O sábado 15 de decembro a partir das 11 h terá lugar o Encontro de Nadal do profesorado de Relixión da Diocese. No salón de actos do Seminario iníciase a xornada cunha charla reflexión de José Antonio Adrio Carballude. Na súa condición de Delegado de Mocidade, José Antonio informará aos asistentes sobre a vindeira Xornada Mundial da Xuventude, entre outras cuestións. Na capela do Seminario celebrarase a Eucaristía e a continuación haberá un xantar de irmandade, no que se homenaxeará ao profesor que se xubila, este ano é Mario Vázquez Carballo.
Mes: Decembro 2018
Polifonía por quilos
As Corais de Lugo, convocadas polo Orfeón Xoán Montes, participan nos Concertos Solidarios “Polifonía por quilos”. As actuacións realizaranse nas distintas igrexas da cidade de Lugo e pídese a doazón duns quilos de alimentos, non perecedoiros, para que as propias parroquias repartan entre os máis necesitados.
Programa:
Sábado 15/12/2018.- Parroquia San Antonio de Padua 19.30
–Orfeón Xoán Montes (Misa)
–Coral Xolda (Concerto)
Sábado 15/12/2018.- Parroquia Santiago A Nova/ centro parroquial Fontiñas 18.30
–Schola Gregoriana Lucensis (Misa e Concerto)
Sábado 15/12/2018.- Parroquia Santiago A Nova 20.00
–Cantar Delas e Solo Voces (Misa e Concerto, conxuntamente)
Domingo 16/12/2018.- Parroquia Sagrado Corazón 12.00
–Coral Xeral Calde e Coral Lugh (Misa e Concerto, conxuntamente)
Domingo 16/12/2018.- Parroquia A Milagrosa 12.30
–Coral Ecos do Miño Astelu (Misa)
–Coro San Antonio (Concerto)
Domingo 23/12/2018.- Parroquia San Lorenzo de Albeiros 12.00
–Coro da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago (Misa e Concerto)
Tan pouco vale a vida humana?
Cada poucos días e cada vez con máis frecuencia sae á escena pública o tema da eutanasia. Úsase para iso unha linguaxe eufemística e politicamente correcta, pero todo o mundo sabe do que se trata: acabar cunha vida que consideramos xa inútil.
Aos poucos imos afacéndonos a este “ run run”, como o fixemos no seu día co aborto, ata que o vemos como algo normal que xa non nos escandaliza. Unha película, unha moción no Congreso, unha entrevista… Pasa o mesmo que co noso coche, empeza a facer un ruído, que ao principio nos alarma pero que aos poucos días xa nos afacemos, mesmo se vai en aumento, ata que nos sorprende unha gran avaría, cando xa non podemos facer nada por evitala.
Un pode entender que algunhas persoas debido á súa situación estean angustiadas, de tal forma que o seu ánimo decaia e desexen que chegue a morte dunha vez para deixar de sufrir.
O que me custa máis entender é que haxa tanta xente nova, con saúde e con condicións de vida suficientemente dignas, para a que a vida non ten absolutamente ningún valor, que admitan como algo normal desfacerse do neno non nacido cando non interesa, vivir a vida cunha tremenda desgana e poñerlle fin cando as cargas empezan a ser pesadas.
Entendo que a cuestión non é “aborto si” ou “aborto non”, “eutanasia si” ou “eutanasia non”. Está claro que a ninguén se lle obriga, pero tamén é verdade que estas cousas teñen efecto chamada e contáxianse, ata parecer que son normais, cando non o son.
A cuestión primeira, desde o meu punto de vista, é saber por que a vida perdeu tanto valor ata este deprezo da mesma, precisamente cando máis deberiamos coidala: a indefensión dunha persoa non nacida e a da enferma ou anciá que se ve soa na súa situación.
De onde xorde este fastío que invade a vida das persoas para que o seu valor descenda de tal modo que xa só pende dun fino fío? Que fixemos para que sexa precisamente nos países máis desenvolvidos, onde menos se desenvolva a vida, con máis abortos, menos natalidade, máis suicidios e agora a eutanasia? Que fixemos para que a vida humana valla menos cá dun can? Como chegamos a converter ao home no peor inimigo de si mesmo?
Parece que o homo homini lupus do filósofo do século XVIII Hobbes faise realidade no século XXI. Claro que agora, máis ben, uns homes fan de lobos e outros de inocentes cordeiros, sen posibilidade algunha de defenderse.
O aborto e a eutanasia son a expresión máis clara do baleiro que invade ás persoas cando só estamos cheas de materialismo. Rompemos coas nosas raíces créndonos froito dunha simple casualidade e frustramos as nosas ansias de perpetuidade poñendo fin a unha vida da que descoñecemos a súa orixe. Non só acurtamos os días da nosa vida, senón que tamén reducimos á mínima expresión a súa dignidade, decidindo arbitrariamente cando temos que morrer.
Estas “ideas suicidas” invalidan todas as palabras daqueles que se lles enche a boca falando de políticas sociais para axudar aos máis desfavorecidos.
Termino cunha oración do Papa Paulo VI, recentemente canonizado: Oh Cristo, único mediador noso:/Necesitámoste, oh único e auténtico mestre/das verdades recónditas e indispensables da vida,/para coñecer o noso ser e o noso destino,/así como o camiño para alcanzalo.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco da Fonsagrada
Celebracións en honra da Inmaculada Concepción
Cando se aproximan as festas de Nadal, con celebracións tan entrañables para as familias, a Diocese quere ter presente esta realidade familiar, vivíndoa como algo gozoso, que nos constrúe na nosa vida persoal e na nosa vida de fe arredor da Virxe María. Para iso organízase a Vixilia da Inmaculada o venres 7 de decembro ás 19:30 h na Parroquia da Milagrosa. Estará presidida polo Bispo da Diocese.
O proprio día da Inmaculada, o 8 de decembro, ás 13h será a Eucaristía na Catedral, e ese mesmo día acudirán en peregrinación fregueses do Centro interparroquial San Xosé Obreiro de Oural.
Entre “festivos” e “pontes”. Tempo para rezar por España
Esta é a semana dos festivos e as pontes. Mañá é o día da Constitución e, por tanto, festivo civil. Tamén celebramos a solemnidade da Inmaculada Concepción da Virxe María, que tamén é día festivo en España. E, coincidan como coincidan estes días, sempre haberá ocasión para facer, polo menos, unha pequena “ponte”.
Nós tentamos ir máis aló das “pontes” e estes días tamén deberían converterse nunha ocasión para a oración. Esta semana debería ser a “semana de oración por España”. Explícome.
A Constitución española cumpre corenta anos mañá nunha nación na que se pon en dúbida case todo. Resultan paradoxais os niveis de crispación, insultos e violencia que temos que soportar todos os días e que non parecen propios dunha nación desenvolvida do século XXI, concienciada coa solidariedade, que despois non se practica entre os seus membros.
Por iso mañá, aínda que sexa unha celebración civil, non está de máis de teñamos unha oración especial polo noso país, polos seus gobernantes e as súas xentes, para que todos podamos vivir en paz e concordia fraternal. É inxusto que se gaste o tempo e o diñeiro só para unha violencia verbal (e ás veces física) que non leva a ningunha parte.
Encomendemos España a María, que a Nai poña cordura nos seus fillos e unidade entre todos. Esta semana honramos á nosa Nai a Virxe María no seu misterio da Inmaculada Concepción. Unha Nai que sempre está aí e á que Deus preparou desde sempre, facéndoa Inmaculada, para ser a nai de Xesucristo, o príncipe da paz.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada