Cando era mozo, unha persoa que levaba moitos anos traballando en medios de comunicación díxonos que a persoa mellor informada do mundo era o Papa. Sorprendeume a información, pero non lle levei a contraria senón que lle pedín máis explicacións. Froito delas e doutros datos é este artigo.
A Santa Sé, aínda que como estado é minúsculo, é o 1º país do mundo en relacións diplomáticas, pois mantenas con 183 estados; Estados Unidos con 167 e Francia con 160 (España só con 115). O nuncio soe ser o Decano do Corpo Diplomático. Os diplomáticos realizan unha dobre función: informar ó seu “Estado” e representalo ante o país no que están acreditados.
Os bispos do mundo teñen que facer cada 5 anos a visita “ad límina” ao Papa na que informan da súa Diocese, dos feitos relevantes para a súa acción pastoral e analizan perspectivas de futuro. Esta visita, na medida do posible, tamén a fan o bispos nomeados clandestinamente.
Ademais, as diversas ordes relixiosas, movementos apostólicos… teñen membros en moitos países (hai misioneiros españois nuns 130) e os responsables ou coordinadores están con frecuencia en Roma e comunican o que consideran relevante.
Por outra parte, algunhas das autoridades que visitan ao Papa consúltanlle os seus problemas de conciencia e mesmo se confesan. Saben que o Papa débese ao secreto de confesión e a preservar a súa conciencia. Isto paréceme pouco posible nas nosas autoridades, pero igual me equivoco.
No comezo de 1980 chegou ao Papa a información de que se decidira matar a Óscar Romero e o plan estaba en marcha. Naturalmente o Papa sábese na obriga de defender a vida das persoas e chámao a Roma. Recíbeo o 30 de xaneiro de 1980 (estivera co Papa o 7 de maio de 1979). O Papa, para protexelo, ofrécelle desempeñar unha responsabilidade en Roma. Romero, un santo pastor, rexeita esa protección para seguir co seu ministerio no Salvador. Xoán Paulo II alentouno a continuar a “defensa da xustiza social” e seguir na “opción preferencial polos pobres”, segundo anota Romero no seu diario.
O regreso faino por Bélxica onde recibe o 2 de febreiro o título de doutor ‘honoris causa’ en Lovaina. Creo recordar que alí respondeu a periodistas que “prefire morrer co seu pobo a vivir en Europa”.
A información, ao parecer, chegara ao Papa por medio dun monxe bieito, capelán das forzas armadas dun exército moi, moi poderoso. É entendible que quen coñecese esa decisión non quixera cargar coa conciencia de permitir a execución; que llo comunicara mesmo a quen non é da súa mentalidade ou relixión, pero preservando a vida dos seus informantes e a eficiencia dos seus pasos.
Daquela, algunhas persoas e medios de información dicían que a Santa Sé condenaba a acción pastoral de Óscar Romero, que o quería silenciar… Esas afirmacións só podían ser froito de ter malas informacións ou de prexuízos anti-Igrexa, ou das dúas cousas. Como di o manual de ensinanza básica da CIA para os seus analistas: “O peor inimigo do analista de intelixencia é a súa propia ideoloxía”.
A realidade dos feitos é que a Santa Sé non só non condenaba nin represaliaba a Monseñor Romero, senón que nolo propón como exemplo a seguir na vida da Igrexa ao declarar a súa santidade. Foi beatificado o 23 de maio de 2015 e canonizado o 14 de outubro de 2018.
- Xoán Paulo II na visita ao Salvador (marzo 1983) cambiou o programa pactado co goberno. Na metade do traxecto do aeroporto ao centro da cidade, sen avisar a ninguén, mandou dirixir o vehículo papal por unha estrada deserta á catedral, que tiña a porta pechada por non ser esperada a súa visita. Alí rezou na capela da Virxe e axeonllouse en silencio na tumba de S. Óscar Romero; logo rezou o Noso Pai, a Avemaría e un “De Profundis”. Despois no altar maior dixo que quería recordar ao “celoso pastor Óscar Romero”, quen, “empurrado polo amor a Deus e pola súa entrega aos irmáns, ofreceu o don da súa vida, mesmo violentamente, mentres celebraba o rito do perdón“. Tamén pediu expresamente que aparecese o nome de Romero na celebración en memoria aos mártires cristiáns no Xubileu do ano 2000 no Coliseo de Roma.
Non ignoro que Romero tivese e teña detractores por diversas causas. Pero quero sinalar dous feitos:
- Foi asasinado o 24 de marzo de 1980 durante a Misa que celebraba na capela do Hospital da Divina Providencia para cancerosos (colonia Miramonte de San Salvador) pouco antes da Comuñón.
- Destaco as palabras da homilía na anterior Misa da Catedral (domingo 23): “Ningún soldado está obrigado a obedecer unha orde contra a Lei de Deus (non matar). Unha lei inmoral ninguén ten que cumprila. Xa é tempo de que recuperen a súa conciencia e que obedezan antes a súa conciencia que á orde do pecado… No nome de Deus pois, e no nome deste sufrido pobo, cuxos lamentos soben ata o ceo cada día máis tumultuosos, suplícolles, rógolles, ordénolles no nome de Deus: cesen a represión.”
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas
Gústame esto:
Gústame Cargando...