elección do Papa Francisco. Durante este tempo fomos familiarizándonos con algunhas das palabras que o novo Papa utiliza cando quere indicarnos as súas preferencias pastorais. Así, con frecuencia oímoslle falar da importancia de saír ás periferias, reais e existenciais, das nosas cidades.

No caso da nosa Diocese de Lugo tamén temos unha realidade que, aínda que non a mencione o Papa Francisco, constitúe unha auténtica periferia. Refírome ao mundo rural, conformado por centos de parroquias e aldeas, nas que vive case a metade da poboación diocesana. Falamos de 1139 parroquias, das que só unhas poucas son urbanas.

Diranme que hoxe o mundo rural xa non é o que era. É certo. Temos estradas, televisión, teléfono, internet cunha calidade aceptable. Tamén asistencia sanitaria, farmacia e servizos bancarios suficientes. Tamén me dirán que, a pesar das distancias, moitas persoas que viven nas grandes capitais tardan máis tempo en chegar aos seus postos de traballo ou aos hospitais do que podemos tardar desde moitas aldeas á capital da provincia ou ao hospital máis próximo.

Creo que ninguén discute a calidade de vida do mundo rural, pero hai outras cousas que o converten nunha periferia. Falo da soidade de moitas persoas e da dependencia absoluta do coche para case todo, sen o cal o illamento pode ser terrible.

Xesucristo naceu e viviu nunha aldea. A súa misión levouna a cabo polas aldeas da contorna do mar de Galilea. Xa naquel tempo había unha gran diferenza entre a cidade e as aldeas, co consecuente desprezo cara aos seus habitantes, aos que consideraban con menos capacidades: «De Nazaret pode saír algo bo?» (Xn 1, 46).

As cousas non pintan ben para o mundo rural nin para o urbano. Hai uns días coñeciamos os datos de natalidade de España. Galicia non sae ben parada. Nos pobos xa hai moito tempo que eramos coñecedores desta realidade. A tentación, agora, é cruzarse de brazos e agardar, porque o “enfermo está agónico”, e como xa non se pode facer nada imos darnos xa por vencidos.

Que as cousas cambien non vai depender dunhas axudas económicas, por moi grandes que estas sexan. Esíxese un cambio profundo de mentalidade e do sentido da vida. Oxalá se produza antes de que os danos sexan irreparables.

Mentres tanto e como desde a orixe dos nosos pobos, aquí vai seguir o cura. Se cadra só un ou dous, pero un cura que dea un sentido de eternidade a esta sociedade rural e periférica á que lle estamos vendo a data de caducidade. Tentarémolo facer, como non pode ser doutro xeito, ao estilo de Xesucristo, nesta periferia rural. Espero que non nos falte ilusión.

Termino cun sentimento. Aínda que pareza contraditorio, poucas cousas hai máis esperanzadoras que ir deixando aos últimos habitantes das nosas aldeas nas mans de Deus o día do seu funeral. Si, a isto adicamos boa parte do noso tempo os curas rurais.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

A %d blogueros les gusta esto: