Xornada rexional para capeláns de hospital

O luns 4 de febreiro, na Casa de Exercicios de Santiago (zona Campus Sur), de 10 a 14 h. ten lugar o encontro de capeláns de hospitais, residencias para compartir formación sobre a Lei de Protección de datos, os coidados paliativos e a dimensión espiritual na práctica hospitalaria. Ademais de contar coa presenza do Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco, tamén estarán:

  • o Dr. José Álvaro Fernández Rial, que traballa no Hospital de Lugo,

  • o Conselleiro de Sanidade Dr. D Jesús Vázquez Almuiña, que presentará a Lei Galega de 2015 sobre coidados final da vida e

  • o sacerdote e médico José Luis Méndez, novo Director do Departamento de Pastoral da Saúde da Conferencia Episcopal, que presentará a Campaña deste ano. O tema é o voluntariado e o lema “Gratis recibistes. Dade gratis”.

Charla de Miguel Ángel Iglesias Blanco

 

Con motivo dos 60 anos de Mans Unidas e a próxima campaña contra a fame, a Delegación de Lugo organizou no Salón de actos do vicerreitorado (Lugo) o luns 28 unha conferencia do Capitán da Garda Civil Miguel Ángel Iglesias Blanco sobre Dereitos humanos e a muller no século XXI, facendo unha enumeración de dereitos vulnerados.

Comezou sinalando que a Garda Civil formárao para ser garante dos dereitos humanos. E ao longo da súa intervención recalcou a necesidade de ter uns sólidos valores, pois iso significa non só ser un bo garda civil, senón un bo cidadán e unha boa persoa. Debido ao poder coercitivo que teñen as forzas de seguridade, aos seus membros esíxelles máis á hora de apoiar os dereitos humanos da poboación á que serven.

Como oficial enfermeiro da Garda Civil, Miguel Ángel Iglesias, estivo embarcado no buque oceánico Río Segura, que rescata migrantes no Mediterráneo. Interveu en dous grandes rescates: primeiro foi de 515 persoas e prolongouse durante máis de nove horas. O segundo, de 625 migrantes, durante preto de dez horas. A partir desta misión realizou unha investigación (‘Análise de máis de 1.400 intervencións de enfermaría en FRONTEX: Visión Policial vs. Humanitaria’) coa idea de dar a coñecer a situación e mellorala.

 

Mozos, amor e violencia

51 mulleres adolescentes e mozas foron asasinadas polas súas parellas entre 1999 e 2017, sendo moitos dos seus asasinos menores de 20 anos. Mortes violentas no contexto de relacións “amorosas”. Si, os mozos aman, e os mozos cometen actos violentos. E poida que tamén lles ocorra, como aos adultos, que chamen amor a cousas que non o son. A chamada violencia de xénero non é un fenómeno transitorio e puntual, senón que en xeral vaise tecendo nunha relación violenta que dura no tempo, vai encerrando á vítima nunha  tearaña que busca dominar, impoñer, posuír. Debemos traballar en previr, combatendo todas aquelas crenzas, condutas e actitudes que están na raíz desta violencia.

O contrario de amar é POSUÍR. Quen ama respecta ao outro, quéreo libre, ao máximo das súas posibilidades, e iso supón que o outro chega onde eu non chego, ama, vive, sente e crece máis aló de min, eu non abrango todo o seu mundo. Posuír ao outro convérteo en obxecto. É querer ao outro como o que quere unha peza de roupa, unha cervexa, unha cousa. Nas relacións dos mozos (igual que nas parellas adultas) hai violencia sempre que o outro é utilizado. Para o meu pracer, para pasar un intre, para entreterme mentres non atopo parella ou mentres a miña parella está lonxe, para dar celos á miña  exparella… Unha forma máis de posuír: 6 de cada 10 adolescentes vítimas de violencia de xénero sofren acoso a través do teléfono móbil e as redes sociais. Un 50 % non é consciente de que está a sufrir violencia.

A superficialidade tamén dana. A violencia en ocasións orixínase ao actuar sen poñer todas as nosas capacidades en xogo. Sen pensar, sen sentir, sen escoitar… Sempre que non pensamos no ben e a felicidade do outro, sempre que non poñemos as cartas sobre a mesa do que buscamos e desexamos para o futuro, sempre que nos deixamos levar polo “apetéceme”, existe un enorme risco de usar ao outro. E por tanto de danalo, danar a relación e danarnos a nós mesmos, porque as persoas somos suxeito, nunca obxecto.

O “apetéceme” non é máis que unha parte da nosa experiencia vital. Ás veces é contrario ao noso verdadeiro desexo e róubanos a liberdade. Por exemplo, podo desexar unha relación de parella con respecto, xenerosidade e alegría, pero o “apetéceme” lánzame a protestar por cada contrariedade, a poñer por diante os meus gustos… para cargarme en definitiva o “nós”.

Ningunha agresión que suframos ou fagamos impídenos decidir un camiño diferente de amar en liberdade, de forma xenerosa e non violenta. O sufrimento e o erro poden ser fontes de aprendizaxe, que ademais nos ensinan a ser máis humildes, a coñecernos mellor a nós mesmos e ser máis comprensivos con outros.

Para isto necesitamos pararnos e ver se os nosos actos conteñen ou consenten a violencia. A violencia non rima co amor.

Cristina  Bandín, Psicóloga. Centro Diocesano de Orientación Familiar.

Festival de Infancia Misioneira

O venres 25, ás 17:30 h. na parroquia San Francisco Xavier de Lugo terá lugar o Festival de Infancia Misioneira, organizado pola Delegación de Misións para todos os nenos de catequeses de parroquias e colexios que o desexen. Contarase a historia do nacemento de Xesús con maxia, porque o lema deste ano é “Con Xesús, a Belén que boa noticia!”. En concreto, o que se vai contar é a Historia de Baltasar. A entrada é gratuíta.

Celebración de San Tomé de Aquino no Seminario

O venres 25 de xaneiro a partir das 19 h ten lugar no Seminario a Festa de San Tomé de Aquino, co seguinte programa:

  • 19h (Aula Magna): Acto académico

    Santo Tomás de Aquino y la Modernidad en G. K. Chesterton”, relatorio a cargo do profesor de Filosofía da Universidade Pontificia de Comillas e docente invitado de Filosofía do Instituto Teolóxico Lucense Mario Ramos Vera

  • 20 h (Capela Maior): Eucaristía

         Preside o Bispo de Lugo, Mons. D. Alfonso Carrasco Rouco

A %d blogueros les gusta esto: