O 4 decembro asinouse un convenio entre o Bispado de Lugo, representado por Mons. Alfonso Carrasco Rouco e o Concello de Quiroga, representado polo alcalde Julio Álvarez Núñez. Con tal convenio, a administración local colabora coa Diocese contribuíndo economicamente con 21.000 euros no gasto de rehabilitación de tres igrexas: Santiago de Augas Mestas, Santa Baia de Bendollo e Santo Antonio de Vilanuíde. A próxima restauración dos tres templos xa conta cos permisos correspondentes.
Mes: Decembro 2018
Recanto de Nadal de Mans Unidas Lugo
O 3 de decembro Mans Unidas Lugo inicia o Recanto de Nadal na praza de Ángel Fernández Gómez (detrás do Concello). Trátase dun espazo no que ata o día 13 se venderán obxectos para uso propio ou regalar, co seguinte horario: de 11 a 13:30 h e de 17 a 20 h. O recadado neste mercado solidario destínase aos dous proxectos que neste ano 2018 está apoiando a Delegación de Lugo:
BRASIL Consolidación da agricultura familiar do distrito do alto Capim
Beneficiarios directos: 103 familias
Á fronte do proxecto: Felipe Bannitz, Instituto de Socioeconomía.
Importe: 61.781 €
HONDURAS Defensa de dereitos de mulleres e nenas vítimas de violencia
Beneficiarios directos: 7882 persoas
Á fronte do proxecto: D. Carlos Guillermo Paz Guevara. Cáritas San Pedro de Sula
Importe: 75.459 €
Unha estrutura favorecedora do diálogo e da comuñón
Téñenme preguntado varias veces por qué certos políticos ou líderes sociais mostran tanta animadversión contra a Igrexa Católica e son condescendentes con outras relixións, en especial có Islam.
Así vemos que se fai suma dos delitos cometidos por persoas da Igrexa durante 60, 80 ou incluso máis anos. Súmanse sentencias e acusacións, que non son o mesmo. Non se fai o mesmo con militantes de partidos, funcionarios do Ministerio de Educación ou do Ministerio do Interior…
A reflexión de hoxe, que quere ser SOCIOLÓXICA nos límites dun artigo, baséase na diferente estrutura organizativa e proceso formativo dos responsables de la Igrexa e outras relixións.
A elaborada estrutura organizativa da Igrexa Católica é claramente de ámbito universal pero o Islam, en especial o Suní, non ten esa estrutura mundial. Unha estrutura planetaria está fóra do control do Estado e resulta molesta aos gobernos que queren ser, ou son, totalitarios.
A estrutura universal facilítalle á Igrexa gran riqueza de ideas, perspectivas, capacidade de diálogo e de encontro no seu funcionamento. Aos que nos falta esa perspectiva, ás veces, non entendemos as tomas de postura da Igrexa por faltarnos moitos datos relevantes. Así percibiuno un pastor evanxélico que dixo: “os católicos estades acostumados a convivir coas diferencias e nós solucionámolas dividíndonos”.
A estrutura universal da Igrexa maniféstase a través de:
-A súa unidade organizativa presidida polo Bispo de Roma, o Papa.
-Os Concilios Universais que se teñen para dirimir cuestións importantes.
-Os Sínodos de bispos e persoas de todo o mundo que se celebran, polo menos, cada tres anos.
-As visitas “ad limina” que fan cada cinco anos os bispos ao Papa cun amplo informe e diálogo sobre as dioceses.
-Encontros de bispos tanto por temas sectoriais como por ámbitos xeográficos diversos.
-As Conferencias Episcopais Nacionais, Continentais ou de varios países.
-Intercambio de documentos e informes de xeito permanente sobre diversos temas.
Desta estrutura organizativa séguense consecuencias como:
*Distanciamento e vista en perspectiva das realidades, especialmente as problemáticas.
*Poder comparar calquera realidade ou proxecto sociopolítico có acontecido noutros lugares para coñecer as súas consecuencias ou prevelas. Así Juan Arias no artigo, “El día en que el Papa se enfrentó a los sandinistas” (El País 22-VII-2018) lembraba as súas críticas acedas a Xoán Paulo II na súa visita a Nicaragua (marzo 1983) para concluír con estas palabras literais que van sen traducir: “Y hoy, el país, ensangrentado, ha salido a la calle contra el Gobierno de Ortega. ¿Tenía entonces razón el papa Juan Pablo con su condena del sandinismo y su reprimenda pública a Cardenal?” ¡¡¡Pero iso máis de 35 anos despois e xa con máis de 400 asasinados e 1000 desaparecidos pola represión!!!
*Máis posibilidade para substraerse as manipulacións de calquera abuso de poder…
A Igrexa sabe que ela tamén é un paraugas para a liberdade doutros grupos e persoas. Ademais pono por escrito, como vemos na encíclica de Xoán Paulo II Centesimus Annus nº 45: “O Estado totalitario tende, ademais, a absorber en si mesmo a nación, a sociedade, a familia, as comunidades relixiosas e as mesmas persoas. Defendendo a propia liberdade, a Igrexa defende a persoa, que debe obedecer a Deus antes que ós homes (Feitos 5,29); defende a familia, as diversas organizacións sociais e as nacións, realidades todas que gozan dun ámbito propio de autonomía e soberanía”.
Un breve apunte sobre o proceso formativo dos seus responsables, que é máis esixente cós das outras confesións relixiosas. Para ordenar os seus cregos esíxelles, despois do bacharelato, un proceso formativo mínimo de 5 anos de estudo (6 en Lugo), no que se inclúe 2 anos de estudos de filosofía. Ademais, moitos curas fixemos estudos universitarios civís, antes ou despois da ordenación. Cito un dato anecdótico: o actual Bispo da Diocese na súa consagración empregou cinco idiomas…
Unha organización social tan seria, con esta estrutura elaborada e universal e ese proceso formativo dos seus responsables, ten que resultar especialmente molesta para os poderosos e por iso ese afán en desacreditala con razón ou sen ela. Iso non exclúe que dentro da Igrexa haxa inxustizas como hai en calquera institución humana e que, por tanto, haxa que combatelas.
Para concluír, lembrar que este escrito faise desde unha perspectiva sociolóxica, que ten pouco que ver con que eu sexa crente e cura.
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas